Son dez anos, custa lembrar
Un non recoñece a Casares na estampa trivial e de aparente simpleza na que se emboscou
Carlos Casares faleceu o outro día, dez anos, e así e todo costa lembrar. Vellos apuntamentos, o 11-3-2002: “Foi o enterro de Carlos Casares: deixounos a todos desconcertados esa morte tan súbita. Inmediatamente foi devorado por ese mundo ao que se entregou […]. Debaixo había outro Casares dramático que nos pertence ao mundo dos escritores. Todo o que se dixo sobre el estes dous días son mentiras, cando acaba de estar vivo ferido e ferinte ata hai pouco. Deixoume descolocado, avolto”.
O contexto, a Galicia afogada da época de Fraga antes do Prestige: clientelismo, control dos m...
Carlos Casares faleceu o outro día, dez anos, e así e todo costa lembrar. Vellos apuntamentos, o 11-3-2002: “Foi o enterro de Carlos Casares: deixounos a todos desconcertados esa morte tan súbita. Inmediatamente foi devorado por ese mundo ao que se entregou […]. Debaixo había outro Casares dramático que nos pertence ao mundo dos escritores. Todo o que se dixo sobre el estes dous días son mentiras, cando acaba de estar vivo ferido e ferinte ata hai pouco. Deixoume descolocado, avolto”.
O contexto, a Galicia afogada da época de Fraga antes do Prestige: clientelismo, control dos medios de comunicación e de toda institución. Non sabemos como tería evolucionado Carlos desde entón, hai dez anos para el acabou todo. Con el acabaron máis cousas: unha guerra civil no pequeno mundo da cultura galega que algún día terá de ser relatada dunha forma ordenada e comprensíbel.
Unha guerra polo poder dentro do galeguismo. Dúas faccións a disputaren o poder, cada unha cun proxecto distinto para o futuro da cultura e do país. Nunha man, o proxecto cultural, ideolóxico e político de Ramón Piñeiro e, na outra, unha nova xerazón que lle disputou ese futuro. Xosé Luis Méndez Ferrín deulle palabra literaria a esa revolta en Retorno a Tagen Ata. O asasinato edípico do oponente nese relato retrataba un conflicto onde as dúas partes xogaban realmente a existencia. Téñolle sentido a un dos seus protagonistas “posición que abandonas ocúpaa o inimigo”. Enfrontáronse un exército convencional e un exército irregular, cada un coas súas armas correspondentes, un desde as institucións e outro someténdoas a asexo asedio e finalmente asalto.
Un non recoñece a Casares nesa estampa trivial e de aparente simpleza na que se emboscou, era unha persoa complexa e grave. Formou conscientemente no bando de Piñeiro e viviuno como un destino, en certo sentido foi un soldado. O que defendía un bando e outro, desde a distancia, vemos razóns en ambas as partes e comprendemos que estaban condenadas a enfrontarse. Morto Piñeiro, tras un momento de desconcerto, Carlos asumiu proseguir o camiño que escollera, aínda que xa albiscara que a carreira chegara á súa fin e que xa estaba derrotado. Conseguira unha posición aparentemente moi poderosa, a encarnación institucional da cultura galega, mais a realidade era moi outra. El propio era unha especie de ponte que se estendía progresivamente entre dous puntos: a súa posición dependía precisamente de poderes que desconfiaban ou deostaban a cultura e a lingua galegas e ficaba lonxe do mundo ao que el pertencía por orixe, os militantes da cultura galega. Porque iso é o que era Carlos e os seus pasos, acertados ou non, hainos que interpretar como actuacións ao servizo desa causa. A que caeu aquel último soldado dun exército extinguido, a posición foi ocupada.
Hai 40 anos lin un libro seu e sentín que merecía ser lido. Correspóndenos aos que o sobrevivimos lembrar a aquel escritor. Un escritor con voto de fidelidade á lingua do país, sendo consciente dos límites desa literatura e desa lingua; un intelectual informado e intelixente que desexaba un país sensato e libre da carga de irracionalidade que afogaba ao galeguismo; un Carlos que desexaba fervorosamente ser o que non era: unha persoa serena e feliz. Unha figura da nosa literatura e da historia do galeguismo a quen, malia os desacordos, lembramos con calidez. En faltando, constatamos que aquel home era un amigo que nos morrera.