O día que se perdeu a vergoña

Cando a xente se anoxa moitísimo con alguén adoitase pedir que o responsábel sexa declarado 'persona non grata'. Penso que hai dar un paso adiante e crear a figura de 'persona non gratis'

O cadro Cadeiras Nómades de Antón Patiño, da súa serie Metamorfoses e laberintos

Cando a xente se anoxa moitísimo con alguén que considera prexudicou a comunidade adoitase pedir que o responsábel sexa declarado persona non grata. Penso que hai dar un paso adiante e crear a figura de persona non gratis.

O caso do actual Valedor do Pobo, así como o dos directivos bancarios, con xubilacións millonarias no medio da ruína do aforro popular, son exemplos que coido perfectos para inaugurar esta nova e ilustrísima condecoración. Ademais, se empezamos por aí, o nivel vai estar moi alto. Hai unha certa alegría na concesión de medallas neste país. Eu comprend...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Cando a xente se anoxa moitísimo con alguén que considera prexudicou a comunidade adoitase pedir que o responsábel sexa declarado persona non grata. Penso que hai dar un paso adiante e crear a figura de persona non gratis.

O caso do actual Valedor do Pobo, así como o dos directivos bancarios, con xubilacións millonarias no medio da ruína do aforro popular, son exemplos que coido perfectos para inaugurar esta nova e ilustrísima condecoración. Ademais, se empezamos por aí, o nivel vai estar moi alto. Hai unha certa alegría na concesión de medallas neste país. Eu comprendo que se dean moitas medallas Castelao, cantas máis mellor, unhas por merecidas e outras porque serven ao galardoado para preguntar quen era ese Castelao. Como é posíbel que Álvarez-Cascos teña a Medalla de Ouro de Galicia? Pois porque este un país bo e xeneroso. Éo de verdade, sen prexuízos, sen miramentos. Andaba o home deprimido, coa tensión baixa, preocupado por mandar un barco ferido ao Quinto Pino. Home, o do barco non pasará á historia da imaxinación marítima. Pero, foi ou non foi ao Quinto Pino? Así que a Medalla de Ouro de Galicia, dalgún xeito, foi pola puntería. Aquí non se deixa morrer a ninguén de fame, nin a ningún político sen homenaxe. Se o fixo ben, pois merece unha homenaxe. E se o fixo mal, pois tamén. Porque a razón de ser da homenaxe é a homenaxe.

Disque Baltar senior (vello non é) vai xa pola segunda homenaxe, esta ofrecida por xentes da “cultura”. Mesmo o noso benquerido Bieito Ledo dixo del que era “a cerna do galeguismo”. Así falan os clásicos! Ao ler estas cousas, un emocionase. Como di Lino Braxe, sentes esvarar as bágoas da patria polas meixelas até caer en fervenza polo peito. E non haberá unha Medalla de Ouro para o peito de Baltar? Non sei que será de nós no 2050, pero do que estou seguro é de que haberá nalgures unha homenaxe a Baltar e que no menú figurará como prato principal A Cerna do Galeguismo. E alí estaremos todos felices a roer na cerna e máis no galeguismo. Moitos critican o galeguismo, pero ollade o que dá de si. Mesmo o menú de Cerna de Galeguismo a quen máis gusta é aos non galeguistas. O Valedor do Pobo, por exemplo, sempre foi reticente e oblicuo cando lle tocou defender o galego, calquera avogado de oficio ou a nena de Correlingua faría marabillas na vez del, mais sen embargo se lle pediramos un discurso de defensa do menú galeguista, do sabor da cerna, pois seguro que estaba brillante, mesmo en condicións de citar a Curros no Divino Sainete:

Deixa arar o gando, prenda;

por ninguén póñala cara:

quen teña tenda que a atenda.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Pois de redentor o oficio,

sobre de estar en desuso,

leva sempre ó sacrificio.

Penso que o único que falta nesta xeira que será interminábel das homenaxes a Baltar é un cronista de excepción, unha especie de Hunter Thompson, o xenial xornalista e cazador, pai do periodismo gonzo, que entendería á primeira “a cerna do galeguismo”. Por iso escribiu Medo e noxo en Las Vegas. Non estamos a tempo de que Eurovegas caia no val de Verín? Ou na antiga Antioquía de Antela? Nós temos os nosos Hunter, Bieito Iglesias ou Diego Ameixeiras. Que non daría eu por ler a versión gonzo, en primeira liña, desta rota infinda e alucinatoria de homenaxes baltarianos.

Mais deixemos os delirios na sobremesa do menú. Xa están dadas as medallas. Oíronse os discursos. Desconectan as cámaras. Apagan os focos.

Chega a hora do xornalismo. O xornalismo verdadeiro avanza coa luz de mistos ou unha pequena lanterna. O que está a procurar é unha materia inmaterial, unha cousa incolora e refulxente ao tempo, valente e fráxil a un tempo.

O que ten que procurar o xornalismo nestes intres é a verdadeira testemuña. A vergoña.

O sentimento de vergoña, no caso da xestión pública, vale máis que moitas leis e regulamentos. O sentido da xustiza murcha cando se perde o sentido da vergoña. A vergoña pode levar á solidariedade e a xustiza. Mais sen vergoña, sen escrúpulo, todo está perdido. O que se impón é a vergoña vergoñenta. A desvergoña. Tanto como a corrupción económica, o que máis estraga a democracia é esta substracción de sentido. O esmagar o chisco de vergoña. O envelenar de cinismo alí onde houbo alma. Os primeiros defensores do pobo, os Ombusmand dos países nórdicos, supuxeron unha cambio radical na transparencia e nas relacións do poder cos cidadáns. Non é cuestión de ideoloxía, senón desa suma de saber e vergoña. Os anteriores valedores tiveron unha actitude limitada máis ben digna. Como reparar agora semellante avaría?

O Valedor do Pobo reúne todos os méritos e condicións para pasar á historia como a primeira persona non gratis de Galicia. Certo que hai moita competencia. Pésimos gobernantes, autoridades que foron calamidades, deses que deixaron no territorio e na xente cicatrices de difícil curación. Mais o singular deste caso non é o facelo mal ou facelo ben, nin sequera o facer ou non facer. O inaudito é a obscena usurpación. Esa exhibición impúdica de deshonra e desleixo ante a propia obriga. O que oímos non é a voz do pobo senón o escarnio do pobo. A xustificación do inxustificábel. Un Valedor do Pobo que declara inválidos os dereitos conquistados polo pobo. Como un ventrílocuo lendo en voz alta o Eloxio da servidume do poder.

E mentres tanto, unha multitude orfa, ese pobo que teme perder os aforros de toda a vida de traballo, anda nómade por Galicia adiante para que lle devolvan as preferentes. Escarnio no corazón da democracia, un. Escarnio no peto popular, o outro. Demasiado escarnio.

Archivado En