'STORYBOARD' | Capítulo XII | Luces

Nunca seredes abandonados

Os nenos durmiamos en camas de levante. Así, pola mañá, ao erguerse, o cuarto convertíase en sala de estar. Dende esa fiestra, podíase ver a cidade como un gran barco de luces, coa luz amiga do faro, a que proclamaba en morse: "Nunca seredes abandonados!" Nese Oeste, había outros resplandores de medo, inquietantes. Os dos queimadores e chemineas da refinería de petróleos de Bens, co xeito de xigantescos lanzachamas, que compuñan unha estampa infernal. Do outro lado da casa, onde estaba a porta de entrada, só había monte. Tamén aí nos moviamos entre as lindes territoriais do afecto e a perda. P...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Os nenos durmiamos en camas de levante. Así, pola mañá, ao erguerse, o cuarto convertíase en sala de estar. Dende esa fiestra, podíase ver a cidade como un gran barco de luces, coa luz amiga do faro, a que proclamaba en morse: "Nunca seredes abandonados!" Nese Oeste, había outros resplandores de medo, inquietantes. Os dos queimadores e chemineas da refinería de petróleos de Bens, co xeito de xigantescos lanzachamas, que compuñan unha estampa infernal. Do outro lado da casa, onde estaba a porta de entrada, só había monte. Tamén aí nos moviamos entre as lindes territoriais do afecto e a perda. Polo día, o bosque infindo, a chamada fraga do Crego, era unha terra incógnita a explorar, o lugar da aventura. Pola noite, un averno hostil, o lugar da perda, onde fungaba o malhumor do mundo.

Admiro a moitos contadores de historias, mais non coñecín ningún coa prosodia do meu tío Francisco

Meu pai botounos unha noite da casa a María e a min. Andariamos arredor dos nove anos. Daquela pelexabamos moito, como can e gato. Non era de pegar. Nin el nin miña nai. El deitábase moi cedo. Por dúas razóns. Porque ás seis xa estaba en pé, camiño da obra. E porque non quería gastar "nin un peso en electricidade". Non era da Virxe de Puño. Mais se por el fose, non habería nunca no mundo unha crise enerxética nin padeceríamos o cambio climático. Sempre tivemos con el unha guerra secreta. A de ler na noite. El apagaba as luces, como un sentinela. E cando nos asegurabamos de que estaba a durmir, volviamos prender a lámpada do cuarto como lectores clandestinos. Nunca cedeu nesa militancia contra o imperio eléctrico. Mesmo na vellez, cando se instalou a calefacción na casa, el ía detrás, silandeiro, desconectando os radiadores. Se alguén comentaba que ía moito frío, el calaba e ría para dentro.

Mais non foi por iso, pola luz, polo que nos botou esa noite da casa. Tiña razón. Quería durmir e nós seguiamos coa liorta. Até que se ergueu, levounos do brazo, abriu a porta e chimpounos baixo as estrelas, na fronteira daquel locus horroris, da fraga do Crego. Oímos tras de nós, con estupor, o engrenaxe da pechadura. Un minuto antes, odiabámonos, estabamos a pelexar. E agora, de súpeto, os dous inimigos encontrábanse sos no universo. Expulsados do fogar. E como é sabido, non hai nada que doa máis ao ser humano que o abandono. E non só ao humano. Hai poucas cousas máis arrepiantes que o laio dun animal cando perde un ser querido. Miña nai púñase en vilo cando nos falaba dunha vaca que coidaba na infancia, do xeito de bruar cando a afastaban do cuxo. Contaba que era un pranto inconsolábel. Unha buguina de dor que ía máis aló do val, á procura dos camións e dos convois que levaban aos matadoiros. E que ela se agochaba, tapaba os oídos, mais non había xeito de fuxir do lamento.

Estabamos sos na noite, atentes aos ruídos interiores da casa, aquela nosa casa solitaria que resistía as tempestades. Canto me emocionei con Henri Bosco, cando lin o que escribía do seu fogar, La Redousse, en Malicroix: "A casa loitaba bravamente". A verdade é que axiña deixamos de sentir a síndrome Hansel e Gretel. Esqueceramos a causa da liorta. Démonos a man. Estabamos máis unidos que nunca. Xurámonos que endexamais habería guerra entre nós. E funcionou o esconxuro. Do terríbel desacougo pasamos a unha certa calma e logo a unha excitante alegría. Se a porta patriarcal permanecía pechada, onde íamos encontrar refuxio?

Estaban os tíos. Fálase moito agora do xenoma. Das semellanzas e diferenzas entre humanos e outros animais próximos como os chimpancés, os bonobos e os orangutáns. Non é certo que eles non teñan linguaxe, nin utilicen útiles como ferramentas. Como ben explica o xenial uruguaio Casacuberta, somos case iguais en todo. Cal é a principal diferenza? Os humanos temos tíos e tías!

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

E alí estabamos María e mais eu felices, a repasar a marabillosa lista. Gaiteira, Birloque, Anceis, Sada, Sergude, a barbería da rúa Bizkaia, a taberna de Almeiras... Mesmo en Sevilla tiñamos un tío, Benito, por certo cobrador da luz. Pensaba que Benito fora andando de mozo de Corpo Santo a Sevilla, porque sempre oía falar do andar de Benito. Percorría Sevilla andando e no verán o chan era de brasas que queimaban os pés. E entón a nai de Carmina, que era un tesouro, mandaba pasar sempre ao patio a aquel bo mozo galego, tan educado, con voz de tenor, para que descansase os pes e tomase unha limoada. E foi así que casaron, Benito e Carmina, grazas á electricidade. Á marxe da súa opinión sobre as compañías do sector eléctrico, meu pai, como todos, tiña moito aprezo por Benito. Xa de ben maior, papá foi examinarse para acadar o certificado de Estudos Primarios. Estudou moito, coa miña irmá Sabela. Fixo ben todo, pero cando lle preguntaron nomes de parasitos ficou en silencio. Non quería manifestar o que realmente pensaba. Ante a insistencia da profesora, dixo un nome de parasito que non tiña que ver co capital e os políticos: a tartaruga. A continuación, puxéronlle como exercicio escribir unha redacción.

Tema? "Mis vacaciones".

Meu pai pousou o bolígrafo, ergueuse da mesa e foi cara á porta de saída. A profesora chamou por el e pediulle explicacións. E el respondeu: "Non podo escribir do que ignoro. Non sei o que son as vacacións". Ela, moi amábel, díxolle: "Ande, sente. Pode vostede escribir o que queira". E entón meu pai escribiu do tío Benito e do moito que lle gustaría a miña nai ir a Sevilla. E describiu aquela feiticeira cidade onde os cobradores da luz casaban con mulleres luminosas nun patio de xeranios. Foi o único texto que escribiu, el que nunca estivo en Sevilla.

Tiñamos moitos sitios onde ir. Tíos e tías formaban unha república, en todos os sentidos da palabra. Estaba Pepita, na Gaiteira, que sempre foi unha creadora de harmonía. No Birloque, Felicitas, pero tamén a tía Amparo, que tiña un taller de costura. A min gustábame moito ir alí, porque traballaban varias mozas noviñas, que acompasaban os seus risos e as máquinas Singer. E alí me sentía como un figurino... E estaba, claro, a barbería do tío Francisco, aló detrás de San Pedro de Mezonzo.

Admiro a moitos contadores de historias, mais non coñecín ningún coa prosodia do meu tío Francisco. El figura na miña lista de autores clásicos. Marabillábame de neno, velo cortar o cabelo, non tanto polo estilismo da tesoira senón polo relato que ía construíndo arredor de cada cabeza. El habita o mundo da imaxinación. Cando era rapaz, sempre volvía a casa cunha ducia de troitas. Collíaas a man. Púñase a falar no río e as troitas pasmaban. Nunca o oín falar mal de ninguén, agás da tiranía. Vive feliz coa tía Manola e a súa tribo. Manola ía coser polas aldeas, cunha Singer portátil na cabeza. Unha das súas compañeiras de ruta era outra linda moza, Finita, a que logo sería célebre cantante de orquestra co nome de Finita Gay. Cando ían polas corredoiras, tiñan medo aos lóstregos, pois levaban as máquinas de coser na cabeza. E o remedio era que Finita cantase para matar o medo. Até que apareceu Francisco. Que mesmo facía rir ao señor medo.

Meu pai oíu que falabamos con moita animación no medio da desventura. Ao estilo tío Francisco. E entón abriu a porta e mandounos deitar sen mais. Nunca máis pelexamos María e mais eu. E aquela noite, aínda prendemos a luz para ler cando os pais caeron durmidos, se cadra soñando en Sevilla.

Archivado En