PSICOFONÍAS | Luces

Rostros da memoria

Retratar corenta e cinco rostros, en elocuente branco e negro, case todos publicamente anónimos, pertencentes a represaliados e os seus parentes que sufriron persecución en Galicia despois do golpe de estado de 1936. Expoñelos xuntos (Kiosco Alfonso-A Coruña), acoubillados no silencio cheo das galerías, velaí unha das máis estremecedoras accións de recuperación da memoria histórica que podo coñecer e da autoría do fotógrafo Xurxo Lobato.

Hai algo sagrado no percorido por esta exposición que sobrepasa a beleza formal da fotografía. Algo rupestre. "Se pinto o bisonte, cazo o bisonte", o p...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Retratar corenta e cinco rostros, en elocuente branco e negro, case todos publicamente anónimos, pertencentes a represaliados e os seus parentes que sufriron persecución en Galicia despois do golpe de estado de 1936. Expoñelos xuntos (Kiosco Alfonso-A Coruña), acoubillados no silencio cheo das galerías, velaí unha das máis estremecedoras accións de recuperación da memoria histórica que podo coñecer e da autoría do fotógrafo Xurxo Lobato.

Hai algo sagrado no percorido por esta exposición que sobrepasa a beleza formal da fotografía. Algo rupestre. "Se pinto o bisonte, cazo o bisonte", o pensamento simbólico-mítico dos artistas prehistóricos. "Se retrato os rostros da memoria, gardo e honro a memoria", se cadra, o valor máis ca ritual encriptado nesta mostra. Foron, existiron, viviron, eran ou son coma ti ou coma min. Posiblemente témolos cruzado distraídamente no barullo das rúas durante décadas. Viviron o que nos tocou vivir a todos máis o peso da dignidade pola represión sufrida e os soños perdidos.

Aquí hai corenta e cinco pero son centos, milleiros de galegos e galegas que sentiron a dor da liberdade expropiada e do pensamento atrincheirado e resistente. Aguántalles a mirada e asolágate na profundidade das enrugas dos seu rostros ¿Cómo se pode dicir que hai revanchismo na recuperación da memoria republicana? A memoria é xente real, e real é a súa existencia e a súa verdade histórica.

Sempre nos canons do mellor fotoxornalismo, Lobato renuncia aquí ao seu habitual estilo individual para oficiar de chamán civil e congregar a liturxia laica de conxurar a amnesia colectiva. Conségueo, abofé que o consegue. A humildade xenerosa do retratista concédelle o protagonismo todo ao retratado. A memoria é esta colección de ollos melancólicos e intelixentes. Fermosos.

Nunca poderemos nin debemos esquecer. Non se me ocorren iniciativas máis efectivas de hixiene e xustiza históricas que esta exposición patrocinada pola Consellería de Cultura e o Concello da Coruña. A mirada entrañable e vital da memoria e de Xurxo Lobato.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Archivado En