"Fixemos unha revolución pacífica"
María Xosé Queizán repasa o seu compromiso coa reflexión e a praxe feminista
O seu ensaio inaugural, A muller en Galicia, publicado en 1977 supuxo a primeira aproximación elaborada ao feminismo contemporáneo en Galicia. Desde aquela María Xosé Queizán (Vigo, 1939) non parou de insistir no traballo de fondo de erguer un edificio teórico en paralelo a unha obra literaria que aborda novela, poesía e teatro: "Para min é difícil explicar como vai ir cada libro, é coma se trouxesen o xénero debaixo do brazo. Para a explicación obxectiva do pensamento o idóneo é o ensaio. Que houber ou non tradición en Galicia de ensaio feminista carece de importancia, pero era absolut...
O seu ensaio inaugural, A muller en Galicia, publicado en 1977 supuxo a primeira aproximación elaborada ao feminismo contemporáneo en Galicia. Desde aquela María Xosé Queizán (Vigo, 1939) non parou de insistir no traballo de fondo de erguer un edificio teórico en paralelo a unha obra literaria que aborda novela, poesía e teatro: "Para min é difícil explicar como vai ir cada libro, é coma se trouxesen o xénero debaixo do brazo. Para a explicación obxectiva do pensamento o idóneo é o ensaio. Que houber ou non tradición en Galicia de ensaio feminista carece de importancia, pero era absolutamente necesario porque eu escribo como cando unha criatura empeza a medrar no ventre e ten que saír. Teño necesidade de comunicar. Cada vez que chego a unha conclusión preciso dicilo e máis cando o considero necesario para a sociedade".
Directora de Festa da palabra silenciada, unha publicación que desde 1983 ven recollendo a evolución teórica do feminismo, na súa máis recente entrega Queizán dedícase a informar sobre a presenza da Ilustración no despegue do pensamento da igualdade, materia sobre a que reflexiona o seu ensaio Racionalismo político e literario. Conciliar as ciencias e as humanidades, onde a figura de Martín Sarmiento é a do avanzado: "Non se limita a propor unha educación en galego, senón que propugna que esa debe ser racional para todas as nenas e nenos. É contrario ao proxecto de lei promovido polo Manifesto dos Iguais, que prohibía ás mulleres aprender a ler para que en lugar dos libros aprendesen nos textos viventes: os seus maridos".
A ponte co pensamento feminista no XIX supona, entre outras, Rosalía de Castro, símbolo fundador da literatura galega que 100 anos despois da súa morte pasa a ser reivindicada na perspectiva feminista: "Foi unha feminista avant la lettre total e absolutamente. En 1985 na Festa sacamos o número na que empezamos a vela dun punto de vista diferente. Antes era unha visión terríbel, idealista e fóra de lugar, que achantaba o seu pensamento e importancia radical en relación coa sociedade galega e a muller. Agora, a través dela, podemos dicir cousas que estabamos afirmando en solitario. O mesturar, por exemplo, a opresión da muller coa opresión social, que está n'A xustiza pola man e en tantos textos seus. Ou o tema da sedución, porque as súas novelas en castellano son as que mellor reflicten a sedución, ou sexa o engano do home á muller. Mentres Eduardo Pondal está escribindo poemas de violación de mulleres, Rosalía, na mesma altura, está no outro extremo, sinalando co dedo os violadores e abusadores de mulleres. Asegúrao Susan Kirkpatrick, que dí que de Rosalía é a escritora do século XIX que mellor trata a cuestión".
Só pasaron 30 anos, o degrao das conquistas unicamente pode comprenderse na perspectiva de que a sociedade saía da ditadura, coa muller mesmo sen liberdade de tirar o seu propio pasaporte ou abrir unha conta de banco sen permiso do home. A mudanza prodúcese nas mentalidades e tamén se advirte na visibilidade da muller na vida pública: "As mulleres estiveron recluídas no mundo privado, mentres a cultura, o pensamento, a filosofía, a política ou a ciencia, todo era dos homes. Daquela o que facían as mulleres nese terreo quedaba detrás deles ou era ocultado. Estabamos fóra da historia e do público, que é onde se resolve todo, a verdade, a equidade, a xustiza, a lei... todo o respectábel. No privado eran mulleres ou fillas de. Cambiar a posición do foco mudou por completo a historia. Unha das artimañas máis terríbeis da historia da muller é que era vítima e facíana tamén culpábel, se a violaban tiña que ocultalo porque se non quedaba proscrita na sociedade e se o marido a maltrataba había que dicir que caíra polas escaleiras ou topeñara cunha porta, todo antes de dicir que o home lle batía. O que fixemos foi mudar o punto de vista e hoxe a sociedade sabe que o culpábel e o desprezábel é o maltratador e o asasino. Son cambios que ten que acoller a sociedade para que se transforme. O feminismo nese sentido é importantísimo porque fixo unha revolución pacífica de cambiar as mentalidades e as conciencias, e iso é fundamental. Se ETA está derrotada é porque hoxe xa non se admiten de ningunha das maneiras as súas xustificacións e son considerados asasinos e nun país democrático a xente ten a conciencia de que só desde a palabra e o diálogo se pode transformar a sociedade. Igualmente os maltratadores pasaron de ser os chulos da película a criminais. Vaise seguir o mesmo camiño coa prostitución, que se pasará de poñer o foco nas prostitutas a fixar toda a atención nos prostituidores, que son os activos e os que fan que o fenómeno exista. Dentro duns anos quen se vai envergoñar vai ser o home que vai prostituír mulleres e non elas que son as vítimas".
Preguntámolle a María Xosé Queizán se a súa obra lle trouxo custes. "Dime a min os prezos que hai que pagar", resposta. "Durante anos as cousas que poñía en debate non eran nin consideradas para rebatelas. Evidencias e xa antes Recuperemos as mans eran libros marxistas pero confrontábanse con certas posturas marxistas, usando a súa dialéctica, e só recibín silencio total e absoluto. No traballo sobre a misoxinia de Pondal o único que fixen foi poñer os poemas e facer unha lectura, recibín descualificacións, pero ninguén me rebateu. É duro porque non hai lugar ao diálogo, á contestación, á controversia. Iso provoca frustración, pero sobre todo a sensación de estar a traballar no deserto, non atopas un lugar de debate".
E aínda así o ensaio entendido como provocación ao pensamento fai que ela mesma só asuma na súa totalidade os últimos traballo: "Neste momento só me responsabilizo dos dous últimos libros de ensaio e algunhas cousas anteriores. O meu pensamento evoluiu e non son a mesma que cando empecei a escribir sobre feminismo, os meus criterios foron transformándose. Dáme mágoa a xente que mantén fidelidades como se tratase de dogmas e que non admiten un pensamento en mudanza. Non podemos pensar igual na era da globalización que cando non saiamos do lugar. Cos anos o meu criterio como feminista foise adaptando cada vez máis aos meus principios sociais, ao racionalismo e á Ilustración. Eu, que non era esencialista nas miñas ideas, si o fun nos meus primeiros tempos de feminismo e logo decateime e que o camiño do feminismo da diferenza era un erro. Abomino do esencialismo falando de feminismo, do nacionalismo e do que sexa. Foi nese camiño que asumo principalmente os meus traballos máis recentes".
Pensamento e acción
Se o pensamento pénsase para a acción, a teoría foi práctica diaria na militancia feminista: "As feministas tocamos as campás e imos na procesión. Se só me dedicara a escribir e non estar na rúa ou andar por canto lugar a predicar, a falar de literatura e a difundir o feminismo tería feito outra obra. Porque ademais aquí sempre se considera que estás dispoñíbel e nin se che ocorra dicir que non podes ir. Mesmo así faise con alegría".
Alegría fronte ao medo, porque unha das principais marcas da dominación, tamén das mulleres, é o medo como grande paralizador social: "A cifra de mortas que hai cada ano asegúranos que o medo segue presente. Pero agora a sociedade é consciente diso, pero mesmo así non logra evitar que maten mulleres de continuo. En Sentinela alerta fago un paralelismo entre unha fuga na cadea e unha muller que quer escapar da casa e non consegue que o marido lle dea o divorcio, en ambos casos hai disparo e morte. Cando as mulleres non nos conformamos sabemos que o prezo a pagar é moi alto, mesmo coa vida. Por ser distinta, por non cumprir co que está prescrito, con escribir o que non se debe... O que está a pasar agora é que o feminismo é unha revolución pacífica na que morremos nós. As que morren son as que queren liberarse, se fose á inversa imaxina o que sucedería, sería unha confrontación que tampouco nos beneficiaría. Os homes están comprendendo que a liberación da muller é xusta e por iso a apoian, do mesmo xeito que os brancos apoiaron os negros. Iso paréceme o máis excelente do feminismo, que é unha liberación que é tan xusta e consecuente que está convencendo aos que tiñan o poder de que non deben seguir exercéndoo. Pero entre medias hai moitas que caen, porque de repente hai un marco de liberación, unha idea de igualdade e os que teñen o mando non poden toleralo e daquela matan".