Que fará a Academia?
A institución decide mañá o homenaxeado no vindeiro Día das Letras entre dúbidas sobre a proxección da data e os "riscos" de escoller a Ricardo Carvalho Calero
Novoneyra ou Carvalho Calero? Festivo ou laborable? Os 28 membros da Real Academia Galega escollen mañá o autor que será homenaxeado en 2010. Desta vez, co novidoso "extra de dramatismo que engaden as medidas desprotectoras do galego que empeza a homologar o PP". Na boca do académico Francisco Fernández Rei: "Os defensores do galego somos terriblemente educados. Igual nos están pedindo que deixemos de selo".
Mencións transversais ao "delicado" do momento limitan a reflexión sobre o 17 de maio e a necesidade, ou non, de aggiornar o Día das Letras. Desde a súa consagración a un aut...
Novoneyra ou Carvalho Calero? Festivo ou laborable? Os 28 membros da Real Academia Galega escollen mañá o autor que será homenaxeado en 2010. Desta vez, co novidoso "extra de dramatismo que engaden as medidas desprotectoras do galego que empeza a homologar o PP". Na boca do académico Francisco Fernández Rei: "Os defensores do galego somos terriblemente educados. Igual nos están pedindo que deixemos de selo".
Mencións transversais ao "delicado" do momento limitan a reflexión sobre o 17 de maio e a necesidade, ou non, de aggiornar o Día das Letras. Desde a súa consagración a un autor que leve morto un mínimo de dez anos á súa operatividade como acto cívico. De entrada, o primeiro dos debates claréxase mañá: entre escoller a un militar liberal como Antonio Fernández y Morales (autor en 1861 dos Ensaios poéticos en dialecto berciano, prologado por Cubí, dous anos antes de Cantares gallegos) ou nominar a Manuel Pardo de Andrade, Filgueira Valverde, Paz Andrade, Ricardo Carvalho Calero ou Uxío Novoneyra hai lecturas políticas directas.
"Nunha lingua normalizada, o discurso de Calero sería enriquecedor"
"Podíanse celebrar os vivos, sobre todo se deixa de haber Premios Nacionais"
A candidatura do autor d'Os Eidos, falecido en 1999, abéirana máis de mil apoios individuais e colectivos -de Viale Moutinho e Juan Gelman a sociedades da emigración-. E xa a presentaron oficialmente Darío Xohán Cabana, Salvador García Bodaño, Ferrín e Margarita Ledo. No caso do filólogo ferrolán, a campaña é antiga. Con destaques recentes: as concellerías de Cultura da Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo e Ourense xa solicitaron á RAG que lle adique as Letras 2010, coincidindo co centenario do seu nacemento. Algúns académicos acóllense ao silencio previo á votación para avaliar "riscos": "O groso da actuación social das Letras vai ao ámbito escolar, e ir co último discurso reintegracionista de Carvalho aos centros sería resucitar as leas do galego escrito ata os primeiros 90. A un país normalizado na súa lingua enriqueceríao, pero hoxe sería un inferno".
Ferrín non opina sobre caixas de tronos na véspera da reunión, pero é claro: "A Academia non se equivoca nunca. Sexa a personalidade que sexa, sempre dará lugar a novas explicacións e posicionamentos. Piñeiro agora xa non é o mesmo que cando entrou". Recoñecendo que a de Calero é unha figura "por analizar, non se pode pasar por riba dela", a tamén académica Margarita Ledo fala de Novoneyra desde a perspectiva que a fixo optar por el: "O seu papel como construtor da lingua, sen fendas a este respecto, e poemas-símbolo como Letanía de Galicia [recóllote da terra, estás mui fonda/ recóllote do pueblo, estás nil toda/ recóllote da Historia, estás borrosa...]. Son poemas caligráficos en xogo coa escrita dentro da escrita, e teñen son: tamén son performativos". Os pasos aínda frescos de Novoneyra, segundo a autora de Porta blindada, remiten a un personaxe "antiautoritario e permeable a todo". "Era moi independente, non tiña horarios... Pero presidiu a Asociación de Escritores en Lingua Galega durante máis dunha década, e como tal foi lerlle manifestos a García-Sabell".
Xusto antes de que García-Sabell fose presidente da Academia, en 1977, substituíndo a Martínez Risco, Calero rexeitou o cargo. Son outras das arestas do primeiro catedrático de Galego, piñeirista de sempre e reintegracionista ao final, en contraste con Novoneyra, nacionalista de esquerda sen partido e ouveador en Madrid con Carlos Oroza. Calero -que foi miliciano da UGT e pagou cárcere- oufanábase de "encher ocos": a gramática, a análise literaria e a novela galega débenlle a estrea contemporánea. "A 100 anos do seu nacemento, sería redondo", recoñece Carlos Quiroga. Para o autor d'O regresso a arder, profesor de Literatura Portuguesa na Universidade de Santiago, a actualidade de Calero aínda se manifesta en Problemas da língua galega (1981). Malia aos riscos de distorsión e as feridas sen encoirar -habería que remexer na normativa desde 1979-, homenaxear a Calero, pensa, "serviría para unir se se fai con honestidade".
"Igual cós angelitos negros de Machín, os reintegratas tamén merecen un posto no Parnaso", chancean Franco Vicetto & Jenaro Jesus Marinhas, alcume dos mantedores da web Sei o que nos figestes nos últimos 525 anos, onde a crítica e o humor adoitan pronunciarse, tamén, contra a filoloxía clínica -a FAES dixo recentemente que o galego é unha "lingua artificial"-. En Sei o que... apostan por Calero: "Non sería insólito: Meendinho, Martim Códax e Johám de Cangas tamén eran reintegratas".
O poeta Xabier Cordal adapta a hipótese de Calero ás críticas que leva recibido a RAG desde o Mapa sociolingüístico: "Parece incoherente que por un lado se acose a Academia, non só desde o reintegracionismo, e por outro se lle esixa o recoñecemento de determinadas figuras. Ou se respectan os órganos históricos da lingua galega ou se continúa coas políticas de deslexitimación que tanto dano fan á percepción social do idioma. E creo que non están os tempos para iso".
A mesma dinámica, canto ao Día das Letras, afecta ao debate usual sobre a súa operatividade como mecanismo de promoción cultural en día festivo. "Mentres eu sexa presidente non se vai cambiar", di con humor Xosé Ramón Barreiro Fernández, que empunta o seu derradeiro semestre como presidente da RAG. Pendente de recibir a proposta de reforma do decreto do galego, sitúa no presente a liturxia das Letras: "Se este ano lemos un manifesto, era para deixar claro que non estamos dispostos a asumir proxectos que atenten contra o galego".
"A liturxia ten un sentido de fixación que non se pode limitar", di Ledo. "Tamén Novoneyra nos poñía de pé para o Vietnam canto". Cordal razoa que non se pode substituír o carácter simbólico das Letras "como institución nacional", pero suxire un posible adubío: celebrar os vivos, "sobre todo se a Xunta acaba co Premio Nacional de Literatura". "Alguén se figura o escándalo se pretendese facer o mesmo co 17 de maio?".