Luces

Berrogüetto cambia de voz

O cantautor Xabier Díaz releva a Guadi Galego na banda de folk

"Necesitaba descansar, e aquí non podes abandonar durante dous anos. Algo tiña que deixar". Guadi Galego, voz en Berrogüetto, Nordestinas e Espido, decidiu aparcar o proxecto máis grande, imaxe de marca do novo folk galego desde 1996, para cavilar "que facer". Xabier Díaz, que xa colaborara con Berrogüetto en Hepta (2001), aportará voz, gaita e percusión no disco que prepara a banda para 2009.

Non houbo problemas na familia folk. Galego, irmá de Santiago Cribeiro (acordeón, piano e teclados en Berrogüetto), mantén Espido, a dúo co guitarrista Guillermo Fernández, tamén de Berrogü...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

"Necesitaba descansar, e aquí non podes abandonar durante dous anos. Algo tiña que deixar". Guadi Galego, voz en Berrogüetto, Nordestinas e Espido, decidiu aparcar o proxecto máis grande, imaxe de marca do novo folk galego desde 1996, para cavilar "que facer". Xabier Díaz, que xa colaborara con Berrogüetto en Hepta (2001), aportará voz, gaita e percusión no disco que prepara a banda para 2009.

Non houbo problemas na familia folk. Galego, irmá de Santiago Cribeiro (acordeón, piano e teclados en Berrogüetto), mantén Espido, a dúo co guitarrista Guillermo Fernández, tamén de Berrogüetto, parte esencial nos discos en solitario de Díaz, e pensa dedicarlle máis tempo á súa outra banda, Nordestinas, con Ugia Pedreira e Abe Rábade. "Con Nordestinas só tivemos 15 concertos", apunta Galego. A vocalista, mestra de música na Berenguela e no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín, pensouno "durante moito tempo". O futuro agora conta trazalo con calma. "Para ter cousas que dicir cómpre vivir e sentar. Polo de agora non penso niso da carreira en solitario, pero eu fago música todos os días".

"Agora temos por diante o traballo de adaptar o repertorio de Guadi á voz de Xabier", sinala Guillermo Fernández. A voz de Guadi prestáballe imaxe e intensidade ao grupo desde Viaxe por Urticaria (1999), o segundo disco da banda. O tema Xente, na voz de Guadi, serviulle asemade ao BNG como sintonía de campaña nas eleccións municipais de 2007.

"Nós non buscabamos un substituto de Guadi", aclara o guitarrista, que louva a capacidade de Díaz para fusionar a música de raíz coas harmonías da música contemporánea. "Xabier interpretará eses temas ao seu xeito. Ten un grande talento interpretativo e compositivo e un gran coñecemento do mundo tradicional, algo moi importante para Berrogüetto".

O grupo traballa arestora o directo, en previsión de fixar as súas tradicionais desaparicións na procura de material para o seguinte disco. O ano de transición de Berrogüetto rematará a finais do verán, e entón darán comezo as súas coñecidas asembleas. "Para que todo o mundo aporte, trátase de levar ao ensaio ideas suficientemente inacabadas", resume Fernández.

O cambio de rexistro na seguinte versión de Berrogüetto, que en 2006 presentara 10.0, a xogo co décimo aniversario de Navicularia, o seu premiado disco debú, valórao tamén o multiinstrumentista Anxo Pintos. "Non foi un proceso cruento", ironiza. "Iniciamos o novo capítulo con ilusión, apetecíamos probar certo cambio no timbre de voz". Pintos, armador tamén da orquestra folk Son de Seu ou Lizgairo, con Rodrigo Romaní e Xosé Liz, recoñece o cambio de prazos que impón a mudanza de personaxes.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Díaz, a voz masculina máis visible do folk galego, terá que cadrar a nova encomenda co seu traballo de vocalista na Compañía Nova Galega de Danza. Para o autor de Músicas de salitre (2005) e Coplas para Icía (2007), esta é "unha viaxe nova cunha banda de moito talento, agora teremos que atoparnos".

Guadi Galego, nunha actuación no Festival Celta de Ortigueira.ANXO IGLESIAS

Archivado En