OPINIÓN | SUSO DE TORO

O herexe

"Scorpio" é un libro sólidamente construido e, ao tempo, deliberadamente aberto, o lector non pode comprender completamente o sentido da vida do protagonista

Tras a guerra civil, a tarefa é reconstruilo todo unha e outra vez, comezando por resgatar a memoria. Varela Jácome publica en 1951 unha Historia de la literatura gallega e Ricardo Carballo Calero en 1963 a Historia da literatura galega contemporánea, aínda hoxe é a base da que partir calquera estudo desa materia. Sen dúbida, Carballo foi a maior autoridade literaria até a fin dos anos setenta, como tal é interesante a súa reticencia cara A Esmorga; sen dúbida desgustáballe a súa estética e sensibilidade. Mais A Esmorga non deixou de ser desde a súa publicación unha ...

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte

Tras a guerra civil, a tarefa é reconstruilo todo unha e outra vez, comezando por resgatar a memoria. Varela Jácome publica en 1951 unha Historia de la literatura gallega e Ricardo Carballo Calero en 1963 a Historia da literatura galega contemporánea, aínda hoxe é a base da que partir calquera estudo desa materia. Sen dúbida, Carballo foi a maior autoridade literaria até a fin dos anos setenta, como tal é interesante a súa reticencia cara A Esmorga; sen dúbida desgustáballe a súa estética e sensibilidade. Mais A Esmorga non deixou de ser desde a súa publicación unha obra referencial na narrativa galega. Porén, foi o propio Carballo, xa Carvalho, quen nos deu unha obra, Scorpio, que tamén debe ser considerada referencial sendo contrapunto estético ao romance do Blanco Amor.

Scorpio é un libro sólidamente construido e, ao tempo, deliberadamente aberto, o lector non pode comprender por completo o sentido da vida do protagonista. É un romance moderno cunha pertinente dose de ironía literaria que nos fai lembrar os romances epistolares do XVIII e mesmo a literatura galante, cousa que fai del un libro único na nosa literatura. Tamén é un romance histórico que reflicte mellor que libro ningún á xeración de mozos galeguistas republicanos e a dura proba que tiveron que vivir. Ten moito de autobiográfico e por iso ninguén relatou en galego con tanta veracidade as incidencias da guerra no frente republicano, vividas polo tenente Ricardo Carballo Calero. O camiño trazado pola vida de Carballo conférelle unha grande autoridade moral dentro do galeguismo, como isto vai unido a unha obra verdadeiramente tan importante, quer no eido científico quer no eido literario, temos por forza que ver a súa figura como un continuador histórico da de Otero Pedrayo na seguinte xeración. E, queiran que non, de semellante estatura moral e cultural.

Mais —nárrase ben en Scorpio— a guerra civil partiu e destruiu vidas e o continuo do país e tamén do galeguismo, como consecuencia o galeguismo encarnou noutras persoas con diferentes interpretacións do porvir da Galiza e da súa lingua e sen a súa perspectiva histórica. Sendo así que finalmente, tras a morte de Franco e a chegada da democracia, ficou isolado e afastado da institución da política cultural. A súa reflexión e os seus coñecementos fixérono Carvalho e a súa interpretación da lingua ficou nunha absoluta soedade dentro da Real Academia Galega e finalmente desapareceu desa institución completamente coa súa morte. Hoxe Ricardo Carvalho Calero non podería entrar aí. O que era unha interpretación lexítima da lingua, a máis cercana ao Castelao do Sempre en Galiza, acabou por ser unha herexía e Carvalho o noso Lutero.

A situación da figura de Carvalho como herexe que é para a institución actual non vai cambiar, os seus rivais ou inimigos seguen vivos e actuantes. Esas cousas son así. Porén, o decoro intelectual obríganos a valorar o conxunto da súa obra no que val. En concreto, Scorpio, escrito nun galego referenciado no padrón portugués e non as normas actualmente oficiais, amosa inevitabelmente esa incómoda ferida na nosa lingua, mais é un dos mellores romances escritos en galego.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Archivado En