NOTAS A RODAPÉ | Luces

Unha revolución máis na nosa lingua?

Trasantonte fun á miña dentista de cabeceira, Mercedes Cabrera. Despois de atendérenme amablemente en galego (como fan desde hai moitos anos), tanto a recepcionista da súa clínica coma ela mesma, acabamos tendo unha animada conversa sobre a literatura galega de tema artúrico, e celebramos con especial rexouba a lectura de Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro. É que, segundo me explicou, á súa filla, que fai bacharelato, lle puxeran no instituto un traballo sobre ese tema. A ela parecíalle que o exercicio era un pouco excesivo para o nivel da rapaza (no que coincidín con ela), así que l...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Trasantonte fun á miña dentista de cabeceira, Mercedes Cabrera. Despois de atendérenme amablemente en galego (como fan desde hai moitos anos), tanto a recepcionista da súa clínica coma ela mesma, acabamos tendo unha animada conversa sobre a literatura galega de tema artúrico, e celebramos con especial rexouba a lectura de Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro. É que, segundo me explicou, á súa filla, que fai bacharelato, lle puxeran no instituto un traballo sobre ese tema. A ela parecíalle que o exercicio era un pouco excesivo para o nivel da rapaza (no que coincidín con ela), así que lle botou un cabo, e, en vez de poñerse a esbardallar contra o galego, concluíu que o tema era interesante. Axudarlle á súa filla permitíralle coñecer textos preciosos, coma a obra de Cunqueiro que acabo de citar. Tamén lle recomendei Na noite estrelecida, de Ramón Cabanillas, que é unha xoia, e, por suposto, Amor de Artur, de Méndez Ferrín. Estou certo que os vai ler.

Por fin os médicos recoñecen a importancia de achegarse ao galego?

Antonte levamos as cativas ao dermatólogo, Emilio del Río, para ver de tirarlle unhas espunllas que lles saíran no lombo. Cando chamamos por teléfono para pedir cita, sorprendeunos que o atendedor automático respondese en galego. Máis rechamante nos resultou que nos consultara con toda amabilidade en galego, e non só iso, senón que á hora de escribir as historias clínicas, as súas axudantes usasen tamén o noso idioma, mesmo empregando termos técnicos, como nevo (castelán nevus: non se preocupen, eu tampouco oíra nunca a palabra).

Onte mesmo recibín polo correo un groso volume editado pola Universidade de Santiago de Compostela, titulado Vocabulario de Medicina (galego-español-inglés-portugués). Será que por fin os médicos, un sector profesional que parecía máis apegado ao castelán que un olláparo ás rochas da beiramar, comeza a recoñecer a importancia de utilizar o galego? Tería toda a lóxica do mundo, e non o digo por ideoloxía, senón por pura lóxica do servizo. Non hai lugar de Santiago de Compostela en que se escoite falar máis o galego que nos distintos hospitais: úsano a inmensa maioría dos pacientes e familiares, case todos e todas as enfermeiras e auxiliares, pero, ata agora, bastantes poucos médicos; aínda que recoñezo (e agradezo) que o pediatra José Luís Iglesias, que atende a miña filla Einés, fai o esforzo de falalo.

- Prexuízos obsolescentes

Que o estamento médico, que por certo ten unha tradición humanista e galeguista moi respectable, comece a achegarse ao galego, abandonando o exclusivismo castelanófono, non só é unha gran noticia, senón que tamén é un importante síntoma de que algunhas cousas están cambiando. O galego non é xa só unha lingua de pailáns, e o castelán non ten a exclusiva da xente fina ("señoritos de casino", diría Villar Ponte). Debe ser este cambio o que pon dos nervios a algúns sectores da elite socioeconómica do país, que dun tempo a esta parte comezan a sentir que están a perder "o monopolio da reticencia e da censura", a sensación de irrebatible superioridade sobre a masa galegófona (a frase non é miña, publicouna Alfredo Canalejo en 1930).

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Non hai moitos anos, paseabamos a miña dona, a miña sogra e mais eu coa filla maior, daquela con tres aniños acabados de cumprir, polo centro de Vigo. A cativa ía un pouco máis adiante ca nós, e de súpeto mirou (á viguesa) un lindo cadeliño todo enfeitado, co seu lazo e todo, que andaba a cheirar no pé dunha arboriña destas de beirarrúa. Achegouse ao animal, virou cara a nós, e berrounos: "Mirade que cansiño tan bonito!". Nisto, vemos que a dona, unha señora de aspecto completamente vulgar pero con moito arruallo, se dirixe a ela e dille moito: "Oye, niña, esto no es un cansiño que es un perrito, y a este perrito se le habla castellano!!". Houbemos de estoupar da risa, pero tivemos que controlarnos, pois a miña sogra case se bota á individua para arrincarlle (só verbalmente) o coiro. Aquela madama estaba convencida de que falar galego rebaixaba o pedigree do seu caniche á altura dun can de palleiro.

O caso é completamente real, e xa lle valeu ao querido e saudoso Carlos Casares unha divertidísima columna. Relembrando o feito, un non pode menos que evocar aquel feliz discurso de Castelao, en que contaba que escoitara ouvear aos cans da Bretaña, e ouveaban igual que os de Galicia, e tamén o facían así os de Turquía... en fin, que "os pobres animaliños aínda están no idioma universal". Polas vistas, Castelao non o sabía, pero o idioma universal era o castelán (polo menos dos cans finos).

Eu no momento non podía adiviñalo, pero coa increpación daquela señora á miña filla de tres anos para que lle falase castelán ao seu cadelo, acababa de asistir ao momento crucial dunha gloriosa tradición que remataría nunha panoplia de movementos cívicos con base en Vigo, mente en Madrid, e altavoz na Coruña / La Coruña, para restituír cada idioma ao seu lugar: galego cos cans de palleiro, castelán cos caniches. Pero supoño que agora que tantos médicos (e médicas) falan galego, tamén poderemos dirixirnos en dialecto aos caniches; digo, con permiso da súa cara.

Archivado En