Reportaje:LUCES

Olladas novas

A xeración de creadores formada na Facultade de Pontevedra tenta ampliar o público da arte

Son dunha mesma xeración, case todos arredor dos 30 anos, e a maioría formouse en Galicia, na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Pero non constitúen (nin o pretenden) un grupo compacto. O seu labor artístico é unha mestura moi propia da época. Máis coñecidos fóra que aquí, o seu obxectivo é achegar a arte a un público máis amplo dentro de Galicia.

Unha nova xeración de artistas galegos comezou a camiñar nos últimos anos e agora atópase ante a tarefa de facerse visible para un público máis amplo ca minoría de persoas que se interesan a cotío polas cuestións relacionadas coa arte con...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Son dunha mesma xeración, case todos arredor dos 30 anos, e a maioría formouse en Galicia, na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Pero non constitúen (nin o pretenden) un grupo compacto. O seu labor artístico é unha mestura moi propia da época. Máis coñecidos fóra que aquí, o seu obxectivo é achegar a arte a un público máis amplo dentro de Galicia.

A maioría deles encarnan o paradoxo de ser máis coñecidos fóra de Galicia

Unha nova xeración de artistas galegos comezou a camiñar nos últimos anos e agora atópase ante a tarefa de facerse visible para un público máis amplo ca minoría de persoas que se interesan a cotío polas cuestións relacionadas coa arte contemporánea. Para afrontar con garantías este reto, os novos creadores galegos teñen coma primeiro obxectivo poder vivir do seu traballo e non verse limitados polo esforzo que aínda supón para moitos deles a procura de cartos para dedicarse en exclusiva á creación artística.

O panorama mudou moito nos últimos anos coa apertura de grandes centros coma o CGAC de Santiago e o MARCO de Vigo, pero a maioría dos artistas coincide en sinalar que segue a ser complicado desenvolver unha carreira artística en Galicia e mesmo algúns sinalan que hai máis oportunidades de facela desde o estranxeiro. Cidades coma Berlín ofrecen aos artistas a posibilidade de ter un estudio propio a un prezo máis asumíbel que nunha capital galega e, ademais, noutros países existe unha rede de coleccionistas e un mercado da arte máis asentado que lles permite colocar a súa obra no mercado con máis facilidade. Iso si, todos coinciden en que estas carencias non se limitan a Galicia senón que afectan a toda España.

Malia ás dificultades, Galicia conta nestes momentos cun bo número de artistas novos que realizan un traballo con proxección exterior e que expoñen con regularidade en museos e galerías españolas e internacionais. A maioría deles saíu da facultade de Belas Artes de Pontevedra e un bo número estará presente a través de galerías galegas e doutros puntos de España na próxima edición de ARCO, unha das feiras de arte contemporánea máis importantes de Europa que se celebra en Madrid a mediados de febreiro.

O que semella paradoxal e que a maioría destes creadores, ben considerados pola súa calidade nos círculos artísticos españois, son grandes descoñecidos para o público galego. Unha das razóns pode ser que as súas obras xa non se poden introducir en compartimentos estancos. A maior parte destes artistas combina nas súas pezas a fotografía, a instalación, o debuxo, a pintura e a escultura. Practicamente ningún deles gusta de definirse de xeito exclusivo coma pintor ou fotógrafo, e moitos utilizan as novas tecnoloxías para investigar novas vías de produción dentro da arte contemporánea.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

A exposición Urbanitas, celebrada o pasado ano no museo MARCO de Vigo, reuniu pezas de moitos destes artistas que están comezando a escribir una nova páxina na arte que se fai desde Galicia. Neste caso tratábase de reunir a creadores que se interesaban por reflectir nas súas obras aspectos da vida nas cidades, pero quizais un dos riscos distintivos dos novos artistas galegos sexa que non forman un grupo homoxéneo. Afastados das características comúns que identificaban á última gran xeración da arte galega, Atlántica, cada un deles traballa de forma independente e non é fácil atopar nas súas obras sinais que as distingan das doutros xoves creadores europeos.

Os cinco artistas dos que se falan a continuación non son máis ca unha mostra da riqueza e variedade que presenta actualmente o panorama da arte en Galicia

VICENTE BLANCO (Cee, 1974) Arte para entender o mundo

A súa motivación á hora de traballar é axudar ao espectador a que resposte preguntas sobre o mundo en que vivimos. "A arte é difícil de entender porque tratamos de ofrecer alternativas para entender a realidade de forma diferente", di As súas obras máis coñecidas son aquelas nas que combina o debuxo e o vídeo, pero Blanco non gusta das etiquetas e sinala que utiliza tamén a pintura ou a fotografía segundo o que intente reflectir en cada momento.

O artista coruñés estudou en Pontevedra e completou a súa formación en Bilbao y California. Actualmente pasa a metade do ano en Berlín e os outros seis meses en Galicia. A súa visión sobre o estado actual e o futuro da arte en Galicia non semella moi optimista: "O problema da cultura en España é que a cultura está demasiado politizada. Non existe unha xestión privada como ocorre noutros países. Aquí cando chega outro partido político ao poder o que fai e cambiar todo o que fixo o Goberno anterior". Tamén se amosa crítico coa construción de grandes infraestruturas culturais para as que non existe un destino preciso. "O outro día estiven cun alemán que visitou Santiago e non se explicaba que fosen a construír unha Cidade da Cultura tan grande cando a estación de ferrocarril é tan pequena. Eles teñen outra mentalidade", explica.

VICTORIA DIEHL (A Coruña, 1978) Estatuas que cobran vida

Malia á súa xuventude, a traxectoria desta artista coruñesa xa inclúe unha estancia dun ano en Roma e exposicións na propia capital italiana e proximamente en Milán e Viena. Diehl realiza fotografías de esculturas clásicas sobre as que realiza un traballo de retoque dixital. Nun principio os cambios realizados nas imaxes eran moi sutís, pero pouco a pouco vai evolucionando até dotar ás estatuas de máis humanidade. Un dos obxectivos do seu traballo e afondar na idea do dobre do ser humano, un dos temas de sempre da escultura.

Entre os incentivos que atopou para seguir adiante coa súa carreira artística figuran os numerosos premios que recibiu e o apoio do tamén fotógrafo e profesor da facultade de Pontevedra Manuel Sendón. A pesares de que por razóns persoais Diehl se está instalando en Madrid, ela cre que é posible traballar no mundo da arte desde Galicia, aínda que tamén é necesario saír fóra para coñecer outras cousas. "A miña estadía en Roma foi moi importante para o meu traballo", apunta unha artista que sorprende pola orixinalidade da súa proposta estética.

FRAN HERBELLO (Menzinken, Suiza, 1977) Taxidermista de corpos

O que comezou como un xogo acabou por converterse no sinal de identidade do traballo dun artista que esculpe fotografías en branco e negro nas que aparecen corpos humanos ou extremidades con costuras que emparentan o seu traballo co dun taxidermista. A ironía é un dos riscos distintivos na obra de Herbello, que non ten problemas á hora de cambiar de rexistro e producir pezas radicalmente distintas coma a que expuxo durante a súa presenza no Espacio Anexo do Marco.

O artista, fillo de emigrantes, tamén estudou en Pontevedra e, como sucedeu con Victoria Diehl, recibiu o apoio de Manuel Sendón para profundar no camiño que iniciou co seu traballo. Sen recorrer a explicacións crípticas, Herbello comenta que unha das razóns que o levou a apostar por imaxes impactantes na súa produción foi a de chamar a atención do público e dos críticos. As súas opinións sobre o futuro da arte galega transmiten pesimismo pero con humor, un pouco coma as súas pezas. "Non é doado saír adiante coma artista en Galicia, aínda que o CGAC e o MARCO están tratando de axudar aos mozos", sinala.

RUBEN RAMOS (Santiago, 1978) Ruptura das disciplinas clásicas

Investigar sobre o concepto do paso do tempo é unha das preocupacións centrais da obra deste artista compostelán para o que as distintas disciplinas artísticas non existen como tales e por iso fai combinacións aparentemente imposibles entre elas. Unha das obras que mais chamou a atención na mostra Urbanitas foi unha peza súa que consistía nunha orquestra formada por pequenas pantallas nas que aparecían músicos de rúa de diversas cidades.

Ramos dubida que o papel dos grandes museos galegos sexa o de apoiar os artistas novos senón máis ben o de facer boas exposicións e organizar actividades de formación que os mozos poidan aproveitar. En todo caso, tras a súa experiencia como estudante nos países nórdicos, cre que resulta máis sinxelo traballar coma artista no estranxeiro que en Galicia. "De calquera xeito, o máis importante para un artista non son os apoios que teña senón a súa vontade de saír adiante", apunta

CARME NOGUEIRA (Vigo, 1970) A arte coma terreo de conflito

A instalación combinada con fotografía é o terreo no que se move esta artista viguesa que estudou en Salamanca e Valencia e actualmente reside en Pontevedra. O leitmotiv do seu traballo son os clixés representativos e entende a actividade artística coma un lugar conflitivo dentro da organización do mundo que nos arrodea.

Nogueira ten moi claro que as posibilidades de profesionalización do traballo artístico son sempre complicadas. "A min gústame que me paguen polo meu traballo pero non me gustaría que por iso se convertera nunha actividade mercantilista", explica. Ademais, considera que os artistas están moi acostumados a que lles dean as cousas xa feitas e reivindica un cambio de actitude porque "non podemos quedarnos sentados agardando a que nos descubran".

Vicente Blanco

A súa é unha das obras que ten máis proxección fóra de Galicia entre os artistas novos. Nas súas pezas soe combinar o debuxo e o vídeo, pero utiliza tamén a pintura e a fotografía segundo o que trate de reflectir en cada momento. Pasa a metade do ano en Berlín, pero reside en Galicia o resto do tempo.

Carme Nogueira

A instalación combinada coa fotografía é o terreo no que se move esta artista viguesa que estudou en Salamanca e Valencia. O leitmotiv da súa obra son os clixés representativos. Entende a actividade artística coma un lugar conflitivo. Cre que os artistas están acostumados a que lles dean as cousas feitas.

Rubén Ramos Balsa

A investigación sobre o concepto do paso do tempo é unha das preocupacións centrais na obra deste artista compostelán para quen as distintas disciplinas artísticas non existen como tales. Por iso fai combinacións aparentemente imposibeis entre elas.

Fran Herbello

O artista nacido en Suiza deuse a coñecer cunha serie de fotografías en branco e negro nas que aparecen corpos ou extremidades con costuras. A ironía é un dos riscos distintivos na súa obra que últimamente puido verse no Espacio Anexo do museo MARCO de Vigo.

Archivado En