Luces

Cando a gaita tropeza co hard rock

Ergom ou Guezos introducen o folk en contextos de guitarra 'mainstream'

Os agora deostados bravús nunca agocharon as orixes. Da popularización do ensino da música tradicional e da chegada das guitarras eléctricas ás marxes das cidades naceu un punk-folk devorado polas súas propias dinámicas a finais dos 90. Aquela colisión non se apagou de todo e sobrevive, de esguello, máis aseada e sen a irreverencia dos mellores da xeración da carne sen castrar, en propostas como as das bandas ourensás Ergom ou Guezos. Ambas contan con traballos recentes que andan a presentar polo país.

"Fronkiria existe gracias a estrafalarias personaxes que proceden de galaxias ...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Os agora deostados bravús nunca agocharon as orixes. Da popularización do ensino da música tradicional e da chegada das guitarras eléctricas ás marxes das cidades naceu un punk-folk devorado polas súas propias dinámicas a finais dos 90. Aquela colisión non se apagou de todo e sobrevive, de esguello, máis aseada e sen a irreverencia dos mellores da xeración da carne sen castrar, en propostas como as das bandas ourensás Ergom ou Guezos. Ambas contan con traballos recentes que andan a presentar polo país.

"Fronkiria existe gracias a estrafalarias personaxes que proceden de galaxias tecnoloxicamente enxebres", di a nota promocional de Ergom. E a Fronkiria, acrónimo "do estilo do grupo" segundo a batería Lorena Negreira, responde o seu primeiro disco. "Folk, rock e funk", concreta a percusionista dun proxecto instrumental que non escatima nin en virtuosismos nin en ecos do rock hexemónico nos 70. "Mais, agás o baixista, heavy, case todos estivemos en bandas de gaitas, en baile tradicional...", puntualiza Negreira.

Entre a muiñeira e os Led Zeppelin menos blues, entre Jethro Tull e os foles inchados, os cinco de Ergon inventaron un peculiar mundo imaxinario arredor da banda. "As nosas ideas delirantes mesturan realidade e ficción". O deseño do disco -en formato físico e gravado en Mafia Records, O Carballiño- inclúe caricaturas dos cinco membros, como uns Archies paisanos que buscan, sobre todo, "enganchar ao público, que pode ser máis folkie ou máis rockeiro, a pesar de non contar con vocalista". Ergom inician a viaxe de presentación de Fronkiria o 19 de marzo, na Gentalha do Pichel de Compostela. Pararán en Verín, Vigo ou Ourense.

Para Guezos, tamén de Ourense e tamén cos escoceses Wolfstone como referente, é tempo de refundación. Activos dende 1999, hai dous anos decidiron parar, incorporar membros e debater "qué facer". Puxéronse co que finalmente sería Oito destinos. "Unha base potente de rock clásico, folk e contundencia melódica", define o seu teclista Anxo Fernández. Ao ouvido, a gaita comanda as composicións, algunhas sen voz e outras nas que se atreven a adaptar un anaco d'A Esmorga de Blanco Amor. E a pegada do hard rock-folk dos países célticos. "The Levellers, pero tamén os esenciais Cempés", fala Fernández polos sete integrantes da banda, e confesa a atracción que exerce sobre el a música latinoamericana. Comparten local de ensaio con Lamatumbá.

Guezos levarán Oito destinos, que vén de ser pendurado no selo dixital A Regueifa, a Cangas o vindeiro 18 de abril. Nin Guezos nin Ergom confían xa nas concepcións antigas da propiedade intelectual. Editan baixo licenzas libres.

Archivado En