Reportaje:CANTAR DUN PAÍS | LUCES

Os problemas dun poeta nacional

Fixar a Pondal como inventor do galego literario excusou ata épocas recentes a revisión da súa obra

Tal do meu ser no fondo / Levo unha luz lanzal / Que d'un origen grande / me dice que fun já

De Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835-A Coruña, 1917) pódese dicir, sen deturpar a comunicación literaria, que é un poeta nacional. Como poeta fundador trouxo un arreguizo novo, en forma de idioma literario, alonxado da lírica popular de Rosalía de Castro, a poeta do pobo.

Ao tempo, como subliñou María Xosé Queizán con certo estrondo inicial hai dúas décadas, Pondal é apoloxeta da violación nunha ducia de poemas máis misóxinos c' As almas escravas (As almas escravas de ideas no...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Tal do meu ser no fondo / Levo unha luz lanzal / Que d'un origen grande / me dice que fun já

De Eduardo Pondal (Ponteceso, 1835-A Coruña, 1917) pódese dicir, sen deturpar a comunicación literaria, que é un poeta nacional. Como poeta fundador trouxo un arreguizo novo, en forma de idioma literario, alonxado da lírica popular de Rosalía de Castro, a poeta do pobo.

Ao tempo, como subliñou María Xosé Queizán con certo estrondo inicial hai dúas décadas, Pondal é apoloxeta da violación nunha ducia de poemas máis misóxinos c' As almas escravas (As almas escravas de ideas non grandes / van pensando mil cousas femíneas / molentes e infames).

"As actitudes reverenciais son terribles", lembra Queizán. Nos seus primeiros poemas en castelán, porén, non había pegadas de ética castrense.

"É evidente que algúns poemas son aberracións, lidos agora e daquela", lembra Arturo Casas
Pola vía do celtismo, Pondal converteuse "no maior cohesionador social de Galiza"
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO
Más información

"En Pondal hai un orgullo nacional", di Arturo Casas, profesor de Teoría Literaria na Universidade compostelá. "A lectura da melancolía queda moi atemperada. Intenta fomentar unha nación máis poderosa e segura de si, cunha visión construtiva marcadamente teleolóxica".

"É evidente que algúns poemas de Pondal son aberracións lidos agora e daquela", di Casas, "e está pendente unha revisión da historia literaria en chave feminista". O papel da muller en Otero, Risco ou Dieste tamén sería difícil de defender.

Fixar que cousa é un poeta nacional no XIX explícase ao xeito en Alemaña ou Italia, en vías de unificación, Francia, Grecia ou Rusia. Verdaguer en Cataluña, Carducci (os italianos escollérono temporalmente), Pushkin, Burns en Escocia un pouquiño antes... A maioría deles -e Napoleón- buscaron no mundo celta, a primeira cultura europea, os primeiros alicerces dunha cultura propia.

E Pondal? Ao bergantiñán retratárono recentemente nun xornal que intentaba criticar a aristocrática liturxia do himno galego, malia que o celtismo en España, como remarca Manuel Forcadela, "entrou desde Francia a través dos irmáns Rodríguez Mohedano". Pero iso aconteceu en espazos onde o que se cuestiona é a teimosía nacional da letra e dos seus destinatarios.

"Pondal constrúe desde a poesía unha mitoloxía baseada no carácter celta dos galegos", resume Manuel Ferreiro, responsable da edición conxunta das obras completas (Sotelo Blanco-Real Academia Galega), co soporte crítico n'Os Eoas (2005) de Xosé Ramón Pena e Manuel Forcadela. "Galiza é celta e España [á que alude como "gran prostituta do centro" nalgún poema solto] é romana". En Queixumes dos pinos (1886), "férreo", "grande" ou "erguido" repítense de xeito case secuencial. Os sentimentos e os estados de ánimo danlle cor e son a unha identidade futura, nun idealismo animoso que contrasta coa amarga servidume dos labregos, expostos á fame.

Antes de buscar cultismos coma un flâneur enfermizo pola fronda de Bergantiños, a Pondal decidiu traelo ao mundo unha familia da pequena nobreza rural no tránsito á burguesía vilega, segundo remarca, para explicar contradicións posteriores, Ferreiro en Pondal: do dandysmo á loucura. Biografía e correspondéncia (Laiovento, 1991). Foi o último de sete irmáns, cinco delas mulleres, orfas de nai en 1836. En pleno Rexurdimento, veu estudiar a Compostela.

Doían na memoria os fusilamentos de 1846, mais xa había tempo que espernexaban Añón, Valladares, Murguía, Faraldo ou Rosalía. Matriculado en Medicina en 1854, en Santiago converteuse, segundo a Pardo Bazán (coa que engarraría a miúdo pola teima da coruñesa en negar a dimensión literaria do idioma), no poeta galego "máis instruído do seu tempo". Xa o era antes de que Murguía, no seu papel de historiador, o puxese en contacto con The Works of Ossian, the Son of Fingal, a invención coa que o poeta escocés James McPherson levantou o ánimo dos celtas gaélicos do seu país, derrotados na batalla de Culloden (1746). Para Elías Torres, do departamento de Filoloxía Galego-Portuguesa da USC, a vía celtófila de Pondal fixo del "o maior cohesionador social de Galiza". "Murguía tiña moi claro que se necesitaba un gran poeta épico (Pondal), lírico (Rosalía) e político (Curros)", di o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández.

Pondal, amante de Esparta, coñecía a tradición grecolatina. Tamén a Milton, Chateaubriand, Leopardi, algo menos o arco fluctuante da vangarda poética francesa finisecular, e Camões. N' Os Lusíadas viu un espello para Os Eoas, o poema épico que non chegaría ver publicado en vida. O que lle faltaba a Galiza para alternar coas literaturas europeas cargadas de tradición. E, no estrañamento de Portugal, unha "ferida fonda", en palabras de Lois Tobío, para quen o iberismo do poeta se orientaba cara modelos confederais.

No banquete de Conxo (1856), Pondal tivo a mellor iniciación posible, compartindo mesa co carismático Aurelio Aguirre. Tras opositar en 1860, a penas exerce uns meses na fábrica militar de Trubia (Asturias). Xa non volveu saír de Galiza. Repartiu a vida entre Bergantiños, Santiago e A Coruña, onde frecuentaba a tertulia da Cova Céltica, trastenda da librería de Uxío Carré, para reunirse con Murguía, o enxebrista Lugrís Freire ou Martínez Salazar. Na Coruña alixeiraba os hábitos. O contrato familiar -perdía o herdo de casar- contribuíu a alonxalo da vicaría. Padeceu "males pecaminosos" (sífile) e morreu case cego, soberbio malia unha inevitable sensación de fracaso: "Déchedesme unha lingua de ferro i eu douvos unha lingua de ouro". Con 20 anos xa se sentía a voz do pobo. O Bardo, segundo recolle Forcadela, "poeta político transcendental".

"En Galiza, ao revés do que acontecera nas literaturas europeas, o realismo non é burgués, e a reacción idealista non significa unha evasión da realidade", sintetiza Ferrín en De Pondal a Novoneyra. Como non é cousa de escoller entre saudade e celtismo, Forcadela matiza a suposta dependencia entre o imaxinario literario e o nacionalismo: "A día de hoxe non hai só nacionalismo romántico, senón o outro, que levamos buscando".

Archivado En