O libro vai resistindo
O sector editorial compórtase mellor do agardado - Os libreiros prognosticaron en 2008 o peche do 40% dos seus negocios e agora limitan as perdas ao 10%
Contra o que podería parecer en primeira instancia, o libro galego vai resistindo, con tendencia á baixa, a crise. Polo menos, esa é a impresión interna dun sector que aínda non manexa datos económicos de 2009. Apenas se sabe dos números do ISBN, o rexistro internacional de volumes editados, recollidos polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura. E nesas estatítisticas o descenso é máis que notábel: de 3.690 títulos anotados en 2008 pasouse a 2.848 o pasado ano e cortouse a progresión ascendente dende, mínimo, 2006.
"As cifras bailan", admite o presidente da A...
Contra o que podería parecer en primeira instancia, o libro galego vai resistindo, con tendencia á baixa, a crise. Polo menos, esa é a impresión interna dun sector que aínda non manexa datos económicos de 2009. Apenas se sabe dos números do ISBN, o rexistro internacional de volumes editados, recollidos polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura. E nesas estatítisticas o descenso é máis que notábel: de 3.690 títulos anotados en 2008 pasouse a 2.848 o pasado ano e cortouse a progresión ascendente dende, mínimo, 2006.
"As cifras bailan", admite o presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), Alfonso García Sanmartín, "pero concordamos en que, no 2009, a facturación na industria editorial diminuíu entre un 10% e un 18%". En 2008, último exercicio contabilizado dende a agrupación, a facturación conxunta das 45 empresas da AGE atinxiu os 34 millóns de euros. "Esta redución na factura levará canda si unha redución de exemplares e tamén de títulos", avanza Sanmartín. Segundo o Instituto Nacional de Estadística, que basea os seus números no Depósito Legal da Biblioteca Nacional ao que deben someterse todos os libros editados en territorio estatal, a caída de títulos e de exemplares en 2009 ratifica a intuición do presidente dos editores galegos. Se en 2008, 3.150 títulos materializáronse en 4.192.000 exemplares, a tempada pechada o pasado 31 de decembro foron 2.540 e 3.327.000, respectivamente. García Sanmartín lembra que as tiraxes editorias están "a reducirse en todo o Estado".
A facturación das editoriais baixou entre un 10% e un 18% o pasado ano
Nas librarías traballan 1.200 persoas nuns 600 estabelecementos
Suprimir a cota de libros en galego "prexudica ás pequenas editoras"
Cultura gasta 2,8 millóns dos 17 de Difusión Cultural no Ano do Libro
Con todo, na AGE atópanse lonxe de negar a dimensión dos problemas económicos. "Hai crise, por suposto", di, "e hai editoras pequenas que o están a pasar mal". No ámbito laboral -as editoras empregan en Galicia a 328 persoas-, aínda non se produciron despedimentos. "Estámolo resistindo", considera no que aparece como unha especie de lema no sector, "aínda que a crise máis fonda chegará ao longo de 2010".
Noutro elo da cadea, o dos libreiros, o diagnóstico é semellante e ao tempo un chisco máis optimista. Da Federación Galega de Libreiros (FGL), Antonio Fernández Maira refírese "á resistencia do libro á crise". "Nas vendas hai arredor dun 10 ou un 14% de descenso", admite, "porque a caída do consumo foi tremenda en todas as áreas". O mes do Día das Letras e mais das feiras do libro resulta un termómetro acaído para detectar cambios, retrocesos ou estancamentos no comercio do libro. "En cidades como Santiago ou A Coruña", indica Fernández Maira, "o impacto da crise é menor, debido a que vien nelas máis funcionarios, está a universidade...". Na capital, en concreto, "a feira comezou de xeito espectacular, pero logo volveu á normalidade". Ferrol ou Vigo, porén, non funcionaron do mesmo xeito. As casetas paran estes días na Praza Maior de Lugo.
"Pero hai dous anos, o noso prognóstico era que ían pechar un 40% das librarías por mor da crise", fai memoria Fernández Maira, "e quedou nun 10%". O secretario da Federación de Libreiros explícao tamén en base ao sistema de copago dos libros de texto co que o PP subsitituíu o empréstito implantado polo bipartito. "Este Goberno parece máis sensíbel ao tema do libro", opina, "cun método por rendas no que os máis ricos pagan os libros e se apoia directamente ao libreiro". Unha das estatísticas da entidade que agrupa, máis ou menos, á metade de estabelecementos de libros de Galicia (arredor duns 300) cifra nun 60% as librarías que dependen para sobrevivir de vender libros de texto.
Arredor de 1.200 traballadores contabiliza a federación nun sector "sustentado por un gran número de pequenas librarías". Fernández Maira realiza ademais unha defensa destas, onde, ao seu ver, "a profesionalidade e a información da que fornece o libreiro non existe nas grandes superficies". A competencia non afecta debido á lei de prezo fixo do Goberno central, pola que a oscilación só pode ser dun 5%.
Para Hakan Casares, encargado de procesar estatísticas no Observatorio da Cultura Galega, a situación non loce "brotes verdes". "O sector está tocado", diagnostica, "malia a que a empresa aínda se comporta ben". E no emprego, que el trata dunha perspectiva global -que abranxe impresión, distribuciñon, libreiros e edición-, constata o inicio do descenso en xaneiro de 2009. O presidente de AGE, Alfonso García Sanmartín, concreta que é a distribución a que máis sofre a recesión.
Tampouco os editores están exactamente conformes coa xestión do novo Goberno respecto ao libro. A decisión, tomada por sorpresa e sen diálogo, de suprimir o mínimo do 50% de libros en galego nas compras destinadas á rede de bibliotecas públicas, non axuda. "Prexudica sobre todo ás editoriais pequenas, para as que as bibliotecas son fundamentais á hora de facer circular o seu produto", apunta Sanmartín. A Consellería de Cultura gastará, se non hai novos recurtes orzamentarios como os das axudas ao audiovisual, 2,8 millóns de euros no cacarexado Ano do Libro e da Lectura dos 17 cos que conta a Dirección Xeral de Promoción e Difusión Cultural. Só en patrocinio do clube de baloncesto Obradoiro, o Xacobeo e a Secretaría Xeral de Deporte investiron 1,2 millóns.
Nunha paisaxe incerta, con todo, seguen a agromar iniciativas dedicadas á publicación de libros. 2.0 Editora ou Barbantesa -na órbita do que inicilamente foi Rinoceronte e logo medrou con Morgante- están entre as últimas comparecencias no campo de xogo. E a innovación tecnolóxica avanza paseniña pero a dicir de Sanmartín firme. "O bum do libro electrónico arrincou en Galicia co noso simposio sobre a edición electrónica", di, "e cónstanos que as empresas están traballando no asunto". Mais advirte de que as posturas respecto dos e-book deben ser críticas e racionais: "No país no que máis venden, supoñen un 3% do total; aquí anda polo 0,8%".
Ao cabo, a Alfonso García Sanmartín, á fronte da asociación de editores dun territorio onde en 2009 máis da metade de habitantes no mercaron ningún libro, preocúpao antes de máis "o clima negativo que se está a crear arredor da lingua galega. Vese en que melloran os hábitos lectores e, paradoxalmente, baixa o número de lectores en galego".
Os datos
Velaquí as cifras que, para Galicia, ofrece o Instituto Nacional de Estatídistica, na categoría de Cultura y ocio, producción editorial de libros, en base ao rexistro do Depósito Legal na Biblioteca Nacional de Madrid:
- 2001: número de títulos editados, 1.738; exmplares, 3.813.000
- 2002: número de títulos editados, 1.829; exemplares, 7.607.000
- 2003: número de títulos editados, 1.980; exemplares, 3.813.000
- 2004: número de títulos editados, 2.013; exemplares, 4.091.ooo
- 2005: número de títulos editados, 1.659; exemplares, 3.192.000
- 2006: número de títulos editados, 2.046; exemplares, 3.855.500
- 2007: número de títulos editados, 1.979; exemplares, 2.709.000
- 2008: número de títulos editados, 3.150; exemplares, 4.192.000
- 2009: número de títulos editados, 2.540; exemplares, 3.327.000