Hanom Ausse, 'post rock' e carpinteiría desde Catoira
O anonimato no pop, símbolo de pureza en mercados avanzados, vaise puíndo segundo a demanda. Unha carreira como a do británico Lawrence Hayward (Felt, Denim), por exemplo, séguese alimentando da falta de imaxe. Desde Catoira, Hanom Ausse ripou cara e nome. Nada de identificacións políticas. "Hai algo máis horrible que poñer a foto na portada, como unha imaxe de marca?", pregúntase o responsable do proxecto, 36 anos, carpinteiro de profesión e defensor do ideal underground "do perfecto descoñecido".
Tras dous EPs editados en 2006, o primeiro longo de Hanom Ausse, ...
O anonimato no pop, símbolo de pureza en mercados avanzados, vaise puíndo segundo a demanda. Unha carreira como a do británico Lawrence Hayward (Felt, Denim), por exemplo, séguese alimentando da falta de imaxe. Desde Catoira, Hanom Ausse ripou cara e nome. Nada de identificacións políticas. "Hai algo máis horrible que poñer a foto na portada, como unha imaxe de marca?", pregúntase o responsable do proxecto, 36 anos, carpinteiro de profesión e defensor do ideal underground "do perfecto descoñecido".
Tras dous EPs editados en 2006, o primeiro longo de Hanom Ausse, Metembistte, tamén no netlabel da Regueifa Plataforma -pódese descargar de balde-, responde ao clixé da música non producida en Galicia ata agora. Nove temas sen voz onde ecoan desde os Cure atmosféricos de Seventeen seconds ata Low ou DJ Shadow. O traballo dun esteta. De poñerlle nome, habería que falar do amortizado post rock, pero el prefire "rock instrumental".
"Non vexo risco no pop. Quizais pesa a falta de narrativa, ou de cantantes"
Feito na casa: "Un PC, unha guitarra Epiphone de segunda man, un baixo Squire e unha acústica Ibañez, todo pasado por un pedal dixital barateiro. Non hai máis á parte dun software de edición, máis ou menos o mesmo que se usa para harcore techno e chunda chunda". En cancións como Todo estará ben por sempre, non é? ou Mala vida calíbrase a importancia de Suicide, incluso refugallos do trip-hop, pero a el dálle a risa. "Eu medrei co pop británico dos 80 ata o cambio de década, onde se abriron camiños que nin sequera podía imaxinar. O slowcore marcou un antes e un despois, sen dúbida. Pasei da experimentación ambient insoportable a facer algo máis organizado". En Metembistte os instrumentos soan "máis desenvolvidos". "Intento librarme do loop porque é un recurso fácil, debo avanzar".
O directo, ou as voces, non son negociables. "Nunca pensei en levalo ao vivo, e por iso non reparo en facer capas de ruído ou ambientes; é máis, adoito esquezo rapidamente as notas que empreguei nunha canción, e iso dificultaría un chisco o directo". Fuxir da narrativa tampouco é unha escolla semántica: "Non creo que teña voz para cantar, ese é o motivo".
Falando das voces, acábase falando de pop. "Non vexo risco, tampouco no pop estatal, e sobra mimetismo... Quizais pesa a falta de narrativa, ou será que simplemente non hai cantantes á altura". Estáse indo canda a xente na divulgación da electrónica? "Non sei de ningún Fennesz galego, nin replicantes de Mouse on Mars". A música galega é algo máis amplo: "Interésanme os grupos que amosan actitude punk, facendo da precariedade instrumental un orgullo. Hai un caldo no lume que ten que ferver". Nesa escena opina que Drenching Haze, Noise Project e o resto dos semifinalistas do Proxecto Demo 2009 -Franc3s, The e Telephone Rouges- "darán que falar".
Como vivir da música non se contempla, Hanom Ausse fala dela no seu blog ruidodemusas. Seguirá traballando, pero -remarca- "iso non é cool de seu". "O cantante de Lambchop colocaba tarimas e deixou o choio cos xeonllos desfeitos. E Bustamente era albanel. É iso cool?".