'STORYBOARD' | Capítulo XIII | Luces

O cristaleiro que saíu da Longa Noite

O primeiro libro non escolar que entrou na casa foi unha obra monumental. Polo título, Diez mil años de historia, e polo tamaño e grosor, unha auténtica lousa. Unha desas obras que deixa unha pegada inmortal na cabeza, sobre todo se che cae enriba dela. Mercouno miña nai na librería La Poesía, na estreita da rúa de Santo André. Baixaramos con ela á cidade e levaramos aquel libro entre todos como se fose en andas e de procesión. Eran dez mil anos de historia ao lombo da humanidade. O que el pesaba! Levabámolo cunha mestura de respecto e ledicia. Máis aínda polas circunstancias en que se ...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

O primeiro libro non escolar que entrou na casa foi unha obra monumental. Polo título, Diez mil años de historia, e polo tamaño e grosor, unha auténtica lousa. Unha desas obras que deixa unha pegada inmortal na cabeza, sobre todo se che cae enriba dela. Mercouno miña nai na librería La Poesía, na estreita da rúa de Santo André. Baixaramos con ela á cidade e levaramos aquel libro entre todos como se fose en andas e de procesión. Eran dez mil anos de historia ao lombo da humanidade. O que el pesaba! Levabámolo cunha mestura de respecto e ledicia. Máis aínda polas circunstancias en que se mercou. Era o día do Carme, a virxe do Mar. Nos queriamos mercarlle un agasallo. E os agasallos típicos para as nais sempre eran cousas para o traballo doméstico. En realidade, non eran para elas. Actuaban como mediadoras. Nós pensabamos regalarlle unha cafeteira italiana ou algo así. E foi cando ela nos levou a La Poesía e dixo: "Pois non. Desta vez, imos mercar un libro."

Nas mans de meu pai, cumpríase aquel dito de Brecht de ser o xornal "o libro dos obreiros"

Miña nai fora de nena unha feliz lectora clandestina. Sabía de memoria versos de Rosalía de Castro, aínda que o seu poema preferido, o que lle tremía na boca, era a oración fúnebre que Curros dedicou á autora de Follas Novas, un dos salmos laicos máis duros, proféticos e certeiros da historia de Galicia: "Ai, dos que levan na fronte unha estrela / Ai, dos que levan no bico un cantar!". Un poema que resume toda esa historia como unha trama de policial de serie negra, na que a persoa que mellor encarnou Galicia (unha deusa Nai Terra contemporánea) é devorada pola súa propia xente: "A musa dos pobos / que vin pasar eu / comesta dos lobos / comesta morreu. / Os ósos son dela / que vades gardar". Aínda estamos a vivir un dos capítulos dese esperpento, coa defunta secuestrada, como Castelao, nun Panteón de Galegos Ilustres que nin sequera é patrimonio público. O alén dela, como cantou, debería ser o camposanto de Adina, e o de Castelao, a patria do exilio, La Chacarita, que é o cemiterio do mundo onde máis niños de paxaros hai.

O caso é que Carmiña, miña nai, lera moito de nena. Ler lera sobre todo vidas de santos. Os tomos de vidas exemplares que durmían nas tebras do faiado da casa do cura de Tabeiao, que estaba en Corpo Santo. A sobriña do párroco, dona Isabel, encariñouse coa nena e medio acolleuna en protección. A gran niñada dos Barrós ficara orfa de nai. Esta dona Isabel era moi especial. Un pretendente levaralle un loro en agasallo e ela aprendeulle o latín. Pero o loro vaticanista, que tiña a gaiola na balconada, axiña cambiou de idioma en canto oíu pasar aos piñeiros de Altamira. Gustáballe máis a vox populi e chegou a botar uns magníficos xuramentos. Miña nai, ademais de rir co loro, aproveitaba o mecenado de dona Isabel para desaparecer no faiado e alí perdía a noción de tempo en soidade cos libros. Como dixo Juan de la Cruz, nos seus Avisos espirituais, "que non sufra compaña doutra criatura".

Na nosa casa non había libros. Mais axiña soubemos que a casa chamaba por eles. Unha das primeiras cousas que fixo meu pai cando nos asentamos en Castro foi facerse subscritor do xornal, neste caso La Voz de Galicia. Era unha época dourada, cando a dirixiron Pedro de Llano, Bocelo e Francisco Pillado. Bocelo era un personaxe popular, como poucas veces o foi un xornalista na Coruña. Miña nai líao con entusiasmo por aquelas campañas de solidariedade cos máis necesitados. E nas mans de meu pai, cumpríase aquel dito de Bertolt Brecht de ser o xornal "o libro dos obreiros". Para el, era todo un ritual. Líao moi amodo e lía todo, para desesperación do resto, que eramos verbívoros e picafollas. A única sección que saltaba era a de Deportes. A meu pai non é que non lle gustase o fútbol: xa só a palabra producíalle carraxe. Non encontrei nunca e en ningures ningunha persoa tan desapegada e burlona co deporte de competición. Con calquera deporte. Había un veciño moi amábel, Gregorio, o técnico da torre de emisión de Radio Coruña, que era socio do Deportivo e que se ofrecía para levarme ao estadio de Riazor os domingos de partido. Algunha vez meu pai aceptou, mais noutras ocasións puña en marcha incríbeis manobras de distracción para conseguir afastarme do feitizo da bóla. Cando me descoidaba, aló ía o coche de Gregorio, inalcanzábel, pola Avenida camiño da gloria. No canto do fútbol, meu pai era un hooligang ao revés: un fanático antifanático. Todo o contrario da música. Unha imaxe da felicidade sería a do seu rostro vendo unha orquestra de jazz no primeiro televisor, a murmurar: "Estes negros tocan a Dios!".

Moitos domingos pola mañá subía pola costa do Escorial, cara á Zapateira, que daquela era selva, un mozo cun libro na man. Sabiamos como se chamaba. Era Chao, o fillo de Pai-Pai e de Felisa. Saudaba e seguía o seu camiño ao descoñecido. Mais nós, os nenos, ficabamos prendidos daquilo que levaba nas mans. Da criatura de papel. Do segredo.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Un mañá de inverno, camiño da escola, Domingos, algo maior ca min, contoume que Chao estaba preso. Preso? Que fixera? E Domingos díxome en voz baixa unha frase que me xeou por dentro: "Non se pode dicir!". Como debería ser de terríbel o que Chao fixera que non se podía expresar en palabras? Que faría o mozo máis divertido, máis festeiro, e que ademais paseaba libros polos montes? Era o ano 1964. No xornal, xunto con outros, aparecía a foto facilitada pola Brigada Político Social. Manuel Bermúdez (a) Chao, co rostro transformado, tipo bandoleiro. En realidade, Chao, que traballou dende os 13 anos, primeiro nunha fábrica de grafito e logo de cristaleiro, levaba tempo, dende 1959, na loita antifranquista. El era inconformista, xa expresaba ese espírito no entroido: "A misa será o 18 de Julio se os defuntos cobran a paga extra. E seculé e seculé e seculé, a carne de porco touciño é!". Cousas así. Surrealismo insurxente. Un día coñeceu na taberna d'Os Belés, en Monelos, a Guillerme. E Guillerme díxolle: "Non fales tan en alto! Hai outras cousas que se poden facer". Acababa de chegar de Francia. Traía Mundo Obrero. E aló foron na moto Guzzi a repartilo. Durante anos, aqueles mozos, aquela moto, moito fixeron por rexurdir o espírito antifascista neste recanto do mundo.

Cando saíu do cárcere, trala primeira detención, volvemos a ver a Chao camiño do monte, o domingo, co seu libro na man. E non tardamos en ir detrás, María e mais eu. O libro titulábase Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro. E aquel día, grazas ao mozo cristaleiro, puidemos ver como as verbas feridas ían saíndo de debaixo das pedras.

Archivado En