Ferrín postúlase para presidir a Academia
O escritor candidato para relevar a Barreiro na RAG
Xosé Luís Méndez Ferrín conta presentar candidatura á presidencia da Real Academia Galega (RAG), segundo comunicou por carta a varios membros da institución. Os académicos confírmano en privado, consonte ao sixilo co que a RAG conduce a sucesión de Xosé Ramón Barreiro Fernández.
A posibilidade de unxir como presidente ao mellor escritor galego vivo -leva varias décadas escoitando o sonsonete- reúne considerables apoios. Na mesma hipótese, as posibles arestas dun Ferrín sometido ao trafego institucional na defensa da lingua e da cultura galegas, o lexicógrafo Antón Santamarina tam...
Xosé Luís Méndez Ferrín conta presentar candidatura á presidencia da Real Academia Galega (RAG), segundo comunicou por carta a varios membros da institución. Os académicos confírmano en privado, consonte ao sixilo co que a RAG conduce a sucesión de Xosé Ramón Barreiro Fernández.
A posibilidade de unxir como presidente ao mellor escritor galego vivo -leva varias décadas escoitando o sonsonete- reúne considerables apoios. Na mesma hipótese, as posibles arestas dun Ferrín sometido ao trafego institucional na defensa da lingua e da cultura galegas, o lexicógrafo Antón Santamarina tampouco tería dúbidas: "O respecto de Ferrín pola institución é máximo. Coma o de Castelao, Otero ou Cabanillas".
"Perfil baixo é o que non pode ter a Academia neste momento"
"O respecto de Ferrín é máximo. Coma o de Castelao, Otero ou Cabanillas"
Ferrín non di nada ao respecto. "Haberá 28 candidatos", zanxa, en referencia ás cadeiras de membros numerarios con dereito a voto -27 tras a morte de Antonio Gil Merino, a falta de oficializar a entrada de Manuel Rivas e Bernardino Graña-. E advirte de posibles "sorpresas" a partir do día 18. Nesa data faise efectiva a marcha de Barreiro tras oito anos, e ábrese un prazo de ata tres meses para a presentación de candidaturas. Como único requisito, o aval mínimo de tres membros numerarios. Barreiro, de viaxe ata a semana que vén, manteráse fóra do proceso de elección, que non adoita prolongarse máis dun mes.
"Nunca houbo máis dunha candidatura, pero é que ata hai moi pouco ninguén se postulaba para presidir a Academia", recorda o arquiveiro da RAG, Xosé Luís Axeitos. "É a partir de Del Riego cando deixa de ser un desdoro". Para o autor d'O exilio galego: un mapa de cicatrices, "sexa quen for o candidato, no espírito da Academia está continuar o traballo de Del Riego e Barreiro". E nega calquera "clave política" no manexo da sucesión. "A hibernación durou 19 anos", di, en alusión á presidencia de Domingo García-Sabell, delegado do Goberno a un tempo, cando os académicos podían absterse dos plenarios pola vía de delegar o voto.
A opción de Ferrín (Ourense, 1938) gaña forza tamén por eliminación. Axeitos e Manuel González -o actual secretario da RAG ocupará a presidencia ata nova votación- entre os cinco membros da actual comisión executiva, confirmaron a este xornal que non teñen pensado presentar candidatura propia, deixando á parte o que poida deparar a "fidelidade institucional". "Barreiro foi un dos piares nos que se baseou Del Riego para gobernar a Academia", resume o dramaturgo Euloxio R. Ruibal, alleo a grupos de presión. "El si era un sucesor claro, agora non hai ningún tan decidido".
"Hai que pensar nunha candidatura que aglutine a sensibilidade da Academia", volve González. "E a de Ferrín, se é que ao final se presenta, é unha delas". As sensibilidades na Academia son dispares, pero os apoios factibles do que poida ser un piñeirismo conservador non parecen máis cós que podería xuntar o escritor ourensán. Ferrín xa contou dez avais en 2000, cando entrou na Academia co discurso A poesía medieval galega vista desde os relanzos derradeiros do século XX. Para algúns académicos, mesmo "é posible que agora o avalase máis da metade do plenario".
"Perfil baixo é xusto o que non pode ter a Academia neste momento", di Francisco Fernández Rei, no consello de redacción d'A trabe de ouro, a revista de pensamento que fundou Ferrín hai vinte anos. "A Academia que eu quero debe seguir sendo independente do poder e leal ás institucións", di o romanista. "E con puñadas cando faga falta", engade. Para Fernández Rei, "orgulloso" de ter vivido a renovación que empezou Del Riego -"o noso Xoán XXIII"- e continuou Barreiro durante dous mandatos, a hipótese dun Ferrín presidente "tamén é fabulosa".
Tamén hai académicos que se acochan á espera de avaliar "a oportunidade". Tras o manifesto en defensa do idioma que promovera a Academia antes do Día das Letras, e a súa visualización en Celanova en setembro, cando Barreiro imputou ao Goberno a crispación social a respecto da lingua, din, "a Academia está máis unida ca nunca". "Non hai disonancias", aseguran, no fío que podería unir a Del Riego, Barreiro e Ferrín na presidencia da Real Academia Galega. Para Darío Xohán Cabana, máis próximo ao autor de Crónica de nós, a nova sería "excelente" a secas. "Rosalía é a fundadora, pero pódese dicir que Ferrín é o autor máis grandioso da historia da literatura galega".