Columna

Un referente para coñecer a nosa cultura

Agradezo o artigo de Francisco Sampedro disentindo sobre a miña valoración histórico-cultural de Risco. Agrádame a súa elegancia dialéctica e finura filosófica. Acordo nas conclusións a que chega: a traxectoria ideolóxica de Risco e a constatación de que non pode ser referencia para o nacionalismo de esquerdas. Se acaso, podería selo para un nacionalismo católico e de dereitas, polo que nin Sampedro nin eu estamos interesados. Mais non concordo de todo na súa liña argumental. Eu reivindico un posto para Risco no repertorio histórico da cultura galega anterior a 1936 e tamén posterior: hai que ...

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte

Agradezo o artigo de Francisco Sampedro disentindo sobre a miña valoración histórico-cultural de Risco. Agrádame a súa elegancia dialéctica e finura filosófica. Acordo nas conclusións a que chega: a traxectoria ideolóxica de Risco e a constatación de que non pode ser referencia para o nacionalismo de esquerdas. Se acaso, podería selo para un nacionalismo católico e de dereitas, polo que nin Sampedro nin eu estamos interesados. Mais non concordo de todo na súa liña argumental. Eu reivindico un posto para Risco no repertorio histórico da cultura galega anterior a 1936 e tamén posterior: hai que coñecer como en Galicia se fixo a guerra coa pluma e analizar a transformación desa Galicia franquista cando empeza nos 50 a recuperación galeguista, na que Risco é un elemento non desdeñable. Compre reivindicalo no panorama peninsular no que a literatura, periodismo e etnoloxía se refire. Que Risco é reaccionario xa non o discute ninguén. Que ese reaccionarismo impregnou a doutrina nacionalista nos anos 20, tampouco. Só esa circunstancia histórica valería para apoiar a validez dun estudo profundo da ideoloxía galeguista da época. Convén saber de onde vimos e que procesos históricos invalidan, por nefastas, teorías tidas por inocuas antes da II Guerra, e hoxe obsoletas, como a das diferenzas entre as razas humanas do conde de Gobineau e o seu discípulo Chamberlain, utilizadas tanto por Risco como por Murguía.

Non teño nada que opor á acertada análise que fai Sampedro da Teoría do nacionalismo. Só me permito apostilar que hai unha forma de ir máis alá da erudición: utilizar ideas alleas para aplicacións novas, o que en etnografía Risco estudaba como aculturacións, e que en Galicia nos anos 20 foron moi necesarias para "crear para sempre a cultura galega" (editorial nº 1 de Nós). Así sucede co saudosismo portugués e a teorización da "emoción do sedentarismo" e a "cobiza do lonxe", é dicir, a saudade galega, expresión sinónima para Risco de romanticismo, unha "disposición espiritual" que fai que o pobo galego-portugués interprete o mundo dun determinado xeito. O romanticismo emprégase como característica oposta ao clasicismo mediterráneo, repetindo a idea clave de Schelling e os pre-románticos cando se creou a nación-cultura alemá a finais do século XVIII contra o clasicismo francés hexemónico.

Esencialismo? Risco era platónico neste sentido. Á inmutabilidade das ideas opoñía a variedade confusa das cousas. "Todas as cousas deste mundo son asegún" é un dos lemas risquianos, quizais algo menos citado que o de "ser diferente é ser existente" ou "ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo". Risco alíñase nas correntes irracionalistas das filosofías do sentimento, desde Nietzsche a Jung. É un artista metido a ideólogo e activista, que fixo da súa estética unha doutrina política e arriscouse como todos aqueles que empezaron cun vangardismo soberbio e anarcoide e acabaron alimentando o fascismo. Por iso tardará en saír do purgatorio nun sistema cultural, como o galego, tan imbuído do espírito clerical que gusta de crear ceos, infernos e purgatorios. Pero hai que lembralo. Analizalo, e mesmo comparalo. Nin silencio nin censuras, senón análises.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Archivado En