Entrevista:SUSO DE TORO | Escritor | LUCES

"Sempre me sitúo nun lugar no que son incómodo para o poder"

Hai cinco anos que Suso de Toro se atopou co protagonista do seu último libro, Madeira de Zapatero. Aquela mañá de decembro, polas rúas de Santiago de Compostela desfilaba a manifestación máis multitudinaria da historia recente da Galiza, contra a xestión dos gobernos do PP na catástrofe do Prestige. "A xente non confiaba en Zapatero", afirma De Toro, "pero eu advertín a dureza política que había debaixo da súa cortesía". Dous longos encontros co presidente do Goberno español, un en voo cara a América e outro na Moncloa, servíronlle ao autor de Tic Tac para completar a obr...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Hai cinco anos que Suso de Toro se atopou co protagonista do seu último libro, Madeira de Zapatero. Aquela mañá de decembro, polas rúas de Santiago de Compostela desfilaba a manifestación máis multitudinaria da historia recente da Galiza, contra a xestión dos gobernos do PP na catástrofe do Prestige. "A xente non confiaba en Zapatero", afirma De Toro, "pero eu advertín a dureza política que había debaixo da súa cortesía". Dous longos encontros co presidente do Goberno español, un en voo cara a América e outro na Moncloa, servíronlle ao autor de Tic Tac para completar a obra coral Madeira de..., que Edicións Xerais pon nas librarías. "El revisou o borrador e a versión final, pero non cambiou unha coma", asegura. De Toro está a ler O legado de Humboldt, de Saul Bellow: "Teño querenza polos xudeus europeos e americanos; eu sempre digo de min que son un xudeu".

"Zapatero é unha corrección do pensamento do PSOE, da esquerda"
"Ninguén me escollería ministro porque os políticos sospeitan de min"
"O meu galeguismo é o de Seoane e o dos exiliados, non o do interior"

Pregunta. Cal é a madeira de Zapatero á que alude o título?

Resposta. É un título literario que pretende ser ambiguo. Responde a que este libro quere expresar a substancia, a alma, a cerna, dunha figura política. Amais, dicimos de alguén que ten madeira cando dicimos que ten caste. Zapatero ten caste, é máis ca un presidente do goberno ou que o secretario xeral dun partido.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

P. E como define esa madeira?

R. Intelixencia, sen dúbida, ampla, extensa e tamén aguda. Tamén é dunha grande humanidade e iso implica desexos de xustiza. Non se trata dunha intelixencia que se reprega en si mesma, senón que se expresa na acción con valentía. É pao de buxo, de buxo novo, porque nel hai algo de xuvenil.

P. Zapatero pertence a unha xeración politicamente nova.

R. Trátase dunha xeración que non coñeceu a clandestinidade e, polo tanto, tampouco a radicalidade ideolóxica, o doutrinarismo ou a falta de cultura democrática. Porque o antifranquismo realmente existente reivindicaba a democracia pero tiña unha ideoloxía non democrática. Cando me atopei con Zapatero, atopeime con xente que era demócrata de modo natural. Eu, que son dunha xeración anterior, recoñezo que non son demócrata de modo natural, teño que facer unha reflexión...

P. Pódese trazar o seu pensamento político?

R. Zapatero representa unha corrección, unha actualización do pensamento do Partido Socialista e do pensamento da esquerda en xeral. Asume, en parte pola súa xeración pero tamén teoricamente, que as transformacións sociais só se fan democraticamente e co apoio dunha cidadanía formada e libre. Zapatero, amais, entende que o Estado ten que estar subordinado aos cidadáns e que en España hai espazos culturais, políticos, ideolóxicos distintos. Pero non fai ideoloxía nin do Estado nin da nación.

P. É republicano?

R. Nos dous sentidos da palabra. Herda, por historia familiar e por cultura política da memoria española, o patrimonio cultural do que foi a República en España. Da Primeira República recolle a herdanza federal e da Segunda, a unitaria, pero que recoñeceu a existencia das nacionalidades, da segunda. Porén, non fai causa da forma do Estado e entende que a Monarquía parlamentaria española é a forma que adoptou aquí a democracia. Pero é republicano porque o pasado democrático español foi republicano.

P. Non resulta perigoso para un intelectual achegarse tanto ao poder?

R. Sempre me sitúo nunha posición que me volve incómodo. Ninguén me escollería como ministro, nin como conselleiro, porque sospeitan de min. De feito, unha das calidades de Zapatero é que pode relacionarse con alguén coma min, porque eu non son cortesán, non podería levarlle a auga a ninguén. Pero con Zapatero podo falar con liberdade e esa liberdade elévao por riba da medianía. A miña relación con Zapatero é unha relación libre, como di a canción: "Nin eu llo pedín / Nin ela mo deu".

P. Non hai limitacións?

R. Comprométome á prudencia. Non debo, porque sería deslealdade e faríalle moito dano a Zapatero, criticar cousas del. Pero trátase dunha limitación pública, como en calquera relación aceptas unha limitación: sigo a pensar por libre.

P. Daquela, non pode falar dos aspectos criticábeis de Zapatero?

R. Zapatero é unha persoa que corre riscos. E gústame por iso. Corre un risco moi forte de fondo, que é gobernar España, unha sociedade na que hai sectores franquistas actuando contra a estabilidade social, cun brazo atado. Limitou o uso da televisión pública, non quere ser partidista na relación cos medios de comunicación, non quere ser populista exercendo o poder... Pretende realizar un experimento de republicanismo e iso provócalle certa rixidez política. Algunhas veces non respondeu axilmente a unha situación política por cumprir con eses principios republicanistas: comparto o propósito pero pregúntome senón foi, por veces, ríxido demais.

P. Como pensa que vai ser a recepción do libro no campo cultural galego?

R. Hai un ano e medio que publiquei Home sen nome, unha novela na que botei o resto, traballei con toda a forza da que fun quen, implicado literaria e humanamente ao máximo: aínda hoxe non sei que significa o libro para iso que chaman sistema literario galego, a literatura galega. Non sei se a miña obra é insignificante ou foi lida con atención, se dura. Polo tanto, como escritor, un sistema literario que non recibe a miña obra, que non sei como nin de que xeito a recibe, para min non existe, é unha carallada. Fago as cousas que coido que debo facer, coa mesma motivación ética e cívica que tiña aos 14 anos.

P. En que xínea intelectual se inscribe?

R. Eu lin O pensamento político de Castelao, de Alberto Míguez, editado en Ruedo Ibérico por un anarcosindicalista, José Martínez. E lembro a Castelao facendo parte dun goberno republicano no exilio. Sempre dixen que o meu galeguismo era o de Seoane e o dos republicanos exiliados, non o galeguismo do interior. Coido que, dende Galiza, hai que pensar España con naturalidade, a España federal e plural. Por iso escribín sobre España e interviñen nas disputas ideolóxicas e culturais españolas.

P. E que queda do Suso de Toro que quería facer croquetas co cadáver de Castelao?

R. Ese non era Suso de Toro, eran Os Kamikazes, uns personaxes que aparecen en Polaroid. Nesa máquina literaria que é Polaroid, Os Kamikazes eran unha peza, pero Suso de Toro tamén eran outras pezas que opinaban diferente aos Kamikazes. En calquera caso, a partir dunha idade, as hormonas traballan doutra maneira [ri].

Archivado En