Reportaje:XENTE DE AQUÍ | Luces

Diego Xelmírez, paixón do Reino e de Compostela

"Santiago de Compostela compartiu con Roma e Xerusalén a gloria de ser un dos máis importantes lugares sagrados da Cristiandade no medioevo. A pequena cidade galega acadou sona uns oito séculos máis tarde do que as dos outros santuarios; pero logo, competiu en prestixio con elas." Así comeza Anselm Gordon Biggs Diego Gelmirez, First Archbishop of Compostela, o seu estudo sobre un galego que realizou un milagre: pór no centro da Europa cristiá a aquel lugar que fora unha antiga torre celta nun cruce de camiños, o Liberum donum. Foi Xelmírez quen deu creado aquel centro de poder re...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

"Santiago de Compostela compartiu con Roma e Xerusalén a gloria de ser un dos máis importantes lugares sagrados da Cristiandade no medioevo. A pequena cidade galega acadou sona uns oito séculos máis tarde do que as dos outros santuarios; pero logo, competiu en prestixio con elas." Así comeza Anselm Gordon Biggs Diego Gelmirez, First Archbishop of Compostela, o seu estudo sobre un galego que realizou un milagre: pór no centro da Europa cristiá a aquel lugar que fora unha antiga torre celta nun cruce de camiños, o Liberum donum. Foi Xelmírez quen deu creado aquel centro de poder relixioso, político e económico; tamén un centro cultural europeo que deu, entre outros froitos, a literatura das Cantigas. Unha Compostela que coroaba e enterraba reis, nunha Europa medieval en que relixión e poder eran a mesma cousa e a cruz era a espada, a vermella Cruz de Santiago. Xelmírez fixo ese milagre.

As grandes personaxes naceron nun día sinalado ou envoltos en sombras
No século XII nace Portugal e fractúrase a lingua en dous territorios
Segundo Briggs, só tiña "un pensamento: a independencia da Galiza"
Contra a fin da súa vida, asaltáronlle o pazo reconstruído e a catedral

Porén, non puido haber Xelmírez sen haber antes o bispo Cresconio. No ano 997 Al Mansur arrasou o reino, destruiu a cidade e a basílica compostelá respectando o sepulcro. "Almançor impôs um tributo aos galegos e todos os cristaos reconheceram a sua autoridade". Polo 1066 xa era bispo Cresconio e fortificou a cidade reconstruída, fundou con gramáticos formados en París, Boloña e Cluny a escola catedralicia que foi logo a base do esplendor literario do reino. Non só iso senón que levantou en Catoira unha torre, o Castellum Honesti, para protexer a cidade dos ataques normandos, e sen lle pedir permiso a ninguén proclamou a cidade como sé apostólica, de par de Xerusalén e Roma, afrontando ao Papa, que vía que se lle disputaba o poder. Cresconio non tivo medo tampouco de aldraxar a un enviado papal nin lle importou ser excomungado e alcumado de nigromante e mais herexe. Logo de Cresconio xa non había marcha atrás para a ambición compostelá e o seu sucesor, o bispo Diego Peláez, continuou a protexer a escola de gramáticos e ampliando a curia catedralicia, que máis tarde Xelmírez transformará nunha corte practicamente cos mesmos poderes que os dun monarca.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

As grandes personaxes ou naceron nun día especialmente sinalado ou envoltos en sombras. Xelmírez naceu un día entre o ano 1068 e o 1070, probabelmente en Compostela, aínda que o seu pai era un cabaleiro ao cargo da defensa da cercana torre de Catoira. Educouse na corte de Afonso VI e na escola catedralicia e foi secretario do conde Raimundo de Borgoña, quen había casar axiña coa filla do rei, dona Urraca. Nese momento inicial, Diego estase a situar xa no que será o seu futuro: un sarillo de loitas polo poder que disputarán o propio Xelmírez, Urraca e un fillo seu, Afonso Raimúndez. E no arredor, o conde Pedro Froilaz de Traba, o rei navarro Afonso o Batallador, os burgueses composteláns, o Papa Calixto, o bispado de Braga... A súa vida foi un incendio vertixinoso.

Anos despois de ter pasado pola catedral como administrador, volve xa de bispo, reinando Afonso VI, e semella que chega cunha idea exacta do que pretende para Santiago: non enfrontarse a Roma disputándolle a primacía da cristiandade, como fixera o seu antecesor Cresconio, a cambio de conseguir do papado o recoñecemento como cidade apostólica e ser a súa representación na Península. E vaino facer con astucia, diplomacia e teimudez. Por iso agardou primeiro a que morrese Afonso VI, que xa tivera preso ao seu antecesor o bispo Peláez por disputarlle o poder político, e aínda dubidou despois das súas decisións e calculou as súas xogadas políticas.

O seu primeiro movemento foi enviar emisarios pé do Papa conseguir privilexios, reforzado por este apoio papal comezaron os ataques para debilitar Braga. Viaxou alí acompañado dun séquito para reclarmarlle ao bispado bracarense propiedades e, tras saquear tumbas en dúas igrexas, roubou o que chamou "perlas preciosas": "Reliquias do Noso Señor" e os corpos de Santa Susana, San Silvestre e San Cucufate. Ao saqueo chamoulle o "roubo piadoso", pois xustificouno dicindo que en Santiago habían estar mellor coidadas as reliquias. Un milagre divino probou a piedade do roubo: perseguido pola indignada xente de Braga, cando chegaron escapando ao Miño o río baixaba cheo e avolto, mais de contado se tranquilizaron as augas para que puidesen cruzar coas reliquias.

O enfrontamento con Braga tivo unha consecuencia trascendental. "Braga, até a invasión árabe, fora a cidade galega por excelencia", sinala Emilio González López. "A pouco de reconstruir a súa capital e reorganizar a súa xurisdicción eclesiástica sobre a antiga Galiza atopouse gravemente ameazada na súa existencia. No norte, Compostela aspiraba a se convertir nunha igrexa metropolitana con xurisdicción sobre o territorio galego. No sur, Toledo tencionaba herdar a igrexa metropolitana de Mérida [...]. Nestas circunstancias, Braga atopábase entre a espada e parede sen saída posíbel; e a única que se lle abriu foi a da independencia de Portugal". O conde don Henrique de Borgoña, casado con Tareixa, unha filla de Afonso VI, "foi a alma e o brazo que impulsou o recoñecemento da autoridade de Braga". Coa separación do resto da Galiza comeza a existencia de Portugal e fractúrase a nosa lingua en dous territorios, malia que a literatura dos trobadores en galego recollida nos Cancioneiros continúe a súa vida.

Mais o Diego calculaba diversos movementos no seu taboleiro de xadrez e, tras a morte de Afonso VI e o casamento da súa filla Urraca co aragonés Afonso I o Batallador, ábrese unha época de disputas polo reino e Xelmírez, seguindo a política do Papa, alíase con Pedro Froilaz, conde de Traba, que apoiaba a Afonso Raimúndez, un fillo de Urraca. En 1110 o de Traba e Xelmírez coroan a Afonso Raimúndez rei da Galiza na catedral de Santiago. Teñen mentes de seguir logo até León e coroalo alí tamén rei, mais comeza unha serie de guerras e conflitos. Inicialmente Urraca e Sancho enfróntanse ao novo rei e aos seus partidarios, mais logo Urraca ten desavinza co seu home e alíase con Xelmírez, mais logo enfróntase a éste e posteriormente... En todo ese proceso semella que o conde de Traba e Xelmírez "tanto no eclesiástico como no político non tiña máis que un só pensamento: a independencia da Galiza", segundo creu Gordon Biggs. Nun momento da serie de sucesivas desavinzas e alianzas entre Xelmírez e Urraca, a Hirmandade Compostelana, a primeira irmandade antiseñorial que se coñece na Península, asalta o pazo de Xelmírez e a catedral e ponlle lume. A raíña Urraca é escarnecida polo chan e Xelmírez consegue fuxir embozado e de noite. Só con iso a súa vida había ser un aburrimento, así que polo medio foi preso e logo liberado pola Hirmandade e aínda haberá outro episodio posterior, xa contra a fin da súa vida, no que lle asaltan outra volta o novo pazo reconstruído e a catedral.

Todo iso non era bastante e, ademais das guerras, manobras políticas e revoltas, encarou a ameaza ás costas galegas de invasores normandos, almorábides e até cruzados camiño de Xerusalén. Mandou construír unha frota de guerra para defender o reino, as principais batallas foron cos almorábides, que daquela estaban instalados nas illas das Rías Baixas, até conseguir expulsalos. Polo medio tivo tempo de acuñar moeda, como se fose un monarca, e de ordear a redacción do Códex Calixtinus e da Historia Compostelana, como se fose un monarca. Contan que morreu sentindose "pai, escudeiro, defensor e protector da patria galega" e "cabeza visíbel da España", como se fose un monarca. Mais tampouco se sabe a data da súa morte nin o lugar exacto do enterramento, din que os seus restos foron trasladados "ao claustro, no anco máis próximo á catedral, perto do lugar onde se atopaba o tesouro". Mais, dados eses datos tan vagos, como non sospeitar que aínda non descansa e anda a canear polo claustro e as naves da catedral cando anoitece. A parolar con outras sombras.

Archivado En