Outras ideas, outro galeguismo
As ideas sobre cultura, sociedade, política que se expresan en galego viven até tal punto nun universo propio que mesmo contaminan a lingua, así o galego é visto pola sociedade como unha lingua con ideoloxía: o "galeguismo", o "esquerdismo" ou as dúas cousas xuntas. Ese feixe de ideas é internamente diverso, é un mundo rico, fértil, moderno en varios aspectos, porén, hai un rasgo que o domina: a autocompracencia autoxustificadora, o complexo de vítima que empece ser autocrítico. E de aquí deriva a incapacidade de actualizarse historicamente.
O galeguismo hoxe é un mundo autónomo e levit...
As ideas sobre cultura, sociedade, política que se expresan en galego viven até tal punto nun universo propio que mesmo contaminan a lingua, así o galego é visto pola sociedade como unha lingua con ideoloxía: o "galeguismo", o "esquerdismo" ou as dúas cousas xuntas. Ese feixe de ideas é internamente diverso, é un mundo rico, fértil, moderno en varios aspectos, porén, hai un rasgo que o domina: a autocompracencia autoxustificadora, o complexo de vítima que empece ser autocrítico. E de aquí deriva a incapacidade de actualizarse historicamente.
O galeguismo hoxe é un mundo autónomo e levitante, tecido coas complicidades, medoñento, refuxiado na ideoloxía para non afrontar o noso tempo, o mundo.
O nacionalismo galego debe abandonar de vez a visión grandilocuente que ten de si mesmo
O galego é a lingua natural da Galiza, mais o castelán non é unha lingua calquera
Historicamente a literatura foi tronco e nervo do galeguismo, agora está a ser un tóxico; para ser unha corrente cívica plena o galeguismo non pode encerrarse nunha visión literaria, nun cómodo limbo. Son a España e Galiza iguais que no ano 75? Iguais que antes da Unión Europea? Como cando había Banco de España e peseta, exército nacional de leva obrigatoria, alfándegas e gardas civís nas fronteiras estatais? É o mundo igual ao de antes da queda da URSS? Os discursos nacionais e as estratexias que procuran xustiza hoxe deben contestar con humildade a esas preguntas ou entrarán nun camiño sen saída; ou xa están. O nacionalismo galego debe aceptar que a queda da URSS e o modelo soviético, fracasaron do seu propio fracaso. E os cascallos que ficaron onde aquela utopía son pouco útiles á humanidade.
Existiu colonialismo, existen políticas imperialistas: Irak, Palestina, Tíbet, a man de Estados Unidos, Francia, China en África... Mais os dominadores xa non precisan do colonialismo clásico, as relacións de dominio e explotación funcionan dun modo máis complexo, orgánico e eficaz, pois formamos todos un único corpo mundial e os conflitos están xa todos dentro de nós. Aceptar a realidade obriga a falar claro da organización da economía, non se pode dicir unha cousa e facer a contraria se un quere ser tomado a serio pola sociedade. Hai unha esquerda na Galiza, e por extensión o nacionalismo galego, que aínda ten que pensar que facer coa idea da revolución. Recoñecer o mundo existente non obriga a ser de dereitas, o mundo está como está para ser transformado nun mundo máis xusto.
E, sobre todo, o nacionalismo galego debe abandonar de vez a visión grandilocuente que ten de si mesmo. Na II República o galeguismo político foi quen a liderar un proceso histórico, a loita pola autonomía; o nacionalismo debe recoñecer a evidencia de que non interviu de forma decisiva nos procesos políticos e socieoconómicos que modelaron a Galiza actual: democracia, autonomía, UE... A maior parte del estivo á marxe ou enfrentouse a eles, foron outras correntes políticas as que os conduciron, o nacionalismo foi testemuñal a través de figuras ou organizacións que non son centrais no BNG.
De aí esas ambivalencias coa autonomía e a construción da Europa. A sociedade galega deulle ao nacionalismo un capital humano valiosísimo, a xente máis rebelde, animosa, comprometida, sobre todo a xuventude. Con iso fixo políticas de resistencia, que paliaron ataques a intereses nosos concretos, políticas defensivas. Tendo tan grande riqueza humana, hai que concluír que faltou intelixencia política e visión histórica. Leva décadas a remolque da historia.
DURA LINGUA, DÚAS LINGUAS
E o pensamento sobre a lingua, que ten un papel tan importante no galeguismo, está completamente obsoleto, fóra de época e completamente á defensiva, encerrado en consignas. Hai que escoitar a realidade social (mesmo hai que considerar as obxeccións dos obxectores, alén do indudábel integrismo que conteñen, non hai máis remedio que consideralas). Analizamos a presenza do castelán entre nós como imposición imperialista e colonial, e foino historicamente, padecéronse políticas para facer desaparecer a Galiza como reino efectivo e para reducir planificadamente o galego de lingua do país a xerga de paisanos. Aínda non fixemos a necesaria experiencia terapéutica de botar fóra o que ten sido e mais é o ser galego falante, vivir connotado remarcadamente como galego, esas experiencias de humillación e de destrución da identidade personal. Necesitámolo, é terapéutico, sen que iso nos deteña na autoxustificación e o vitimismo.
Con todo, o castelán xa non precisa da imposición para trunfar, agora son os galegos e galegas os que o procuran, os que abandonan en canto poden as nosas palabras, mesmo o sotaque, para asimilarse como castelánfalantes. É por algo. Emular, copiar é un mecanismo de melloramento que ten a nosa especie. Hoxe a nosa xente copia os modelos sociais dominantes, o que ve na televisión, os modelos que trunfan na nosa sociedade aculturizada. E con iso temos que competir. Competir é ofrecer un producto mellor, algo máis atractivo e que ofreza viabilidade e progreso personal e social. Ou iso ou nada.
Sempre é complicada a coexistencia de dúas linguas na mesma sociedade, loitan. O galego é a lingua da Galiza, mais o castelán non é unha lingua calquera en ningún sentido. Hoxe é unha evidencia social abrumadora entre nós, abonda escoitar á xente: non é unha lingua estranxeira en absoluto, non sendo no plano da ideoloxía.
E para comprender sen autoenganos a relación que pode ter o galego co castelán, hai que aceptar que o español é unha lingua distinta ao euskaro, o finés, ou o polaco, que só se fala en Polonia por polacos, ou que o italiano, cun grande pasado literario e que foi en Europa lingua de cultura; distinto que o francés, falado en Francia e parte de África e cunha tradición cultural enorme... Tampouco o español é o de hai corenta anos, o da España encerrada de Franco, ignorante, atrasada, de costas a Europa. Aquela era unha lingua de trinta e tantos millóns de españois, unha lingua dun estado nación. Coa democracia, a entrada na Europa e o medre económico o Estado español gañou prestixio e espazo no mundo e gañou influencia en América. Isto reforzou o papel e a importancia do castelán. Non é unha lingua calquera: é a terceira lingua en falantes do mundo e cada vez máis estudada na Europa, onde come o terreo do francés e italiano como segunda lingua. Nada máis e nada menos.
É unha das grandes linguas do planeta en cifras, tamén potencia cultural. España como conxunto éo: Velázquez, Goya, Picasso... A literatura en castelán é dunha riqueza enorme: La Celestina, Don Quijote, San Juan de la Cruz, La vida es sueño, Quevedo, En las orillas del Sar, César Vallejo, Lorca, Valle... E esta España europea, desmarcada das políticas imperialistas, cun goberno paritario é vista con interese no mundo. O castelán é a lingua desa potencia. Para ben e para mal temos que tratar cunha lingua así, cun dobre carácter para nós: é un instrumento moi valioso ao noso dispor e tamén é unha máquina de colonizar culturalmente.
E para conseguir algo hai que parar e constatar que os galegofalantes somos unha minoría no noso propio país, iso é evidentísismo nas cidades. E as políticas que se pensen deberán ser para protexer a esa minoría. Asumámolo, o galego como lingua social, xa non digo nacional, está nunha situación histórica agónica. Afrontémolo.
DENTRO, FÓRA, CON, EN ESPAÑA
E afrontemos a nosa relación con España ou en España. As relacións puramente bilaterais son unha construcción metafísica irreal, pois son posibeis relacións federais, mesmo confederais, mais non unha relación entre entes separados: a Galiza existe en por si de certas maneiras e así podemos falar de Galiza e de España, mais a Galiza existe en España de moitos modos, bos e malos.
Debéramos deixar frases goras que están a anos luz da realidade social, das realidades humanas. Desde a Galiza, desde o galeguismo, ademais de pensarnos na Europa hai que pensar as relacións coa España e na España, na actual pertenza a un Estado. Logo de estudar os números e preguntarnos cal é a nosa posición: somos estranxeiros a esa realidade humana e política? Somos parte? Estamos aí malia non sermos de aí? Estes cidadáns e cidadás que vivimos aquí, con esta perspectiva e intereses, esta cultura, esta historia e esta lingua, temos dereito a esixir recoñecemento para nós, para as nosas identidades? E que poden agardar de nós os demais cidadáns do Estado? Lealtade a un pacto de convivencia? Cales serían as condicións? Máis aló das conveniencias, temos lazos de irmandade con eles?