OPINIÓN | SUSO DE TORO

Día nacional e crise total

“A sociedade comprobou que todos os poderes que parecían respectábeis eran un baile de ladróns”

Reproducción do Códice Calixtino exposta nunha vitrina nunha das estancias contiguas á Sala Capitular da Catedral de Santiago.ANXO IGLESIAS

“Aí por Santiago”, dicimos ás veces para referírmonos a un momento do ano, esta fin de Xullo. Cando dicimos así, Santiago confúndese co sol do verán que visita a terra e a alimenta, é un resto do vello corazón agrario do país que aínda vai en nós (estou a ver aínda ao meu avó José Benito fardado de traxe e chapeu de patrón que baixaba a Santiago á feira ver os animais, comer polbo). A festa de Santiago é xente nas praias a patuxar e barullar ou deitada na herba ou nos comedores das casas a comer churrasco, sardiñas… Aí anda a sabiduría máis profunda, a alegría de querer vivir.

Mais, de ...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

“Aí por Santiago”, dicimos ás veces para referírmonos a un momento do ano, esta fin de Xullo. Cando dicimos así, Santiago confúndese co sol do verán que visita a terra e a alimenta, é un resto do vello corazón agrario do país que aínda vai en nós (estou a ver aínda ao meu avó José Benito fardado de traxe e chapeu de patrón que baixaba a Santiago á feira ver os animais, comer polbo). A festa de Santiago é xente nas praias a patuxar e barullar ou deitada na herba ou nos comedores das casas a comer churrasco, sardiñas… Aí anda a sabiduría máis profunda, a alegría de querer vivir.

Mais, de contino en falando do 25 de Xullo alonxámonos desta celebración do sol e o verán e confundímonos , esquecemos que é un día feirado: unha festa debe de ser unha pausa nos traballos e nas ansias. O 25 de Xullo, o Día Nacional de Galicia, debera ser unha festa colectiva e non o é. É un día conflictivo pois contén todas as contradicións e conflictos que manteñen a Galiza na súa trampa histórica: encerrada dentro da historia da España e encerrada en si propia. E unha festa conflictiva internamente non é festa, pois falta a alegría.

O 25 de Xullo semella ser varios días distintos ou máis ben é un día que ten moitos donos. Son os seus donos os xerarcas do estado español, xente da banda cruzada no peito: os monarcas e tamén os bispos que coroan monarcas, os presidentes de goberno e os gobernadores civís. “Santiago patrón de España”, pendón da España mítica e eterna que soñan os españolistas e que outros aborrecemos. Mais, se ollamos alén do que temos diante, tamén veremos que ese rito é un residuo histórico moi significativo: a Galiza, o reino que foi engulido e negado paradoxalmente é o lugar onde teñen que acudir os reis cando queren rendir tributo á orixe. Ese ritual que hoxe case carece de significado é o recoñecemento de que Santiago foi a cabeceira do reino que acabou sendo o estado español.

Ritos caducos, sen dúbida, pois cos ollos da cidadanía actual implican a submisión do poder político ao relixioso, implican a tutela da democracia española pola curia católica. Unha orixe que non se pode negar, aí está o tributo. Porén, realmente é un acto ao que xa ninguén lle ve o sentido non sendo a Igrexa católica española que aproveita cada ano para lernos a súa cartilla política.

Mais tamén os galeguistas loitaron sempre polo día. Os galeguistas republicanos inauguraron “os mitins das arengas”; baixo o franquismo logo, as misas por Rosalía era un acto de afirmación galeguista e lembramos as manifestacións nos últimos anos do franquismo. E aínda lembramos como nos anos oitenta se lles prohibía a entrada no casco vello da cidade aos nacionalistas galegos: querían todo Santiago para eles, para o botafumeiro e os ritos do poder do estado. Porén, o nacionalismo galego actual, a diferencia do galeguismo republicano que soubo unir e dirixir, carece de peso abondo para que as súas ideas e celebracións penetren na sociedade e se fagan de todos.

E así o Día da Patria Galega, como din os nacionalistas, ou Día Nacional de Galicia, que ese é o seu nome oficial, transcorre como unha xornada partidista; cada partido celébrao á súa maneira, para uns é un día de mostrar músculo na rúa e para outros un trámite máis ou menos incómodo ou un paripé. Para algúns é unha cousa incómoda que lles poñen nas mans e que adoecen por desfacerense dela.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Ilustra a nosa incapacidade colectiva que non poderemos evitar que neste 25 de Xullo o tema de fondo sexa o sacro esperpento do roubo do Códice. Foi Xelmírez o autor intelectual do Códice Calixtino, que non é unha mera guía de peregrinos, como se ven dicindo de xeito peregrino e trivial, senón un instrumento político para fortalecer a corte santiaguesa e ao Reino fronte a Braga e, nomeadamente, a Toledo. O Códice acabou pasando das mans de Xelmírez, que se chamaba a si propio “pai, escudeiro, defensor e protector da patria galega”, ás mans dos protagonistas dun gran disparate protagonizado por un electricista e un deán, aos que se lle sumou un comisario.

Nada ilustra mellor a nosa decadencia histórica e a necesidade de reaxer. Unha decadencia nacional precisamente nun contexto de crise nacionalista de España, como expresan agónicamente tantas banderas “rojo y gualda” na calor da copa de Europa ou das olimpiadas (precisamente cando a existencia do estado está cuestionada e a soberanía pasa a mans de Alemania e dos mercados). A bandeira azul e branca este ano vai estar máis sepultada que nunca pola vermella e amarela.

E todo iso envolto nunha profunda crise económica e moral colectiva, a sociedade comprobou que toda a vida pública, que todos os poderes que parecían respectábeis era un baile de ladróns. A cultura política do franquismo que resumía o propio Franco, "haga como yo, no se meta en política", e que penetrou tan profundamente na sociedade (“a política é sucia”, “os políticos rouban”) agora parece confirmada para a xente menos informada: os políticos, os bos e os malos, pagan o pato. Aparecen ou como criados dos financieiros ou directamente como ladróns.

A política precisa de lexitimarse novamente, sendo democrática e, máis que nada, sufincándose en principios morais que a sociedade recoñeza. Toda a política democrática ten que facerse humilde, o galeguismo tamén; nada está asentado nin garantido.

O 25 de Xullo, para existir como unha festa nacional, para ser atendida pola xente que hoxe celebra a alegría pola súa conta en praias e feiras, para non ser un rito partidista e ser atendida dalgún modo pola cidadanía galega, ten que ser recollido pola propia sociedade dun xeito novo. E facer del o que debe ser, unha festa colectiva na que a cidadanía galega nos prometemos a nós mesmos esperanza individual e colectiva para os problemas que nos atacan ou rondan, esperanza cívica neste tempo conflictivo e aberto. Temos dereito a existir e loitaremos por prosperar.

Archivado En