Luces

Novas imposturas lingüísticas

No anos noventa afianzouse unha política consistente en conmemorar a lingua, en troca de propiciar avances nos seus usos sociais. Funcionou nos gobernos do PP na Xunta, pero tamén nos concellos de todas as cores, incluídos os nacionalistas. Esa política practicouse nas institucións de goberno, mais contra o que se di agora interesadamente, na era Fraga non houbo consenso arredor da lingua. Os gobernos autonómicos eran duramente cuestionados por cantarlle ao idioma co diñeiro correspondente a incentivar o uso. Esa era a estratexia da constelación organizativa nacionalista que non traballaba nos...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

No anos noventa afianzouse unha política consistente en conmemorar a lingua, en troca de propiciar avances nos seus usos sociais. Funcionou nos gobernos do PP na Xunta, pero tamén nos concellos de todas as cores, incluídos os nacionalistas. Esa política practicouse nas institucións de goberno, mais contra o que se di agora interesadamente, na era Fraga non houbo consenso arredor da lingua. Os gobernos autonómicos eran duramente cuestionados por cantarlle ao idioma co diñeiro correspondente a incentivar o uso. Esa era a estratexia da constelación organizativa nacionalista que non traballaba nos concellos. O nacionalismo marcou a axenda opositora neste asunto, pero unha man non vía o que facía a outra.

Nin o PSOE nin o Bloque din nada sobre a súa futura política lingüística se volven ao poder

Na última presidencia de Fraga, a UPG e o Bloque redobraron os ataques para desgastalo. Moitos crían que ao gobernar eles as cousas cambiarían moito, porque había vontade política, dicían. E non foi así. O bipartito apenas variou nada. A conmemoración intensificouse co apoio de todo o nacionalismo, que revestiu dúas formas. Os quintanistas proclamaron que cumpría paciencia e adoptaron de contado a receita xestora de Fraga. A UPG decidiu atacar sistematicamente o PSOE, culpándoo de impedir facer unha política lingüística progresiva. Querían calmar os ánimos dos descontentos. As xentes de Francisco Rodríguez ocultaron os actos dos seus conselleiros, camaradas de partido, que facían o mesmo que os demais.

Outro ámbito que axudou a consolidar a conmemoración durante o bipartito é o dos técnicos da normalización, sociolingüistas, Centro Ramón Piñeiro, Instituto da Lingua Galega (ILG), Real Academia e semellantes. Nútrense dos fondos adicados á promoción do galego, cando o seu labor é filolóxico, cultural ou literario. Un enorme conglomerado de intereses que axiña defendeu a vella liña dos novos gobernantes.

Moitos escritores e artistas apoiaran o acoso ao PP. Outros simpatizaran en silencio coa esquerda mentres negociaban prebendas coa dereita. Conflúen nas simpatías co bipartito, despois comezan a amosar a súa decepción e finalmente a viaxe a Cuba, convidados pola Consellaría de Cultura, calma definitivamente o descontento, igual que un bálsamo. A xestión que se prevé para dúas ou tres lexislaturas resulta xa comprensíbel.

A práctica da conmemoración, unha das bandeiras de Fraga, asúmese definitivamente como propia de todo o nacionalismo. Cando remata a lexislatura eses sectores están moi satisfeitos, porque gobernaron os seus, porque as engrenaxes das subvencións están mellor engraxadas que nunca e porque o ascensor social e profesional a través do poder autonómico funciona ben. A nova vitoria do PP cólleos con este peiteado.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Por que cambia de política lingüística o PP? Porque na dirección do partido perde influencia a tendencia galeguista; polo estado de opinión que se crea no centro político e mediático, contrario ás identidades periféricas; polo compromiso electoral do PP con Galicia Bilingüe e cos sectores do partido máis dereitistas, consistente en recortarlle dereitos ao galego; porque o partido xa non ten a autonomía que adquirira con Fraga; porque hai un sector da poboación, rico, de colexio relixioso, que non soporta o contacto co galego; porque Feijóo envía sinais indicando que pode suceder a Rajoy; porque o galego é moi minoritario nas xeracións máis novas; porque Rosa Díez está á espreita e quere pescar nos caladoiros populares. Varias persoas temos dito isto. Mais se esas cousas tivesen sucedido con Fraga, atribuiríanselle á ideoloxía do vello franquista. E no entanto non sucederon.

O PP necesitaba singularizarse na oposición e aguzou as arestas. É case unha lei física. E faino porque cre que pode, mais non é exactamente así. Eses sectores nacionalistas, peiteados xa á moda de Fraga, que durante o bipartito acordaran firmemente a política de homenaxe, a da morte tranquila e loada do idioma, nunca tolerarían a morte da lingua a patada limpa, con desmontes túzaros do edificio conmemorativo. É lóxica a indignación e que de novo se organizasen as levas e a resistencia, por certo que con tantos rexementos como tendencias, ao estilo republicano do 36.

Trátase para eles de frear o retroceso que como se sabe vén dado polo novo decreto do ensino e sobre todo pola negación da Lei de Normalización Lingüística, que obriga a promover o galego desde os poderes públicos.

Mais nin o PSOE nin o Bloque din nada sobre a súa futura política, en caso de que cheguen de novo ao poder autonómico. Os satélites organizativos, sindicatos, mesas e organizacións diversas, tampouco o esixen, só resisten. Ninguén obxecta nada. Todos saben que será a mesma de Touriño e Quintana. A mediocridade política actual impide enxergar outros azos, abonda con ver a oposición reivindicando o bipartito como modelo. Por esas razóns se di que o PP rompeu o vello consenso lingüístico, o cal é rigorosamente falso.

Xosé Manuel Sarille é autor de A impostura e a desorientación na normalización lingüística (Candeia, 2007) e foi o primeiro presidente da Mesa pola Normalización Lingüística

Archivado En