O novo rostro da música galega
Un nutrido exército de grupos pop e rock súmase á evolución do folc cara novos territorios
SON GALEGO. A febleza da industria segue a lastrar o desenvolvemento da música galega, pero a irrupción das novas tecnoloxías democratizou a producción e permitiu un estoupido dos sons da mocidade. Cando se cumpren 25 anos da movida, en Galicia hai máis grupos de pop rock que nunca. E atopan oco tribos novas como os rapeiros ou os electrónicos.
A revista de música Sonotone está a facer un inquérito na rede para elixir o mellor disco galego de 2006. Entre a listaxe dos candidatos hai cousas tan distintas como o hip hop de Dios Ke Te Crew, o innovador disco de Marful, a música de ...
SON GALEGO. A febleza da industria segue a lastrar o desenvolvemento da música galega, pero a irrupción das novas tecnoloxías democratizou a producción e permitiu un estoupido dos sons da mocidade. Cando se cumpren 25 anos da movida, en Galicia hai máis grupos de pop rock que nunca. E atopan oco tribos novas como os rapeiros ou os electrónicos.
O folc continúa gozando de excelente saúde e os músicos fanse máis versátiles
A unha convocatoria do IGAEM acudiron 350 grupos, proba da efervescencia actual
A revista de música Sonotone está a facer un inquérito na rede para elixir o mellor disco galego de 2006. Entre a listaxe dos candidatos hai cousas tan distintas como o hip hop de Dios Ke Te Crew, o innovador disco de Marful, a música de Lamatumbá ou o folc 10.0 de Berrogüetto. Se lle preguntásemos pola rúa a un cidadán calquera polo nome dun grupo galego, probablemente diría o nome dun grupo de folc. E, con todo, hoxe, ademais dunha significativa evolución do folc, o máis revelador da música galega é a aparición dun nutrido exército de grupos de pop e rock que, desde os máis diversos estilos, posibilitan que xa se poida falar dun novo rostro da música galega.
¿Que sucedeu co folc en Galicia? Pois, sen dúbida, continúa a gozar de excelente saúde, afirmándose en figuras como Cristina Pato (que agora reside en Nova York) ou Carlos Núñez (que editou o seu último disco só en Francia). Pero os músicos folc evolucionaron, fixéronse máis versátiles e puxéronse a experimentar na procura de novas sonoridades. Desde aquel inevitable referente que sementou o terreo, o Milladoiro dos anos 80, até hoxe, o camiño percorrido é enorme. Na viaxe xurdiron bandas xa clásicas como Na Lúa ou Fía na roca e desapareceron outras como Matto Congrio, o espazo matriz de onde partiron Anxo Pintos (do actual Berrogüeto) e o propio Carlos Núñez, para chegar ás, en xeral, eclécticas formacións actuais, impacientes por atopar novas vías e mesmo por xoguetear con outras músicas. Así lles sucedeu, por exemplo, a Xabier Díaz e Guillermo Fernández, que no seu Músicas de salitre saúdan o pop; ou á Ugia Pedreira procedente de Chouteira, que deu en Marful cun universo inédito e poderosísimo, pero tamén a formacións como Faltriqueira, nutrido por mulleres que evolucionaron desde as pandereteiras para experimentar cuestionando a ortodoxia.
Onte foron probablemente os grupos folclóricos das parroquias os que posibilitaron a explosión do folc galego (moitos deles formados por mulleres, como Avalón, Donicelas, Leilía ou Malvela). Pero a actual profesionalización estana aportando entidades como o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín e a Escola de Artes e Oficios de Vigo, que deu pé a unha orquestra tan espectacular como Son de seu. Neste punto coinciden tanto a cantante Uxía como Félix Rodríguez, profesor de gaita da Escuela de Folklore Plaza de Castilla, en Madrid, e integrante do desaparecido grupo Fódete xestas!, no que tamén participaron os irmáns Pascual.
Unha banda que podería simbolizar o sucedido na música folc é Os Cempés, que comezou apegada á música tradicional e acabou incorporando a guitarra eléctrica. A Félix Rodríguez parécelle moi significativo que sexa un ex membro de Siniestro Total, Segundo Grandío, quen desde o estudo de gravación Casa de Tolos aglutine o máis nutrido da música folc. Na actualidade, formacións impecables pero moi vencelladas ao tradicional como Luvas verdes conviven con apostas como a das galegobelgas Ialma, a atrevida banda de Verónica Codesal, filla de emigrantes galegos que participou no festival de Eurovisión. E xunto con grupos consolidados como Luar na Lubre e gaiteiras tan sólidas como Susana Seivane habita a recoñecida creatividade de Mercedes Peón, que impacta coa experimentación vocal dos seus directos e incorpora bases electrónicas á súa música. E a potencia do Orfeón Treixadura ou o éxito latino de Xosé Manuel Budiño comparten espazo co impulso das novas xeracións representadas por Dani Bellón e Diego Maceiras.
En palabras de Belén Regueira, responsable do programa Extrarradio da Radio Galega, hoxe faise de todo e bo, e persoas procedentes do campo da música tradicional están intentando crear unha nova música galega, distinta e contemporánea, como é o caso de Marful, Nordestin@s, Espido ou Narf. Precisamente estes grupos, que comparten algúns dos seus integrantes, supoñen propostas terriblemente anovadoras e interesantes no panorama musical.
Pero é que tamén o campo do pop e do rock alcanzaron un dignísimo nivel de calidade. A entender de Belén Regueira recuperouse o sentido lúdico, o humor e a frivolidade, o que é bo para a música, abandonando a militancia ideolóxica. Diso dá fé o músico Marcos Payno, nunha entrevista concedida á revista Sonotone, que pasou da intencionalidade política do grupo Xenreira a propostas máis festivas como Matraca Perversa ou máis postmodernas como a formación Galegoz, que acaba de editar o seu disco Galician chimpanzee.
Esa vitalidade dunha música galega diversa e plural, que a dicir de Xurxo Souto, é o máis característico do panorama actual, pode verse en álbums extraordinarios como Xénese de Dios Ke Te Crew, unha abrumadora proposta de hip hop galego. A efervescencia musical do momento é tan grande que á convocatoria do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) para crear unha programación estable en salas presentáronse 350 grupos. Algo semellante sucedeu coa iniciativa A polo ghit, que o pasado verán puxeron en marcha Vieiros e a Radio Galega e que conlevou a descarga da rede de máis de 10.000 cancións e a visibilización de moitas formacións da música galega.
E aínda que hai bandas como Lamatumbá, que gañou a pulso a reedición do seu álbum Lume (para que saia o sol), é certo que unha nova política dos medios de comunicación públicos está a facer máis visible a música galega. Pero tamén a democratización que conlevan as novas tecnoloxías ten moito que ver neste estoupido, que atopa en páxinas web como A Regueifa Plataforma un escaparate. Deste xeito foron posibles Projecto Mourente e The Homens. Claro que, como di a cantante Uxía, que desde a convocatoria de Cantos na Maré trata de atraer para Galicia os novos escenarios da lusofonía e está a gravar o seu novo disco nas Azores, tamén é necesaria unha industria discográfica en Galicia que permita que os músicos se centren na creación e posibilite a súa profesionalización. En todo caso, a cuestión é que grupos tan interesantes e distintos como Ruxe Ruxe, Sete Saias, Soak, Fanny e Alexander, A Compañía do Ruído, Skacha, a Banda Potemkin ou As Garotas están a chegar ao público. A mestizaxe, a fusión de xéneros, a pluralidade, unha boa formación e un magnífico momento musical mostránnos un novo e prometedor rostro da música galega.