Reportaje:LUCES

"Os artistas xoves non teñen os prexuízos doutras xeracións"

O comisario español na Bienal de Venecia levará propostas galegas

Sen dúbida algunha unha das persoas que máis saben sobre arte contemporánea en Galicia é Alberto Ruiz de Samaniego (Fene, 1966), crítico de arte, escritor, filósofo e comisario de exposicións, que foi elixido hai algunhas semanas como responsabel do pavillón español na vindeira edición da Bienal de Venecia. Trátase dun dos acontecimentos artísticos máis importantes de Europa e dará comezo o vindeiro 10 de xuño.

Entre os artistas que vai selecionar Samaniego estarán varios galegos. Serán elixidos "non polo feito de seren daquí senón porque son os que mellor coñezo". Este criterio de sele...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Sen dúbida algunha unha das persoas que máis saben sobre arte contemporánea en Galicia é Alberto Ruiz de Samaniego (Fene, 1966), crítico de arte, escritor, filósofo e comisario de exposicións, que foi elixido hai algunhas semanas como responsabel do pavillón español na vindeira edición da Bienal de Venecia. Trátase dun dos acontecimentos artísticos máis importantes de Europa e dará comezo o vindeiro 10 de xuño.

Entre os artistas que vai selecionar Samaniego estarán varios galegos. Serán elixidos "non polo feito de seren daquí senón porque son os que mellor coñezo". Este criterio de selección responde á idea deste crítico de que o máis importante das exposicións non son os nomes senón os proxectos. "O nome debería ser o de menos. Un dos problemas da arte é o fetichismo dos nomes. A mín interésame máis traballar con proxectos aos que poidan incorporarse artistas que facer xustamente o contrario", indica Samaniego.

"Non creo estimulante nin operativo competir con centros das grandes metrópoles"
"O importante de ser internacional é poder xerar un valor que interese fóra"

Neste caso a proposta da que parte o comisario galego para presentar en Venecia parte de tres postulados básicos. Por unha banda, trátase de facer unha análise das prácticas extraterritoriais, e dicir, centrarse en autores que realizan saltos dunha disciplina a outra, xa que esa actitude constitúe "a esencia da práctica artística". Ademáis, Samaniego plantea a necesidade de facer unha reflexión sobre o que é Venecia en sí mesma, pero dunha forma alonxada do imaxinario "ramplón, mórbido e lamentablemente caduco" que soe arrodear á cidade italiana. Neste caso apostarase por falar dunha cidade que soubo construir "esplendor, magnificencia e creatividade" dende a lama . "Para min Venecia é a afirmación máis forte da vida", sinala o escritor.

Por último, a proxecto de Samaniego para a Bienal procurará alonxarse do "espectáculo do horror" no que ao seu xuízo se converteu a arte contemporánea nos últimos tempos. "Do que se trata neste caso é de utilizar a Venecia coma unha aposta polo furor da vida, aínda que saibamos que só se trata de fendas na situación de horror xeral na que vivimos", sinala.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

No que se refire á situación da arte galega nestes tempos de globalización cultural, Samaniego destaca o grande número de artistas con proxectos de interese. "Da cantidade sempre sae a calidade. Quizáis o problema sexa que hai moitos artistas que acaban loitando por ter un espazo para expoñer nas galerías e que algúns deles opten por cambiar continuamente os seus proxectos para adecualos á moda do momento. De todos os xeitos, o que sucede en Galicia non é moi distinto do que pasa noutros puntos de España", apunta.

Ao seu xuízo, os artistas xoves teñen menos prexuízos e son máis polivalentes ca os de xeracións anteriores. "Agora un artista pode intervir sen problemas nun espazo institucional prestixioso, pero tamén nunha tenda de alta costura ou na rede Internet. Eu penso que iso é positivo porque lles fai traballar máis preto da sociedade", explica Samaniego, quen non é moi optimista respecto das posibilidades de que se acurte a separación "abismal" entre a arte contemporánea e o público.

Tampouco confía moito no traballo que se pode facer desde os gobernos para crear condicións que favorezan o desenvolvemento do mundo da arte. Coma exemplo cita o feito de que en Galicia se crearan centros de arte contemporánea sen analizar a conveniencia de "complementar" as súas funcións. Samaniego tamén se refire as recentes declaracións do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que comparou o proxecto da Cidade da Cultura coa Tate Gallery de Londres ou o Centro Pompidou de París. "Afirmacións dese tipo só poden atribuirse á inocencia ou ao cinismo. Non creo que resulte estimulante nin operativo tratar de competir con centros situados nas grandes metrópoles. Hai que asumir que desde a periferia non podemos compararnos con esas entidades simbólicas", retruca.

Na súa opinión, non hai que deixarse levar pola tendencia de moda de facer sempre infraestructuras cunha visión internacional. "Hai un xigantismo un pouco tontorrón e a arte non pode consistir só en atraer grandes masas. O importante de ser internacional é ser capaz de xerar un valor que interese fora das nosas fronteiras. Por exemplo, Julio Iglesias é internacional e, sen embargo, dende o punto de vista musical, resulta lamentabel e patético", sinala Samaniego.

Entre as suxerencias que fai para mellorar a situación dos xoves artistas galegos, o crítico refírese á conveniencia de incrementar as bolsas para estancias no extranxeiro. Tamén considera necesario deixar de utilizar a arte coma un medio para exaltar a identidade.

Archivado En