Votos de escritor
Ás veces anda un de viaxe e esquece levar as ferramentas, estou a escribir no reverso da páxina dun texto literario, máis tarde procurarei un ordenador e pasarei estas palabras a word, e mandarei un e-mail. A páxina é dunha novela apresentada a un certame de novela negra no que formo parte do xurado.
O premio ten unha dotación importante, está reservado para quen presente un romance escrito en castelán ou inglés (o libro claramente mellor situado está en inglés). Aquí teño a capacidade de incidir para que se premie un libro ou outro dos que concursan, porén eu non podería ...
Ás veces anda un de viaxe e esquece levar as ferramentas, estou a escribir no reverso da páxina dun texto literario, máis tarde procurarei un ordenador e pasarei estas palabras a word, e mandarei un e-mail. A páxina é dunha novela apresentada a un certame de novela negra no que formo parte do xurado.
O premio ten unha dotación importante, está reservado para quen presente un romance escrito en castelán ou inglés (o libro claramente mellor situado está en inglés). Aquí teño a capacidade de incidir para que se premie un libro ou outro dos que concursan, porén eu non podería optar ao premio por ser escritor en lingua galega. A falar claro, realmente eu podería escribir un libro en castelán, seino facer (en inglés realmente non), agora que a condición de "escritor en lingua galega" na práctica obrígame a un voto: non escribir a miña obra nesa outra lingua, tan presente e dominante na nosa realidade social, nas nosas vidas.
O escritor é reo da lingua, das linguas, e non pode substraerse aos conflitos, relacións de poder entre elas. A canto máis conflitiva é esa relación, máis se ve o escritor obrigado a tomar partido. Na Galiza quen quere ser escritor ten que optar, sen dúbida vémonos abocados a facer unha opción que no fondo é moral. Ninguén nos obriga a escoller nun senso ou outro, escribir nunha lingua ou noutra. Nesa escolla estamos sós, mais evidentemente somos conscientes das implicacións que ten. O escritor non escribe para si senón para os demais, o seu labor é público e pasa a ser patrimonio da sociedade; asumimos unha responsabilidade social. Iso no caso galego é especialmente evidente: a literatura en lingua galega foi e mais é un instrumento de construción dun país de noso, autocentrado. Ese voto crea un couto choído no que escribimos e que ten consecuencias profesionais e artísticas moi importantes e que algún día deberamos explicitar, pois a propia sociedade ten dereito a coñecer.
Ese trascendental dilema, escribir galego ou castelán, atravesou o século XX, Castelao e Valle-Inclán, os escritores que viaxaron ao Madrid de posguerra, os que aspiraron ao premio Nadal, a xeración que nos anos 60 asentou o monolingüísmo para os escritores galegos, ese que aínda é hoxe o noso modelo vixente. E Alfredo Conde.
Conde anunciou este agosto que, se lle entendín ben, abandonaba a escrita literaria en lingua galega. Deixa de ser escritor en lingua galega (seguirá a ser escritor e galego). Faino porque se ve nunha situación que lle resulta insoportábel. Non cabe aquí analizar as súas razóns ou motivos, mais un escritor debe ser quen de comprender o que outro escritor experimenta e de respectar as súas decisións. En todo caso, o caso de Conde fai visíbeis as tensións ocultas na literatura galega. Merece atención.
http://susodetoro.blogaliza.org