Reportaje:Luces

O retorno do poeta do silencio

O fotógrafo Manuel Vilariño edita por primeira vez un libro de poemas e inaugura hoxe exposición nunha galería viguesa coa súa última produción artística

É moi habitual ler entrevistas cos artistas contemporáneos nas que estes aluden á importancia da poesía na súa obra. Moitas veces é certo e outras é un clixé, pero no caso de Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) non hai dúbida: non se pode falar do fotógrafo sen facelo do poeta, porque esta última é a condición esencial na súa traxectoria vital e artística. Agora, despois de afrontar unha dura etapa persoal pola morte dunha persoa moi próxima, Vilariño decidiuse a publicar un libro de poemas no que reflexa a súa experiencia vital dos últimos dous anos. Ruínas ao despertar, editado en castel...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

É moi habitual ler entrevistas cos artistas contemporáneos nas que estes aluden á importancia da poesía na súa obra. Moitas veces é certo e outras é un clixé, pero no caso de Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) non hai dúbida: non se pode falar do fotógrafo sen facelo do poeta, porque esta última é a condición esencial na súa traxectoria vital e artística. Agora, despois de afrontar unha dura etapa persoal pola morte dunha persoa moi próxima, Vilariño decidiuse a publicar un libro de poemas no que reflexa a súa experiencia vital dos últimos dous anos. Ruínas ao despertar, editado en castelán e galego, é "un libro de amor e de dor" no que o poeta espido que sempre estivo presente en Vilariño emerxe con toda a súa forza para falar sobre a morte e a ausencia.

"Con este libro o que fago é precipitarme ao descoñecido"
"A arte perdeu o carácter sagrado da creación. O 99% é mercadotecnia"
Más información

Semella unha contradición, pero no fondo non o é, que o artista que sempre aludiu nas súas obras ao concepto do silencio e á súa necesidade se faga agora presente cun libro de poesía. Neste caso os poemas non son un berro de axuda, senón máis ben o xeito que ten o artista de expresar a súa dor e seguir falando sobre as cousas das que xa leva moito tempo falando a través da súa obra fotográfica: o silencio, a ausencia, a escuridade. "Para min é moi importante reivindicar o sentido da linguaxe poética e da linguaxe da imaxe. Iso é o que intento facer coa miña obra", explica Vilariño. "Con este libro o que fago e precipitarme ao descoñecido, á morte", sinala.

Os paxaros mortos dispostos en polípticos e rodeados por especies de vivos colores son un dos sinais de identidade da obra fotográfica de Vilariño. No seu caso resulta bastante sinxelo adiviñar que nese tipo de obras están presentes o ritmo e a métrica da poesía. O artista é un gran lector deste xénero e a súa casa de Bergondo está chea de estantes con libros de poesía e filosofía de moi variada procedencia. Vilariño sempre escribiu poemas e ten un par de libros no caixón que quizais chegue a editar no seu día, pero ata o de agora non sentiu esa necesidade de publicalos.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

A traxectoria de Vilariño foi recoñecida no ano 2007 coa concesión de Premio Nacional de Fotografía por parte do Ministerio de Cultura. Ese mesmo ano formou parte da representación española na Bienal de Venecia. Os éxitos non mudaron a vocación de corredor de fondo dun artista sempre recoñecible na súa obra e que mantén unha coherencia nos seus traballos pouco común. Na mostra que agora presenta na galería Bacelos de Vigo pode advertirse que Vilariño evoluciona pero para seguir sendo o mesmo. Os misterios que se agochan na natureza que nos rodea é unha das cuestións que o artista adoita a tratar na súa obra. Sempre o fai fuxindo da espectacularidade e tratando de suxerir dúbidas e preguntas ao espectador. A calidade técnica das súas pezas é evidente e iso leva a que sexa un dos artistas contemporáneos galegos con maior presenza no contexto internacional.

A pesares do recoñecemento que ten a súa obra, Vilariño non se sente cómodo no mundo frívolo que rodea o mundo da arte. "Non me sinto contemporáneo. Hai artistas extraordinarios, pero debaixo o que existe é un mercado e unha gran fraude. O que vexo é que nas facultades se ensina aos artistas novos a fabricar fraudes para que os que dirixen o mercado poidan enriquecerse un pouco máis", sinala Vilariño, quen prefire non gastar enerxías para tratar de mudar a situación xa que "hai anos pensaba que as cousas poderían mudar algo, pero a verdade é que o fixeron moi pouco".

Na súa opinión, a arte perdeu "o carácter sagrado da creación" xa que "o 99% dos artistas se dedican á mercadotecnia" e esqueceron a "extrema interioridade" que debe caracterizar o traballo no mundo da arte. Tampouco existe, ao seu xuízo, un debate de ideas no panorama artístico, xa que atopamos unha "banalización" das ideas e dos conceptos. "O que temos agora son artistas estrela que, coma os arquitectos, teñen obradoiros nos que traballan para eles un cento de persoas. Non só traballan, senón que tamén pensan por eles. Máis que obradoiros son factorías de arte", conclúe.

Aínda que a situación non convide ao optimismo, queda espazo para artistas que fan do intimismo un elemento fundamental para achegarse ao público. Os poemas e as fotografías de Vilariño están cheos de verdade e niso reside a súa maior forza. Calquera lector ou calquera espectador pode darse conta de que está perante algo auténtico cando o ve, porque a arte sen artificios segue tendo o poder de conmover e tocar unha das nosas febras íntimas. Máis alá dos gustos de cada un, Vilariño pretende chegar ata o máis íntimo ao aparecer espido ante nós. A súa poesía, escrita ou visual, é un sopro de ar fresco no supermercado da arte no que nos atopamos.

Archivado En