Reportaje:NOTAS A RODAPÉ | Luces

Unha rede para tecer o futuro

Para a miña idea, a diagnose máis atinada dos efectos da marxinación do galego sobre os destinos do noso país continúa sendo a que expuxo Ramón Piñeiro no memorable A linguaxe e as linguas. Segundo el, a discriminación social por diferenciación lingüística expresa o esgazamento da sociedade galega: dunha banda, as elites que, renunciando á personalidade propia e abandonándose á asimilación imitativa da allea, dimiten da súa tarefa de liderar a sociedade; doutra banda, un pobo descabezado que asume pasivamente a súa inferioridade. En definitiva, un país internamente desarticulado, eivado...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Para a miña idea, a diagnose máis atinada dos efectos da marxinación do galego sobre os destinos do noso país continúa sendo a que expuxo Ramón Piñeiro no memorable A linguaxe e as linguas. Segundo el, a discriminación social por diferenciación lingüística expresa o esgazamento da sociedade galega: dunha banda, as elites que, renunciando á personalidade propia e abandonándose á asimilación imitativa da allea, dimiten da súa tarefa de liderar a sociedade; doutra banda, un pobo descabezado que asume pasivamente a súa inferioridade. En definitiva, un país internamente desarticulado, eivado pola desvalorización de si, impotente para recoñecer e explotar as súas capacidades.

A partir desa diagnose, Piñeiro define o sentido histórico da normalización lingüística: reivindicar o que é de noso -identidade e intereses partillados-, para restaurar a dignidade do pobo, afortalar a solidariedade interna e cohesionar a sociedade arredor dun proxecto común. Todo iso é o que se avariou coa campaña contra o galego. O que se perdeu polo camiño non foron horas de ensino en galego, medidas para fomentalo, investimentos na súa promoción (que non é pouco). O que se perdeu foi dignidade pública, cohesión social, enerxía colectiva. Un proxecto de país. Recuperalo vai custar ferro e fariña.

A Rede de Dinamización responde a unha vella aspiración
A Xunta debe integrar no proxecto á Galicia urbana e á oposición

- Rede de Dinamización Lingüística. Coas devanditas cavilacións na mente saín eu da xuntanza de constitución da Rede de Dinamización Lingüística, recentemente posta a andar pola Xunta. Esta iniciativa responde a unha aspiración longamente sentida: un organismo de coordinación e impulso dos servizos lingüísticos que se viñeron establecendo nas administracións locais, nomeadamente concellos e deputacións. Gabinetes que deron vida, cor e alento á promoción do galego nun ámbito crucial pola súa proximidade á cidadanía, proximidade que propicia o contacto directo e a interacción participativa con asociacións, empresas, medios de comunicación...

A consolidación deses servizos de normalización e a creación dun corpo de técnicos especializados foi moitas veces cuestionada, incluso desde sectores comprometidos co idioma. Houbo quen entendeu o seu traballo como tarefa rutineira de tradución ao galego ou corrección idiomática de formularios, actas, bandos ou discursos oficiais, ou de formación lingüística do funcionariado e asesoramento ás institucións, colectivos e empresas. Se así fose, con ser ese labor groso en volume e non desprezable en relevancia, tería pouco sentido crear gabinetes estables. Pero as tarefas da normalización van máis alá: trátase de fomentar o uso do galego na vida da localidade, desde o cultural, deportivo ou recreativo ata o comercial. De certo, isto esixe vontade política dos gobernos e transversalidade nas actuacións: a promoción do idioma debe ser obxectivo incardinado no conxunto das políticas locais (comezando, pero non rematando, coa imaxe corporativa), asociado a unha mellora do estilo na comunicación e na relación coa cidadanía, e que implique diversidade de axentes técnicos, institucionais e sociais. Pero tamén require persoal especializado, na formación e nas funcións (ao que, por certo, as universidades contribuíron ben pouco).

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

- Política lingüística local. A verdade é que a política lingüística local veu sendo produto da boa vontade dunha presada de gobernos municipais (pioneiros foron Redondela, Fene, A Estrada ou Compostela), do voluntarismo dun reducido sector do funcionariado (a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística) e da entrega dunhas ducias de especialistas, asociados na Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización Lingüística (Cotenol). A modiño e malia altibaixos, esta acción foi tomando corpo, coa implicación tímida e variable dalgúns concellos maiores, como Vigo ou Pontevedra, e un par de deputacións (a de Ourense e a da Coruña nos últimos anos). Ata o de agora, a Xunta practicamente se limitaba a dotar periódicas convocatorias de subvención, mal concibidas e peor xestionadas. O Goberno non acababa de asumir as fundamentais obrigas de coordinación que a lei lle atribúe.

Nese contexto, a Cotenol presentou e o Consello da Cultura Galega asumiu, xa van alá 15 anos, a proposta de creación dun organismo de tipo Consorcio para a Normalización Lingüística, que englobase aos distintos servizos. Tal iniciativa estivo a punto de materializarse durante o Goberno de coalición PSdeG / BNG, pero, coma tantas outras neses anos, finalmente quedou fanada, aínda non sabemos o porqué. Agora, coa Rede de Dinamización, aquela vella aspiración faise realidade.

- O futuro está aí. Faise realidade? Dicía antes que á saída da xuntanza de constitución da Rede, nos meus miolos remexían as cavilacións de Piñeiro sobre a subordinación do idioma como expresión visible da radical escisión da nosa sociedade. Así foi: naquel acto había representación de case 90 concellos, o que non é cantidade desprezable, pero faltaba a representación dos principais concellos urbanos, da Coruña a Ourense, de Vigo a Lugo. Tamén faltaba a representación de practicamente todos os concellos gobernados pola esquerda e o nacionalismo, con escasas excepcións (sinalo Teo e Muros, pero podía haber algún máis). Dupla escisión: a Galicia urbana desenténdese da Rede de Dinamización, a oposición política outro tanto. Así, non hai xeito de normalizar.

Claro que a principal responsabilidade lle corresponde á Xunta, á que hai que reclamar unha rectificación de fondo e un esforzo serio para integrar tanto a Galicia urbana canto a oposición no proxecto. O BNG e o PSdeG teñen razón así nas críticas xerais á Xunta coma na denuncia das carencias da Rede -principalmente, a falla de financiamento e a indefinición de compromisos. Pero cometerían un erro estratéxico se pechasen a porta a todo acordo neste eido. Se o PP se empeña en utilizar o galego como ferramenta na lideira partidista, é a oposición quen se ten que encargar de reivindicalo como un activo de futuro para todos/as. Sería unha mostra de miopía política manter os concellos e deputacións gobernados por BNG e PSdG á marxe dunha iniciativa deste alcance, cos serios reparos que se lle poidan pór e todas as imprescindibles melloras que precisa. Certo que a súa posta en marcha coincide coa suspensión de convocatorias de subvención aos servizos municipais de normalización lingüística que terá onerosas consecuencias. Pero hai que demostrar a capacidade de ollar por riba da conxuntura. Alá, nalgún lugar que hoxe non sabemos onde cae pero con certeza un día aparecerá, agarda o futuro. Esquecermos iso sería o mellor agasallo que podiamos facer a quen se empeña en negárnolo.

Archivado En