Reportaje:SENDA DE SAUDADE | LUCES

A outra mesa redonda

A célebre sala de estar de Piñeiro converteuse en todo un universo onde se xestou parte da historia recente de Galicia

Hai 100 anos, para James Joyce a cultura irlandesa era o espello roto dunha criada. Hai 50, o que quedaba da cultura galeguista en Galicia simbolizábao máis ou menos unha mesa de braseiro. É a peza menos rechamante entre os obxectos e símbolos da construcción cultural dunha nación que constitúen a exposición Galicia, a forza da palabra sobre o primeiro centenario da Real Academia Galega. Un moble que, a primeira vista, parece máis un soporte da mostra que un elemento integrante e que, sen embargo, constituíu un auténtico aleph de ideas e de vontades durante as catro décadas máis ...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Hai 100 anos, para James Joyce a cultura irlandesa era o espello roto dunha criada. Hai 50, o que quedaba da cultura galeguista en Galicia simbolizábao máis ou menos unha mesa de braseiro. É a peza menos rechamante entre os obxectos e símbolos da construcción cultural dunha nación que constitúen a exposición Galicia, a forza da palabra sobre o primeiro centenario da Real Academia Galega. Un moble que, a primeira vista, parece máis un soporte da mostra que un elemento integrante e que, sen embargo, constituíu un auténtico aleph de ideas e de vontades durante as catro décadas máis escuras da nosa historia recente. Pertenceu a Ramón Piñeiro, o filósofo da saudade, que sen embargo está máis presente no imaxinario colectivo polo universo que xiraba arredor da famosa mesa camilla. Igual que a outra mesa mítica, a táboa redonda arredor da que se sentaban os cabaleiros do Rei Artur, a de Piñeiro foi en certa forma a protagonista dun mito fundacional.

Segundo Casares, Piñeiro manexaba a Xunta, o Parlamento e ao delegado do Goberno

N'A forza da palabra está a rexa mesa en forma de arca, de Frei Martín Sarmiento. O escritorio con caixonciños que foi das escasas pertenzas que tivo Rosalía de Castro. A mesiña de fidalgo pobre de Eduardo Pondal. O contraste entre a mesa enorme que tiña un home pequeno, Vicente Risco, e a mínima que tiña unha persoa de altura considerable como Castelao. Ou a de comedor da familia Dieste, desas que se amplían se fai falta acoller xente. No medio delas, a mesa-braseiro de Piñeiro, cuberta por un pano marrón e un vidro, é absolutamente vulgar, unha mesa como a que había no último tercio do século XX en calquera casa burguesa con calefacción escasa.

Carlos Casares, un dos máis asiduos frecuentadores da mesa, aventuraba que debeu haber dúas, aínda que sempre estiveran no mesmo sitio. Onda a ventá da sala de estar de Xelmírez, 15, 4º, o piso que lle deixou Domingo García Sabell cando Piñeiro casou a comezos dos anos 50, pouco tempo despois de ter chegado a Santiago logo de saír do cárcere en Madrid. "Primeiro estaba descuberta, logo tiña un tapete de ganchillo enriba, e máis tarde xa tiña as faldras de pano, que primeiro foi verde. Ó último puxéronlle o cristal. Tiña enriba un moucho de bronce como pisapapeis e outro como cinceiro", recorda o escritor Salvador García-Bodaño.

"A mesa reflicte o aspecto doméstico e acolledor de Piñeiro, e por outro de intercambio, de ausencia de xerarquía. Desde abaixo viamos se estaba, ou se estaba a luz prendida, e subiamos aquelas escaleiras que se estreitaban ó final", sinala Bodaño, que formaba parte da primeira xeración de mozos galeguistas de finais dos anos 50. "Piñeiro era unha loxia unipersoal, un mentor socrático que no canto de pasear cos discípulos, recibíaos nunha mesa de espiritista onde se podía un comunicar cos seres do pasado", define Manuel Rivas, membro da xeración que subiu as escaleiras vinte anos despois. A primeira vez de Rivas foi para facerlle unha entrevista, e o xornalista e escritor recorda as gargalladas do entrevistado a dúas preguntas: "Unha foi que si se emborrachara algunha vez, e outra que si era da CIA".

En case catro décadas non deixou de subir xente. "Os primeiros fomos levando a outros, e a cousa íase ramificando. Uns seguiron e outros non", sinala García-Bodaño, que recorda que a escusa para tantas idas e vidas era que naquel sitio daban pasantías, aínda que nunha houbo problemas coa policía . "Ter acceso a aquel ambiente era un privilexio, porque era unha ventá aberta a moita información. Piñeiro sabía seleccionar á xente segundo as necesidades do país, argallaba encontros científicos, provocaba debates", segundo o xornalista Luís Álvarez Pousa, actual profesor da Facultade de Comunicación de Santiago e director da revista Tempos Novos, que se fixo moi asiduo de Xelmírez, 15, 4º a mediados dos 70.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Hai quen, sen embargo non se recoñece nese ambiente, a pesar de que durante moitos anos viviu no piso de abaixo. "Coñecín a Piñeiro ós 13 anos, fun moi achegado a el, e na súa casa coincidín con intelectuais e políticos de moitas partes, pero eu non teño nada que ver coa mesa camilla", asegura Xosé Manuel Beiras.

O rei Artur que non quixo reinar

A Táboa Redonda é, desde as lendas iniciais, o símbolo da procura do coñecemento. Pola versión de Piñeiro pasou en efecto a maioría dos que foron alguén na cultura galega de finais do século pasado, pero tamén arredor dela configurouse, para ben ou para mal e en parte máis grande que pequena, o que hoxe é a realidade política e institucional de Galicia.Tanto que Carlos Casares, un dos seus fieis, chegou a dicir que Piñeiro manexaba á vez o Parlamento, a Xunta e a Delegación do Goberno nos tempos de García-Sabell. Aquel filósofo miope de Láncara botoulle o pecho á reconstrucción do Partido Galeguista, pero non deixou de facer política.

"Sempre se deu a idea de que Piñeiro adoutrinaba á xente, pero máis ben exercía unha autoridade moral", considera Álvarez Pousa. "Tiña unha especie de proselitismo envolvente, estábate metendo en algo sen saber en qué", matiza ironicamente Rivas. Independentemente do método, o caso é que a súa estratexia de galeguizar todo o arco parlamentario tivo éxito inicial. Ademais del propio, houbo deputados piñeiristas no PSdeG e en AP. Para os seus críticos, a cousa rematou como unha axencia de colocación de persoeiros.

No outro mito fundacional, o reino de Camelot rexido polo Rei Artur afundiuse pola traizón inicial de Lancelot. Nos anos de vixencia da mesa camilla houbo moitos candidatos ó papel. Desde Beiras, que o desminte, ata Xosé Luis Méndez Ferrín, que chegou a matar literariamente o que Piñeiro simbolizaba. "Diferencias ideolóxicas chegamos a ter todos, e os candidatos máis obvios serían todos os que racharon coa súa influenza, como a xente de Brais Pinto

[o grupo onde naceu a UPG], pero Piñeiro gardáballe afecto a todos. Sempre conservou no despacho unha foto de Ferrín", asegura Pousa. "Piñeiro tiña tantas cualidades que era inhumano", chegou a dicir Xesús Alonso Montero, outro que rompeu con el para logo reconciliarse. "Se era un Rei Artur, non quería reinar. Considerábase soamente un custodio", pensa Manuel Rivas.

Archivado En