Reportaje:Luces

Os libros que meten medo

En plena treboada do sector, a editora Urco leva catro anos publicando traducións ao galego de ciencia ficción, fantasía e terror - Faino baixo licenzas libres

Aquí e agora, cando o sector editorial parece que está a punto de entrar na lista de especies en perigo de extinción en todo o mundo, e cos inconvenientes engadidos do hábitat cultural de Galicia, e en galego, Urco Editora é unha oferta especializada en libros de ciencia ficción, fantasía e terror. E non é unha aposta que poida dar de si ou non dar, senón unha realidade empresarial que ten catro anos de existencia e arredor de 40 libros en catálogo. Como a troita do conto de Ánxel Fole, que coa súa existencia garantía a pureza da auga dunha fonte do Incio, Urco é "a proba de que a literatura g...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Aquí e agora, cando o sector editorial parece que está a punto de entrar na lista de especies en perigo de extinción en todo o mundo, e cos inconvenientes engadidos do hábitat cultural de Galicia, e en galego, Urco Editora é unha oferta especializada en libros de ciencia ficción, fantasía e terror. E non é unha aposta que poida dar de si ou non dar, senón unha realidade empresarial que ten catro anos de existencia e arredor de 40 libros en catálogo. Como a troita do conto de Ánxel Fole, que coa súa existencia garantía a pureza da auga dunha fonte do Incio, Urco é "a proba de que a literatura galega cambiou nos últimos dez anos, e vaise convertendo pouco a pouco nunha literatura normalizada. O noso sistema literario superou esa fase adolescente na que a poesía tiña un papel central", di o seu responsable, Tomás González Ahola.

"A literatura pasou a fase adolescente da poesía en papel central", di Ahola
"En ciencia ficción, en Galicia xa houbo máis do que hai", considera o editor

Urco (nome dun ser da mitoloxía galega, un can que polo día vive no mar e pola noite sae á terra a meter medo á xente) comezou hai catro anos con tres socios, un administrador de empresas e dous filólogos. O único que queda daquel trío de socios, hoxe convertido en cuarteto, é Tomás Ahola, ao que a saída natural dos seus estudios de filoloxía clásica, a docencia, non lle chistaba moito, e xa tiña experiencia no mundo da edición como tradutor de finés -as novelas de Arto Paassilina, entre outros- e de inglés ao galego da man de Rinoceronte Editora. "Comezamos con moita ilusión, e pensabamos e pensamos que existe un nicho. Non hai moitos lectores en galego, pero o terror e a ciencia ficción é unha literatura moi popular", di.

Desde entón, Urco foi enchendo tres coleccións para cadanseu xénero. Ciencia Ficción inclúe por un lado libros de pioneiros como Jack London ou Ambrose Bierce, e por outro lado obras non moi coñecidas de autores de literatura pulp dos anos 20 e 30. Gótica acolle os clásicos de terror gótico e sobrenatural, desde as obras canónicas como O Corvo de Edgar Allan Poe e O retrato de Dorian Gray de Oscar Wilde, ata libros de Washington Irving, Bram Stoker e Horace Walpole. Fantasía está dedicada aos principais autores que no século XIX e a primeira metade do XX, configuraron o xénero tal como é agora, sobre todo Robert E. Howard, o pai de Conan o bárbaro e Solomon Kane, dous personaxes que o cómic converteu en míticos e o cinema en masivos.

Non soamente editan clásicos, obras ou autores. O último libro que saíu á luz é Crónicas do mañá: 50 anos de contos cubanos de ciencia ficción. Agora están lanzando un novo selo, Alcaián (unha vila que houbo por Coristanco, afundida porque nela lle encirraron os cans a Cristo, segundo unha lenda popular) dedicado aos escritores noveis do xénero. Abriu con O que Darwin non previu, de Alba Payo Froiz. "Neste xénero, en Galicia houbo máis do que hai. Queremos comprobar se sigue prendida a chama do fantástico e do grotesco, algo que continúe a tradición dos contos de aparecidos", asegura Ahola. Sobre a tendencia actual de novelas de "fantapolítica", o responsable de Urco pensa que "a ciencia ficción, cando ten calidade, pode explicar a túa realidade, interpretala desde un punto de vista inocente ou non tanto, e polo tanto é moi aplicable a Galicia".

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Como lle acontece a un selo especializado en fantasía, o principal problema, segundo o editor, é o da visibilidade: "O mundo da distribución está bastante ancorado no pasado. Os nosos libros están nos andeis de galego, ese curruncho das literaturas foráneas, como se fose o inglés, e non nos de literatura fantástica. Menos mal que os libreiros en Galicia seguen sendo bastante militantes". E o futuro -ou o presente- non lles mete medo. Editan todos os seus libros baixo licenza creative commons (pódense usar, en parte ou na totalidade, para fins non comerciais) e paulatinamente van "liberando" libros, poñéndoos de balde en formato ebook. "Vémolo como unha estratexia de marketing para o libro en papel", di Ahola. Para Urco, o futuro/presente tamén achega vantaxes. Teñen imprenta propia, tamén baixo unha advocación da mitoloxía galega, Sacauntos. "Facemos edición dixital, o que nos permite publicar baixo demanda. O outro día veu un pedido de 30 exemplares dun título, e so tiñamos cinco, pero servímolos sen problema ao día seguinte".

Escolma de títulos

- A praga escarlata, de Jack London

- A gorida do verme branco, de Bram Stoker

- Planilandia, de Edwin Abbott

- O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde

- O monstro metálico, de Abraham Merritt

- Solomon Kane, de Robert E. Howard

- O castelo de Otranto, de Horace Walpole, considerada a primeira novela gótica

- A casa no confín, de W. Hope Hodgson

- Unha viaxe á lúa, de George Tucker

- O signo amarelo, de Robert W. Chambers

Archivado En