Reportaje:LUCES

A emerxencia do idioma galego

Afonso X xogou un papel decisivo na 'oficialización' da lingua administrativa

Cando escoitamos falar do idioma galego na Idade Media, inmediatamente o asociamos á lírica trobadoresca, coa súa rica imaxinaría de trobadores, xograres e bailadeiras, de cortes poéticas e lances de amor e burlas. Nese retábulo, Afonso o Sabio ten reservado, a xusto título, un lugar central, como poeta el mesmo e como mecenas dunha escintilante corte literaria. Menos coñecido é o papel que este monarca xogou na oficialización do galego, entendendo por isto o seu establecemento como idioma habitual dos documentos xurídicos e administrativos. Sobre isto queremos chamar a atención. Sabido...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Cando escoitamos falar do idioma galego na Idade Media, inmediatamente o asociamos á lírica trobadoresca, coa súa rica imaxinaría de trobadores, xograres e bailadeiras, de cortes poéticas e lances de amor e burlas. Nese retábulo, Afonso o Sabio ten reservado, a xusto título, un lugar central, como poeta el mesmo e como mecenas dunha escintilante corte literaria. Menos coñecido é o papel que este monarca xogou na oficialización do galego, entendendo por isto o seu establecemento como idioma habitual dos documentos xurídicos e administrativos. Sobre isto queremos chamar a atención. Sabido é que a documentación galega da Idade Media é das máis farturentas da Península Ibérica. Non obstante, temos que lembrar que ofrece un testemuño parcial, pois, agás a que procede das chancelarías reais, case toda ela corresponde a fondos eclesiásticos. Carecemos case totalmente de documentación anterior ao século XIV procedente de casas nobiliarias, concellos e outras institucións civís (destas escrituras, só chegaron a nós as que foron dar aos arquivos de igrexas e conventos). Sexa como for, os testemuños indiscutibles de emprego do galego anteriores a 1250 apenas pasan da ducia. En troca, a partir de 1255 verificamos un sorprendente surto do uso do idioma do país, que, en pulso co latín, avanza imparable ata tornarse de uso xeral, o que se verifica ao final da centuria.

Afonso X o Sabio concibiu un vasto proxecto de extensión das linguas romances

O ascenso dos romances durante o reinado de Afonso o Sabio responde a unha política lingüística consciente e decidida do monarca. ¿Unha política lingüística? Seguro que máis dun lector ou lectora arregalarán os ollos. Pois si, Afonso concibiu un vasto proxecto de promoción dos idiomas vulgares ou romances (estas son as denominacións que recibían na época os falares derivados do latín). Isto é inseparable dun proceso xeral de secularización da cultura, un ámbito ata daquela monopolizado pola igrexa, especialmente na escrita, saber este reservado ao clero. Deste proceso tamén forman parte fenómenos tales como a fundación de universidades e, precisamente, a voga da poesía amorosa. O proxecto cultural de Afonso plasmouse nunha serie de concretas medidas de goberno. Así, o monarca dunha banda impulsou o cultivo literario do castelán na prosa e do galego na poesía; e doutra banda, dispuxo que tanto a chancelaría real coma as oficinas notariais espalladas nos seus reinos empregasen regularmente o idioma vulgar. Tan consciente era Afonso do seu proxecto que nas Partidas contemplou que o chanceler real "saiba ler e escribir en latín e en romance".

Canto á difusión do uso documental do idioma vulgar, e falando en concreto no que atinxe a Galicia, hai que salientar a importancia da política afonsina. Pensamos en particular na aparición da figura do notario público do concello e á súa evolución cara ao notario de designación real (notario del rey), coa progresiva formalización do seu estatuto xurídico e coa súa conseguinte profesionalización do oficio de escribán.

A escribanía aparece así como o primeiro corpo laico especializado na escrita. Unha peza fundamental desa evolución constitúea precisamente o Foro Real promulgado por Afonso o Sabio en 1255. Nese código lexislativo dedícase todo un título ao notariado, onde se le: "Establecemos que nas cidades ou nas vilas maiores sexan postos escribáns públicos xurados por mandado do rei". O uso do idioma galego na documentación é correlativo coa extensión da figura do notario do concello, sobre todo o de designación real. O alto clero, fortemente apegado á cultura libresca en latín, acolleu a novidade con desconfianza, como mostra a súa resistencia ao emprego do romance na escrita. Isto queda de vulto cando comprobamos que as primeiras pegadas deste aparecen nas coleccións documentais de mosteiros rurais, que acollían o baixo clero máis próximo ao pobo (Melón, Montederramo ou Ferreira de Pallares), mentres que os últimos redutos do latín se localizan nas catedrais, moi especialmente a de Santiago.

En definitiva, a emerxencia do galego como idioma culto enmárcase nunhas determinadas coordenadas históricas e sociais: en concreto, o pulo dunha cultura laica nacida da sociedade civil e apoiada nun poder político que afirman a súa autonomía fronte á Igrexa. Afonso o Sabio impulsou este proceso histórico con decisión, e nunha clave manifestamente pluralista. ¿Logo non foi el quen dispuxo que cantasen as Cantigas de Santa Maria no cabodano da súa morte? ¿Non foi el quen mandou gravar no seu sartego unha lenda en catro idiomas?

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Archivado En