Tribuna:O debate sobre o autor d'O porco de pé' | Luces

O 'asunto Risco' e os nosos mestres

Coa serie Xente de aquí pretendín facer unha interpretación do devir histórico da cultura galega. Non unha historia da cultura galega, pois iso precisaría dun tempo que non teño e unha dedicación que non lle podo dar (e pode que tampouco dispoña da competencia e capacidade requiridas, por que non ha de ser así?), a dimensión da tarefa tiña un límite, acadou as 25 semblanzas e por iso faltan figuras necesarias e queridas. Simplemente pretendía ser unha serie de estampas que enfiasen o continuo da nosa existencia como cultura, unha visión de nós desde nós, nacional e non nacionalista. E d...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Coa serie Xente de aquí pretendín facer unha interpretación do devir histórico da cultura galega. Non unha historia da cultura galega, pois iso precisaría dun tempo que non teño e unha dedicación que non lle podo dar (e pode que tampouco dispoña da competencia e capacidade requiridas, por que non ha de ser así?), a dimensión da tarefa tiña un límite, acadou as 25 semblanzas e por iso faltan figuras necesarias e queridas. Simplemente pretendía ser unha serie de estampas que enfiasen o continuo da nosa existencia como cultura, unha visión de nós desde nós, nacional e non nacionalista. E desde logo que tanto a magra selección de figuras como a interpretación que fago delas é subxectiva, discutíbel. Non quixera pretender pasar por científico, madialeva, nun asunto absolutamente ideolóxico.

A xeración do Seminario foi destruída, fusilada, exiliada

Como pretendín facer unha interpretación persoal de cada personaxe, contaba con que nalgún momento habería discrepancias co retrato desta ou aquela figura. Non contaba co que desencadeou a estampa de Vicente Risco, a dimensión e a intensidade dos debates. Porque foron varios debates os que se foron tecendo nestas e noutras páxinas e fóra delas. Fíxome ver que o asunto Risco atinxía a algúns temas de verdadeira importancia. Sorprendeume, aínda que non debera a estas alturas, a violencia verbal nalgúns casos en que chegou ao franco insulto. Ben comprendo que discutir, como fixen nese caso, o lugar que lle corresponde a unha figura dentro dun imaxinario colectivo encerra certa violencia e afecta intereses de diverso tipo asociados a esa figura custionada, mais o grao de violencia co que se expresaron algunhas das reaccións, que descualifican a quen as fai, non o esperaba.

Respecto do que escribín sobre Risco pouco hai que dicir, sigo na idea de que as relacións entre Risco e a cultura galega e o galeguismo foron e son un enteiro malentendido e de que se sobrevalora a trascendencia da súa figura. Polo contrario, hai algunha faceta do seu traballo que non se valora abondo: a súa obra como novelista en castelán ou o seu ensaísmo en castelán. Pola contra, sobrevalórase absolutamente a súa obra en galego, que non merece consideración literaria en por si e sospeito que tampouco a el lla mereceu.

Mais nunha obra súa, O porco de pé, apreséntase un fenómeno cultural que rincharía en calquera literatura e país de cultura democrática e que aquí pasa desapercibido, polo menos no que coñezo. A caracterización moral e física que fai o autor de Don Celidonio é dun racismo extremo. Para encontrar un retrato tan ferinte e degradante do outro teriamos que ler textos xenófobos dos nazis sobre os xudeus. Basta con sustituir ao "maragato" polo "xudeu" para comprender que Risco retrata en Don Celidonio ao outro inimigo da comunidade, ao intruso feo física e moralmente que ven corrompela e chucharlle o sangue. Aquel que merece ser obxecto do noso odio colectivo. O que teriamos que explicármonos é como fixemos até agora para ler iso sen sentírmonos racistas. Eu só podo explicarmo pola bula que nos outorgamos a nós propios de coitados e víctimas que nos absolve da nosa debilidade e das nosas responsabilidades. O sentírmonos víctimas absólvenos da culpa, tan molesta. O Céline escribiu textos esixentes literariamente e infames moralmente. O porco de pé carece de valor literario e mais é moralmente infame.

Respecto da súa impronta no discurso político e ideolóxico do galeguismo xa dixen que entendo que só actualizou as argumentacións que fixera Murguía seguindo a historiografía francesa e alemá propios da súa época e que Risco mesturou co seu particular irracionalismo e co pensamento mítico prenazi nunha mestura explosiva. Non é raro que Risco sexa unha figura moi querida para quen desde o nacionalismo español combate o nacionalismo galego. As súas argumentacións dun nacionalismo delirante son parte do repertorio que serve para descualificar ao galeguismo como racista. Todas as correntes históricas utópicas, as que predican liberacións colectivas ou revolucións relixiosas, ben de clase ou ben nacionais, conteñen un relato mítico que lles é necesario. Esa mítica é unha enerxía que coexiste cun repertorio de demandas racionais. Risco pretendeu que o galeguismo fose tragado enteiramente polo mundo mítico, quixo metelo dentro dun discurso sincrético que el sintetizou con elementos da tradición galeguista, como a Terra, con elementos do repertorio esotérico internacional.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Os seus textos sobre o nacionalismo galego, tan rotundos e retóricos, foron útiles no seu momento aos galeguistas como arma dialéctica. Aínda que afagase sobre todo aos elementos máis conservadores do núcleo intelectual ourensán e se apartase da tradición histórica maioritariamente popular e liberal do movemento. Porén, chegados aquí non debemos esquecer o evidente: cando se dá o golpe de Estado do 36, Risco xa é pasado. Todos os seus pasos conducírano a ficar apartado e desprestixiado dentro do Partido Galeguista. E, sobre todo, aparece unha nova xeración republicana galeguista e maioritariamente esquerdista, explícitamente crítica con Risco. Esa era a corrente política e o grupo humano que estaba a dirixir o novo tempo do galeguismo na República e na autonomía que se prefiguraba. Non podemos saber como evolucionaría intelectual e politicamente Risco nin o seu lugar no país de non haber golpe de Estado, guerra e franquismo. O que si podemos imaxinar é que a xeración do Seminario de Estudos Galegos construiría unha cultura cívica para unha sociedade moderna.

Na miña idea do que é un país deixo un sitio para cousas diversas, tamén para o desvarío fundamentalista. Ningún país é real nin está completo se non existen tamén figuras como Balmes, Donoso Cortés, Menéndez y Pelayo, Ramiro de Maeztu... ou Vicente Risco. Agora, no debate sobre se Risco ocupa ou non o lugar que debera esquécese o esencial: que Risco ficou no país e tivo na posguerra unha nova etapa creativa, con riscos ideolóxicos verdadeiramente patolóxicos e co valor que se lle queira dar, pero que toda aquela nova xeración que deixara atrás a Risco había tempo foi destruída, fusilada, exiliada. Risco ocupa o lugar que ocupou até hoxe porque os outros foron eliminados e negóuselles o lugar que lles correspondía e que precisaban. Falo de Castelao, Bóveda, Velo, Seoane, Maside, Dieste, Bal y Gay, Varela...Todos eles, os mellores.

No fondo o asunto é que os mellores co seu legado fóronnos arrebatados e que aquí ocuparon o seu lugar os que foron os nosos mestres. Por iso, malia que nos chamen o que nos queiran chamar, debemos someter a crítica e revisión o que nos aprenderon a pensar aqueles nosos mestres e debemos forzarnos a seguir recuperando o que nos quitaron. Aínda que sexa tan tarde.

Archivado En