Reportaje:LUCES

Nós, os europeístas

Unha mostra lembra a vocación continental da xeración dourada da cultura galega

Estes da Xeración Nós éranche uns tipos ben espilidos. ¿Como se puideron decatar da importancia que Europa ía ter para a vertebración da nosa conciencia comunitaria nun mañá que daquela lles tiña que parecer moi distante? Intuír que as identidades colectivas precisan, para definirse, de marcar un territorio e unhas fronteiras non necesariamente xeográficas, e que na tensión entre o local e o global se ía dilucidar a galeguidade do século XXI, requería dunha visión de futuro que ningunha xeración intelectual ou política volveu ter en Galicia. ¿Quen era o que dicía que vivimos de rendas do labor...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Estes da Xeración Nós éranche uns tipos ben espilidos. ¿Como se puideron decatar da importancia que Europa ía ter para a vertebración da nosa conciencia comunitaria nun mañá que daquela lles tiña que parecer moi distante? Intuír que as identidades colectivas precisan, para definirse, de marcar un territorio e unhas fronteiras non necesariamente xeográficas, e que na tensión entre o local e o global se ía dilucidar a galeguidade do século XXI, requería dunha visión de futuro que ningunha xeración intelectual ou política volveu ter en Galicia. ¿Quen era o que dicía que vivimos de rendas do labor de Nós? Non ía desencamiñado.

A definición espacial da galeguidade ten cada vez menos razón de ser nun presente no que todos estamos dispostos a aceptar a virtualidade como paradoxal modus vivendi, e no que Galicia está, cada vez máis, no mundo. Hai un ansia de descubrir a alteridade que medra paseniño nas sociedades desenvoltas, quizais como estratexia de resistencia fronte á esterilizante uniformización que o capitalismo nos impón. Esa vontade de descubrírmonos nunha diferenza que só a existencia do outro garante pode servirlle de aliado inesperado ao proxecto europeísta, e viceversa: chantemos no mapa do continente o norai do galeguismo. Velaí a encrucillada turca: Europa só será plural, ou non será.

Hai unha nova Galicia da diáspora, artellada en redes de complicidades xuvenís

Hai unha nova Galicia da diáspora, artellada en redes de complicidades xuvenís, en proxectos estudiantís, en amores plurilingües, en interminables peregrinacións estivais no Interraíl. Os programas universitarios de intercambio de estudantes Erasmus teñen estimulado máis o sentimento europeísta das novas xeracións que referéndums e discursos. E non falemos do labor que realizan os lectorados e centros de estudos galegos espallados polo continente adiante, de Polonia a Finlandia, de Italia a Escocia. Galicia está xa no mapa da Universidade europea. ¿Imaxinaríao o vello don Ramón nalgún serán invernizo, cando o vento ouvease na carballeira de Trasalba? ¿Adiviñaríao Castelao cando lle puxo ao ramo ao Sempre en Galiza apostando por uns Estados Unidos de Europa como paso previo á constitución da Unión Mundial? Dalgún xeito, facendo realidade o soño que eles soñaron para nós, estamos a realizar unha acto de reparación histórica. A súa aposta xógase de novo no taboleiro da Historia, e para recordárnolo inagurouse este mércores pasado, Día de Europa, a exposición Galicia, célula de universalidade. Europa e a Xeración Nós no Museo do Pobo Galego.

Seméllame que este ano 2007, cando se cumpren 50 da sinatura do Tratado de Roma, é un intre ben oportuno para repensar Europa dende Galicia, pero tamén o contrario. Non esquezamos que todos os camiños son de ida e volta, e que o que conduce a Santiago é tamén o que nos comunica cunha Europa coa que mantemos unha relación contradictoria. As enquisas revelan datos preocupantes e alentadores a un tempo. Dous de cada tres cidadáns pensan que estar na Unión Europea é bo, pero son os menores de 18 e os maiores de 55 os máis escépticos. O mesmo sucede cando se mide a disposición a recoñecérense como cidadáns europeos: son os máis novos e os de máis idade os menos proclives a definirse como tales. E isto afírmase ao tempo que se recoñece un maior apego aos espazos referenciais máis próximos; ou sexa, a mocidade confesa sentirse identificada sobre todo coa súa vila ou cidade, logo coa súa comunidade autónoma, despois co seu país e, finalmente, cunha Europa que semella estar moi afastada e á que, de xeito aparentemente contradictorio, queremos pertencer reafírmándonos no que somos.

Esta dialéctica non debe ser vista como un atranco, senón como unha oportunidade de medrío. Europa xa xogou a carta da vertebración piramidal, e perdeu a baza. Non lle queda outra que xogar a da estrutura en rede, e ver que pasa. Toca poñer en valor a alteridade e non faltan camiños para que circule. De aí o acaído da exposición: no rexeitamento oteriano ao que don Ramón percibía como un cosmopolitismo abstracto e uniformizador podemos hoxe atopar inspiración para resistirnos á voraz expansión dunha globalización falaz. Porque universalidade é sinónimo de pluralidade.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Cada vez máis distantes duns Estados-nación afortalados por valores capitalistas e militaristas e que os cidadáns percibimos como artificiais, as galegas e galegos podemos respostar dende unha paixón identitaria que se lexitima na xenerosidade para con todas as demais. Quen fala de identidades excluíntes faino desde o narcisismo, sen reparar en canto de humildade hai na reivindicación do propio. O verdadeiro desafío desta democracia é a vertebración da pluralidade, tarefa nada doada cando boa parte da sociedade herdou da longa noite de pedra a convicción tácita de que a xerarquía é a estrutura natural de organización social.

Unha cruzada da imaxinación

Alá por 1950 Ramón Piñeiro alentaba a Cunqueiro a emprender unha gran cruzada da imaxinación que sería "de moito proveito para a saúde espiritual de Europa!". Imaxinación ¿Non será iso o que lle falta á clase política para pensar Europa? ¿Terá logo que poñela a cidadanía? Hoxe venres 11 de maio celébrase en Trasalba, na casa de Otero, un acto de afirmación e compromiso europeísta, ao que asistirá o presidente da Xunta de Galicia.

Benvida sexa a proxección institucional que lexitima ese compromiso. Mais a mocidade galega agradecerá tamén que os poderes politicos despexen de atrancos os camiños que levan a Europa para que poidamos percorrelos coa convicción de que o galeguismo do século XXI pode ser (tal e como Carballo Calero dixo do de Otero) un reintegracionismo en Europa.

As posibilidades son infinitas. ¿Queren un exemplo? As axudas ofertadas este ano dende a Consellería de Educación para posibilitar que a práctica estival de idiomas no estranxeiro deixe de ser, dunha vez por todas, cousa de elites. Xa lles digo, só é cuestión de botarlle un chisco de imaxinación (ben, e de presuposto).

Archivado En