PSICOFONÍAS | LUCES

Portugal

Toneladas de retórica leva consumido a intelectualidade galega e o galeguismo cultural, en xeral, invocando as relacións con Portugal. A proximidade xeográfica e o parentesco xenético de ambas as linguas constatan a oportunidade desa invocación constante pero permanentemente frustrada. En Galicia, a lusofilia é unha cuestión de élites ideoloxizadas que non encontra correlato en Portugal, país que se debate nos últimos anos nunhas coordenadas, parece que insuperables, de pesimismo histórico. Mentres unha parte da intelectualidade galega suspira por unhas relacións coa cultura portuguesa que com...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Toneladas de retórica leva consumido a intelectualidade galega e o galeguismo cultural, en xeral, invocando as relacións con Portugal. A proximidade xeográfica e o parentesco xenético de ambas as linguas constatan a oportunidade desa invocación constante pero permanentemente frustrada. En Galicia, a lusofilia é unha cuestión de élites ideoloxizadas que non encontra correlato en Portugal, país que se debate nos últimos anos nunhas coordenadas, parece que insuperables, de pesimismo histórico. Mentres unha parte da intelectualidade galega suspira por unhas relacións coa cultura portuguesa que compensen a dependencia histórica de Galicia da cultura de expresión española os portugueses máis cultos son iberistas, é dicir, queren ser españois sen matizar a irmandade histórico-lingüística con Galicia. Poucas cousas resultan máis difíciles para un galegofalante que tratar de manter unha conversa en galego cun portugués. O interlocutor tratará sempre de falar, mal que ben, castelán. Son moitos os prexuízos que actúan en ambos os sentidos e que só se superarán con información. Na miña biografía artística gardo a aldraxe de que no único lugar do mundo onde vin anunciado como "Los Resentidos" o meu grupo de música "Os Resentidos" (que facíamos bandeira do galego nas nosas cancións) foi en Coimbra. Se cadra, nos dous territorios mestúranse no asunto demasiadas implicacións de identidade, á parte de disfuncionalidades como a de propoñer unha ortografía común para dúas linguas que no que máis, senón no único, que se diferencian é precisamente na súa estrutura fonética. Por iso creo que se nos achagaramos os uns ós outros como europeos, e deixando a un lado outros atavismos, as relacións serían bastente máis ricas e eficaces. Se a iso lle sumamos un punto de ecoloxismo cultural a prol da diversidade, estariamos no bo camiño.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Archivado En