Tribuna:NOTAS A RODAPÉ | Luces

Da xerarquía ás redes: a viraxe transversal

Pasou o Día das Letras dedicado a Lois Pereiro e xa podemos comezar a facer balance. Nunca se celebrara un autor tan próximo e tan vivo, aínda que a algúns coetáneos tamén nos fixo matinar sobre o paso dos anos. Resultou curioso ler estudos e interpretacións da súa vida e obra feitos por xente máis nova, que non viviu aqueles tempos e que xa só pode coñecelas de segunda man. Interesante a lectura reivindicativa que se fai de Pereiro a contraluz da escola poética dos 80. Léome a min mesmo nun artigo publicado en 1985, cando Lois só estampara un monllo de poemas; afirmaba eu que era "imprescindí...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Pasou o Día das Letras dedicado a Lois Pereiro e xa podemos comezar a facer balance. Nunca se celebrara un autor tan próximo e tan vivo, aínda que a algúns coetáneos tamén nos fixo matinar sobre o paso dos anos. Resultou curioso ler estudos e interpretacións da súa vida e obra feitos por xente máis nova, que non viviu aqueles tempos e que xa só pode coñecelas de segunda man. Interesante a lectura reivindicativa que se fai de Pereiro a contraluz da escola poética dos 80. Léome a min mesmo nun artigo publicado en 1985, cando Lois só estampara un monllo de poemas; afirmaba eu que era "imprescindíbel ver máis obra súa publicada". Non se pode esquecer que na década dos 80 Lois era practicamente un autor inédito. Unha poderosa voz que a penas se oía, e que arestora se escoita coa atención merecida. Como nos viamos daquela, como nos ollamos desde hoxe en retrospectiva, e sobre todo, como nos miran os que veñen detrás! Hai que agradecer á Academia a valente escolla, que seica non gustou a todo o mundo, pero permitiu trabar un diálogo das letras galegas coa xente nova máis inqueda, a que agora mesmo está a escribir o futuro.

A xente nova conseguiu por unha vez marcar a axenda pública Non é tanto unha cuestión de virar á esquerda, senón cara a cidadanía

- Un exemplo: Galiza co galego. Pero se cadra o máis importante que aconteceu para o porvir do galego o pasado 17 de maio non ocorría nas rúas de Monforte, todas engalanadas para conmemorar o grande poeta punk do Incio. Pasou nun modesto local de Compostela, onde transcorría a asemblea de constitución de Galiza co galego (http://limiargalego.blogspot.com/), unha asociación impulsada a través de Internet por un mangado de abnegados amadores que se propuxeron pór en marcha unha rede escolar en lingua galega organizada e financiada polos propios usuarios co apoio da cidadanía. Desde hai un ano circulaba a iniciativa, cun primeiro obxectivo definido: atinxir tres mil adhesións antes do 17 de maio. Se as conseguían, a iniciativa seguiría o seu camiño; se non, arriaban.

Discreta pero teimudamente, ignorados pola Xunta, sen contar con grandes apoios de potentes organizacións, caneando o escepticismo paralizante que enerva este país, vencendo a suspicacia dun sector do nacionalismo renitente á iniciativa privada, Galiza co galego acadou o seu primeiro fito: máis de tres milleiros de apoios para pórse a andar. Se esta iniciativa consegue o seu obxectivo final, crear unha rede escolar en galego, atinxirá o suceso máis relevante do galeguismo cívico en décadas. Por iso merece o respaldo de toda a xente de ben. Entre outras razóns, porque está marcando un camiño. Se algunha lección temos que extraer dos reveses dos últimos tempos, é que para seguirmos avanzando non podemos confiar nos gobernos. Teremos que apoiarnos nas nosas propias forzas. O idioma é demasiado importante para deixalo a mercé dos vaivéns electorais. Ou ten un apoio decidido da sociedade, que o manteña a resgardo da barbarie rampante ("hace años que somos muy normalitos", Negreira dixit: xaora que o sodes, expulsando o galego das vosas vidas) e das manobras de a pataco de políticos pitoños, ou está condenado a morte. O galeguismo está a pasar unha proba de lume.

- Indignados en acción. Se Galiza co galego ilustra a emerxencia da acción transversal e por abaixo, tamén nos advirte de que hai superar de vez unha de tantas dicotomías obsoletas que bloquean a comprensión dos novos fenómenos sociais: entre o estatal e o privado, temos que reivindicar o común. Precisamos emprendementos colectivos e autoxestionados en defensa do ben común, sexa este o idioma, ou outro calquera. O noso futuro dependerá da capacidade de iniciativa da cidadanía para defender o común contra a pirataría, a desidia ou a rapina. Así o comprendeu a mocidade xustamente indignada que decidiu colocar os seus problemas e a súas reivindicacións no medio e medio do espazo público. A xente nova, que ve o seu porvir cegado pola crise, conseguiu por unha vez marcar a axenda pública, decote acaparada pola clase política e a os seus altofalantes mediáticos. De súpeto, as lerias sobre o diferencial dos bonos, a fabulada negociación con ETA e as liortiñas entre Xan e Pericán tiveron que deixar paso aos problemas reais das xentes, ás súas frustracións e aspiracións, contados por elas mesmas.

Esa rapazada que se botou a acampar coa súa indignación por bandeira nas prazas baixo a consigna 'Democracia real xa' está tamén sinalando o camiño. Os resultados electorais do 22-M serviron para rubricar a mensaxe. É de temer que os principais destinatarios desta non estean en condicións de escoitala. Pero tamén é de esperar que os sectores máis dinámicos da sociedade, desta volta, non vaian resignarse. A indignación abala transversalmente as bases da esquerda social e política (http://bencomun.blogaliza.org/). A xente está chegando á conclusión de que hai que actuar por abaixo, horizontalmente e sen barreiras. Non é tanto unha cuestión de virar á esquerda, é sobre todo unha cuestión de virar cara á cidadanía.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

- A Academia Galega e as mulleres. A mocidade condenada a vivir sen porvir é un dos sectores que trae ar novo. Outro é o das mulleres, que pugnan por fuxir da gaiola de cristal. A Real Academia Galega acaba de elixir novo membro de número. Desde hai un par de anos, van eleitos cinco novos académicos, entre os cales teño a honra de contarme: Rivas, Graña, Monteagudo, Regueira e Fernández Ferreiro. Todos varóns e ningunha muller. Dáse incluso o caso de que unha das prazas vougas correspondía á finada Olga Gallego. Non vou discutir os nomes dos eleitos, pois todos e cada un son merecentes da distinción (poñamos entre parénteses o meu nome). Trátase de que a RAG matine se non estará a cometer unha grave inxustiza ao ignorar o peso real das mulleres na cultura galega de hoxe. E tamén de preguntarse polas razóns desa inxustiza. Unha é evidente: a esmagadora maioría de homes na RAG.

Pero haberá tamén unha explicación xeracional? Pode parecer unha evidencia que as academias deben estar compostas por persoas de idade provecta. Iso non ten por que ser así, e desde logo a nosa Academia ten nese aspecto unha traxectoria encomiábel. Falando de cor, ocórrenseme uns cantos exemplos de académicos que ingresaron antes ou por volta dos cincuenta anos. Cito a rumbo, sen contar os vivos: Cabanillas, Risco, Otero Pedrayo, Castelao, García-Sabell, Carballo, Cunqueiro, Del Riego, Álvarez Blázquez, Piñeiro, Casares. É obvio que existen boas razóns para dar entrada na RAG a persoas de máis idade. Pero, sinceramente, un non pode deixar de pensar que a escasa sensibilidade dos académicos ante a lacerante situación de desigualdade de xénero pode ter que ver cunha formación e unha mentalidade un tanto hors d'âge.

Caros colegas: sigan abrindo as portas á xente nova, pero non atranquen a porta ás mulleres. Hai sobexo onde escoller: brillantes ensaístas, científicas sobranceiras, excelentes creadoras, humanistas admirables, poetas magníficas, xurdias profesoras. Todos e todas, comezando pola propia RAG, sairemos gañando. A Galicia que puxa por xurdir precisa dun alento novo. Para ceibármonos do abrazo mortal da Galicia suicida que nos arrastra ao abismo.

Archivado En