Reportaje:Luces

A evidencia do novo cinema galego

Cineuropa abre unha xanela para unha xeración de cineastas mellor valorados fóra do país - Cinco directores presentan obra no Bafici de Buenos Aires

Fran Gayo é o coordinador da programación do festival de Bos Aires (Bafici), a plataforma que catapultou en vagas consecutivas algúns dos cineastas arxentinos máis celebrados pola crítica nos últimos anos. Hai uns meses, intentou responder a unha pregunta nada banal sobre a deriva do cinema español contemporáneo, cando se está a "mitigar" xa a pegada de José Luis Guerín e o impacto "clave" do célebre documenal En construcción (2001). E agora, que? A resposta é Nuevas Estrategias, un ciclo que en marzo chegará á sala Lugones da capital arxentina tras pasar pola Cinemateca de Monte...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Fran Gayo é o coordinador da programación do festival de Bos Aires (Bafici), a plataforma que catapultou en vagas consecutivas algúns dos cineastas arxentinos máis celebrados pola crítica nos últimos anos. Hai uns meses, intentou responder a unha pregunta nada banal sobre a deriva do cinema español contemporáneo, cando se está a "mitigar" xa a pegada de José Luis Guerín e o impacto "clave" do célebre documenal En construcción (2001). E agora, que? A resposta é Nuevas Estrategias, un ciclo que en marzo chegará á sala Lugones da capital arxentina tras pasar pola Cinemateca de Montevideo. Cinco dos cineastas que se asomarán á xanela son galegos. "Prefería que fosen menos para equilibrar a presenza das distintas autonomías españolas, pero era imposíbel", retruca Gayo. "Hai que rendirse á evidencia".

"Faltan público atento e espazos de exhibición", di o productor Pawley
'Todos vós sodes capitáns' non superou en Galicia os 500 espectadores
De 'Vikingland' ocupouse con demora o crítico Neil Young
A Alberte Pagán, Cineuropa dedícalle unha retrospectiva integral

"Se un quere falar da nova animación, non queda máis remedio que mencionar a Peque Varela. Se o asunto é a presenza española en festivais internacionais, xorde si ou si o nome de Oliver Laxe", explica o programador nun correo electrónico. Gayo cre que existe "unha nova xeración, ou mellor, un espírito novo e mesmo desenfadado, a reescribir ou reenunciar todos eses cambios producidos no cinema español da última década, ás veces cunha certa reverencia e noutras máis en plan rompedor, pero sempre procurando seguir adiante, avanzar, non perder todo o terreo gañado até agora. E aí, Galicia presenta un número importante de propostas de interese".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Ademais de Oliver Laxe e Peque Varela, no ciclo Nuevas estrategias figuraban pezas de Lois Patiño, Ramiro Ledo e o colectivo We Are QQ, integrado polo galego Vicente Vázquez e a vasca Usue Arrieta. Todos son menores de 35 anos e poderían incluírse no que os críticos José Manuel Sande, Martin Pawley e Xurxo González empezaron a chamar a comezos de 2010 o Novo Cinema Galego. Creadores para os que a presenza nos circuítos internacionais non é extraordinaria, pero que ás veces carecen desa mesma atención na súa propia Galicia natal. Con Vikingland -un diario-correspondencia de navegación no mar do norte a partir de metraxe atopada-, por exemplo, o guardés Xurxo Chirro iniciou no FID de Marsella unha longa xira internacional, pouco frecuente entre os seus contemporáneos. Ao festival de Mar do Prata, porén, a película viaxou sen apoio institucional.

Ademais de formar parte do pequeno equipo de Zeitun Films, a produtora que traballa xa na segunda película de Oliver Laxe, Martin Pawley é o responsábel do ciclo Panorama Audiovisual Galego: medio cento de pezas de trinta creadores e creadoras que abren unha xanela en Cineuropa a esa xeración presumiblemente mellor valorada fóra. "O que falta en Galicia é un público atento e unha rede de espazos de exhibición estábeis", argumenta. "Tampouco hai infraestruturas de comunicación acaídas: carecemos de críticos de referencia, e ultimamente mesmo de medios de referencia. Aínda que aparecese un cineasta maxistral entre nós, non nos enteraríamos".

O caso da ópera prima de Laxe é moi elocuente, por razóns obvias, para o tamén crítico da Coruña. Todos vós sodes capitáns participou en maio do ano pasado na Quincena dos Realizadores do Festival de Cannes e recibiu o premio Fipresci que outorgan os críticos, pero tardou case un ano en chegar ás pantallas comerciais españolas. Finalmente, pasouse en Madrid, Barcelona, A Coruña, Vigo, Santiago e Ferrol ao longo de varias semanas. "En total, en Galicia non superou os 500 espectadores", recorda Pawley, "mentres que o portugués Gonçalo Tocha, de 32 anos, é capaz de encher tres veces seguidas un auditorio no seu país ou convocar 700 persoas nunha proxección cun documental de tres horas, É na Terra não é na Lua. Esa é a diferenza".

Outro tanto acontece coa crítica: "A proxección da película nos Anthology Film Archives de Manhattan mereceu a atención no New York Times, revistas como New Yorker e multitude de blogs, nalgún caso con críticas e entrevistas, todas elas moi eloxiosas. A súa estrea na Coruña, apenas unha reseña nalgún periódico". De Vikingland tamén se ocupou con máis demora o norteamericano Neil Young -o crítico, non o músico- tras o seu paso pola sección oficial de Marsella que calquera outra instancia similar en Galicia. "Aquí nin sequera se poden ver estas obras", engade Pawley. "Fóra de Cineuropa ou o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), quen as vai proxectar?".

En efecto, o festival compostelán que dirixe José Luis Losa si ten un espazo para este tipo de obras. No que vai de mes xa se puideron ver pezas de Ángel Santos, Marcos Nine, Otto Roca, Alberto Gracia, Antón Caeiro ou Borja Mucientes, e o venres próximo será a quenda de Vikingland no Teatro Principal de Santiago. O ciclo complétase con películas de Carlos Meixide e Tomás Lijó, Seném Outeiro, Sonia Méndez, Lois Patiño, unha escolma de creadoras e Alberte Pagán, a quen se lle dedica unha integral. En moitos casos, é a única oportunidade para ver en Galicia fitas que xa están na videoteca do festival de Marsella (Adolescentes), que veñen de ser proxectadas en Nova York, como algunhas pezas de Lois Patiño e Xacio Baño, ou que foron premiadas en Taiwán, caso d'As damas negras de Sonia Méndez. Noutros, trátase de pulsar os novos riscos que son capaces de asumir creadores como Nine, que se entrega á experimentación coa serie Inasible tras comprobar que é capaz de resolver artefactos máis convencionais como Radiografía dun autor de tebeos.

Archivado En