Reportaje:CANTAR DUN PAÍS | LUCES

Cen anos de rumorosos

Os estudosos discrepan sobre a data inaugural do himno, que non tivo recoñecemento oficial ata 1980

A fins de ano vaise cumprir oficialmente un século desde que o himno de Galicia foi interpretado, ou alomenos difundido, por primeira vez, pero de terse composto nestes tempos, ninguén lle aseguraría a Os Pinos demasiado futuro, nin musical nin político. A melodía non é precisamente pegadiza, nin o bastante reiterativa, nin o suficientemente simple. A letra tampouco é que axude a facelo popular. E dos seus -alomenos- cen anos de vida, apenas leva a cuarta parte de existencia oficial e legal. Nin sequera ten moitos fans confesos, mesmo en sectores galeguistas. Pero é un referente nunca c...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

A fins de ano vaise cumprir oficialmente un século desde que o himno de Galicia foi interpretado, ou alomenos difundido, por primeira vez, pero de terse composto nestes tempos, ninguén lle aseguraría a Os Pinos demasiado futuro, nin musical nin político. A melodía non é precisamente pegadiza, nin o bastante reiterativa, nin o suficientemente simple. A letra tampouco é que axude a facelo popular. E dos seus -alomenos- cen anos de vida, apenas leva a cuarta parte de existencia oficial e legal. Nin sequera ten moitos fans confesos, mesmo en sectores galeguistas. Pero é un referente nunca contestado en Galicia. E mesmo versos como "os bos e xenerosos" ou "os tempos son chegados" acadaron xa a categoría de refráns populares.

Más información

O himno foi, coa bandeira, dos poucos símbolos de identidade de Galicia que a Xeración Nós non tivo que promover, rescatar ou inventar, no plano político ou cultural. Daqueles dous aspectos, formais pero obviamente importantes, encargáranse un cuarto de século antes na emigración en La Habana. Do himno, en concreto foi un ferrolán, José Fontenla Leal, quen primeiro lle pedira unha letra a Curros Enríquez, daquela residente en Cuba, e a música a José Castro Chané. Como estes non deron feito, segundo o historiador Baldomero Cores Transmonte, Fontenla Leal botou man dun poema de Eduardo Pondal xa existente, Os Pinos, e encargoulle a música (ou pediulle a partitura) a Pascual Veiga. O 20 de decembro de 1907 interpretouse por primeira vez no Gran Teatro da Habana "por la Banda Municipal, el Himno Nacional Gallego", segundo reza a placa que aínda se conserva. Foi precisamente para recadar cartos co fin de trasladar de Madrid a Mondoñedo os restos de Veiga, morto meses antes, e enterralo con dignidade.

Claro que esta é a historia canónica. Nun congreso convocado para conmemorar o centenario -este si indiscutible- da morte do compositor, o musicólogo Fernando López-Acuña reiterou as probas de que xa en 1890 se celebrara na Coruña un concurso para unha Marcha Regional Gallega sobre o texto de Pondal ou máis ben sobre o texto que Veiga e Pondal foron pulindo nun intercambio epistolar. Veiga era o presidente do certame, e como tal non podía participar, pero si tiña a obriga de compoñer unha peza por se quedaba deserto. "Aí está a constancia de que se compuxo o himno. A de que se interpretou está en documentos dos orfeóns que Veiga dirixiu cando se trasladou a Madrid, dous anos despois". En 1896, un deles, o do Centro Gallego de Madrid, perdeu de forma polémica un concurso en Lugo, e os argumentos que, segundo o diario El Regional, usaron na súa defensa seguro que lles soan: "Mais só os iñorantes, e féridos e duros /imbéciles e escuros/ non nos entenden, non".

"O que é indudable é que foi o concerto da Habana e a oficialización que lle deron no Centro Galego o que contribuíu a que fose o himno de Galicia", recoñece López-Acuña. "O himno créase como tal na Habana non por casualidade. Era unha das capitais culturais do mundo, había unha forte emigración que tiña sentido de ausencia, da perda de Galicia. Querían ser galegos e modernos e tiñan cartos para selo. Escolleron un poema á moda, iluminado e cheo de símbolos", asegura o musicólogo Xoán Manuel Carreira, editor da revista Mundo clásico, para quen Os Pinos "é unha peza preciosa para a época, e o fascinante é que, máis alá da retórica, non é apenas violento nin fala de sangue".

Efectivamente, Os Pinos non é un deses cantos populares que ascenden á categoría de símbolos oficiais, nin a consabida marcha militar que exalta o ardor guerreiro. En resumo apresurado, é un diálogo entre as forzas da natureza que conclúe coa necesidade da redención nacional polo esforzo e convencemento dos propios galegos (e sen que a palabra Galicia apareza nunca), que se desenvolve sobre un ritmo musical pausado pero teimudo, coral, como unha marea que soamente rompe ó final de cada estrofa. "É un himno distinto, alleo ó patetismo ibérico da súa época, pero é que tamén somos un pobo que non existe, sen Estado. A min gústame porque coloca a cada un no seu sitio, síntome orgulloso del", asegura o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, que hai pouco polemizou con outros autores sobre a vixencia do himno.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

A oficial é desde logo recente. O foco radiante que era La Habana deuno a coñecer en Galicia, e foise popularizando á par da expansión do agrarismo e do galeguismo. Prohibido na ditadura de Primo de Rivera, colleu pulo na II República, pero nin sequera estaba contemplado no texto do Estatuto de Autonomía. Rexurdiu en Galicia a fins dos anos 60, coas mobilizacións estudiantís e obreiras. Acabalo de cantar era como o sinal para que cargarse a policía (ou a policía agardaba a que rematase para cargar, desde outro punto de vista). Ferrín, testemuña daqueles tempos, considera falso o aserto de que Franco se puxo de pé nunha ocasión en que o tocaron na súa presenza: "É unha lenda urbana, que todos dan por certa, pero que ninguén presenciou". Cores Trasmonte sinala a campaña electoral de 1977 como o momento en que todas as forzas políticas admiten, polo menos formalmente, o himno, pouco antes de que o Estatuto de 1980 o estableza como un dos símbolos de Galicia. Ata hoxe.

Este ano celébranse, pois dous centenarios relacionados co himno. O do concerto do Gran Teatro habaneiro e o da morte de Pascual Veiga. Nos actos conmemorativos, con ser poucos, gaña por goleada o do pasamento do autor da obra. A maiores do congreso xa celebrado sobre o compositor mindoniense, estes días ten lugar o curso Visións de Galicia no Centenario de Pascual Veiga, coorganizado pola Universidade de Compostela e a Consellería de Cultura. Tamén está previsto que o Consello da Cultura e a Real Academia fagan unha publicación conxunta sobre os símbolos de Galicia -himno, bandeira, escudo e Panteón dos Galegos Ilustres- para contribuír a fixar con rigor o proceso histórico da súa constitución. O libro incorporará un disco con distintas interpretacións de Os Pinos ó longo do tempo.

Instruccións de uso

O galego tipo experimenta reaccións concretas e xeneralizables ante tres pezas musicais. Ao escoitar Negra sombra traga saliva, córrelle un arreguizo polo lombo e apreta os dentes ou as mans (os máis sensibles, os ollos). Co Miudiño relaxa os músculos, preparando o corpo para abanealo ao ritmo da canción, constrúe un círculo (ou dous, un con cada man) cos dedos índice e polgar, como se collese unha batuta, que se pecha en puño no retrouso. Os Pinos provoca un envaramento máis ou menos pronunciado, ao tempo que se bota a cabeza cara atrás, se se vai cantar, ou cara abaixo se se vai escoitar.

A segunda é a postura máis común. "Todo cidadán debería coñecer o himno do seu país, e en Francia os nenos saben a Marsellesa", tercia López-Acuña no debate sobre a súa aprendizaxe. "As escolas aquí seguen ensinando el cochecito leré e nada en galego", ironiza Méndez Ferrín. A polémica que se produciu extramuros sobre os supostos agravios aos non galegos convértese aquí na crítica de que pouca xente coñece enteiramente a súa letra, sobre todo membros da clase política, casos nos que hai un certo consenso popular de que o coñecemento do himno lles vai no salario. Compróbase nos actos oficiais, que uns entoan, outros calan con aspecto grave e tamén hai quen fai unha especie de play back como pode. "Estou convencido de que Touriño, que era comunista no 68, sabe o himno. E Abel Caballero tamén", garante Ferrín.

Archivado En