Entrevista:MILLÁN PICOUTO | Escritor e dramaturgo | Luces

"A clave do teatro é a palabra, o demais é competir co cine"

Alleo a modas, posuidor dunha obra poética e dramática sen parangón na literatura galega, Millán Picouto (Ourense, 1949) vén de completar o quinto dos seus libros de Ciclos (Mercurio, Venus, Terra, Marte e Xúpiter) que abranguen tres décadas de disciplina creativa. Antes de fin de ano sairá a súa propia tradución en castelán, tamén en Edicións Linteo. Despois seguirá avanzando nunha nova entrega do seu conxunto teatral, denominado Macrocosmos, cunha obra sobre o inca Atahualpa. Picouto tamén escribiu música para varios dos seus traballos. ...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Alleo a modas, posuidor dunha obra poética e dramática sen parangón na literatura galega, Millán Picouto (Ourense, 1949) vén de completar o quinto dos seus libros de Ciclos (Mercurio, Venus, Terra, Marte e Xúpiter) que abranguen tres décadas de disciplina creativa. Antes de fin de ano sairá a súa propia tradución en castelán, tamén en Edicións Linteo. Despois seguirá avanzando nunha nova entrega do seu conxunto teatral, denominado Macrocosmos, cunha obra sobre o inca Atahualpa. Picouto tamén escribiu música para varios dos seus traballos.

Pregunta. Planifica polo miúdo a súa obra desde hai 30 anos e opera cos ciclos simbólicos dos planetas. Con que sentido?

Resposta. Está planificada pero vouna escribindo pouco a pouco. Todos os ciclos están unificados pola temática e os símbolos que a vertebran. Dentro da nosa cultura os planetas son símbolos da psique e da actividade humana. Xúpiter é tanto o patrón das asembleas populares como o deus da hospitalidade, pero tamén do Estado e do Imperio. No Ciclo de Xúpiter ocúpome de figuras senlleiras da Antigüidade que pretendían crear un Estado e fracasaron (Vercinxetórix, Xulio César, Pericles ou Aspasia). Son fiel á historia, e a poesía suple a ausencia de datos con proxeccións imaxinativas.

"Ingresei no galego toda a métrica grega e latina por primeira vez"
"Vivimos nun tempo minimalista, dun expresionismo rastreiro"

P. É teatro pero en verso.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

R. Trato de recuperar a poesía para o teatro. Non é que faga versos líricos, porque sería só un teatro para ler. O que se quere é que a obra estea ben organizada desde a palabra, a clave do teatro occidental. O actual teatro está descarreirado porque, querendo competir co cine, insiste nos elementos visuais, que só son vestimenta. De paso recupero o coro, a psicoloxía e unha historia ben contada. Opóñome radicalmente á desintegración imaxinativa que se practica nas artes e que produce verdadeiros mamarrachos, porque se vulneran as leis propias da creación artística que tratan de dar unha visión harmoniosa de personaxes, sucesos ou momentos históricos. Uso a tradición combinándoos de maneira nova.

P. E que sentido ten a poesía para esa fin teatral?

R. Shakespeare é o primeiro que organiza as metáforas do seu tempo para vertebrar o discurso dramático. A palabra poética é a máis concisa, clara, rítmica e eufónica. Quero que o meu teatro sexa palabra creadora, e maiormente uso hendecasílabos modernos, non do Século de Ouro nin do neoclasicismo. Trato de crear, mediante a concentración dos símbolos e das palabras, unha realidade imaxinativa que chegue a dar conta dos conflitos humanos.

P. Por que apenas se representaron as súas obras?

R. O meu teatro está contra o espírito deste tempo. Foi unha beizón que non se representase. Hoxe calquera director de escena síntese superior a quen escribe e pensa que pode reformar a obra. Prefiro que destrúan a Shakespeare, que sitúen a súa obra fóra do tempo, pero a miña que non a toquen. Posibelmente non cheguemos a ver representacións satisfactorias do Macbeth, a Orestiada ou O rei Lear, pero estamos ben adestrados visualmente e entenderemos perfectamente as escenas a partir da palabra. Os discursos teatrais de hoxe non me interesan: palabras entrecortadas e berradas, superabundancia de xestos para expresar nada, derrogación da unidade psíquica, desinterese polos personaxes.

P. Tróuxolle algunha dificultade o galego para unha obra desta ambición ou proba que todos os idiomas valen para todo?

R. Valen para todo o que se queira facer con eles. Sobre o galego abondan uns datos técnicos: as contraccións dos seus artigos e preposicións fai que as palabras menos significantes ocupen menos espazo e axuda á expansión dos substantivos, verbos e adxectivos que son as palabras que máis importan. O galego é unha marabilla. A maiores eu ingresei nel toda a métrica latina e grega por primeira vez.

P. Con que vontade?

R. Buscaba formas rotundas e ritmadas e porque son palabras para cantar e danzar no teatro. O galego é tan plástico que funciona coa versificación grega, aínda que teñen unha acentuación cuantitativa e a nosa é de intensidade. Busco claridade expositiva que é onde a riqueza léxica aparece naturalmente.

P. As súas obras van de Atahualpa ao Imperio Romano, das sagas nórdicas a Prisciliano ou a Illa de Pascua.

R. O poeta e o dramaturgo está sempre famento de argumentos. A historia, os mitos e os contos populares son materia na que te fixas. Se me interesa a destrución dos incas é porque me atrae o choque de grandes poderes. Son lector variado, de sagas, de historia e da actualidade. É un misterio por que escolles uns temas ou outros.

P. De que se ocupan os seus Ciclos?

R. Mercurio é mensaxeiro dos deuses e nese ciclo están perfilados todos os temas. O perfeccionamento humano no Conto de Abril, a construción do mundo en Silvania e Fisterra, a cobiza en A peso de ouro. Eses son temas nucleares e despois aparece o amor n'A fada e o cabaleiro do Ciclo de Venus; no Ciclo da Terra o principal é o ser humano en momentos históricos concretos; na Triloxía da Illa de Pascua do Ciclo de Marte fálase dun conflito cosmolóxico.

P. No terreo lírico só deu a coñecer os Sonetos da lúa chea e o O poema dos Lustros.

R. Hai tamén dúas obras inéditas, pero a poesía lírica douna por acabada. A medida que vivimos facémonos máis complexos e no meu caso expresarme a través de diferentes voces resúltame necesario. A poesía lírica ten convencións, limítase á primeira e a terceira persoa.

P. A moitas das súas obras fíxolle tamén a música, logo abandonouno.

R. Escribo unha obra ao ano e facerlle música para unha representación que dura 60 minutos levaríame tres meses. Se non se van representar podo prescindir dela. Escribo con máis facilidade a música que versifico, pero a arte musical, con toda a súa sofisticación, é máis sinxela que a poética. A música ten doce notas e hai corenta mil palabras.

P. Sempre permaneceu á marxe da sociedade literaria.

R. Teño un carácter tendente á soidade. Pero a poesía dáme tanto traballo que non me queda tempo para as relacións sociais. Teño os meus amigos e a miña vida privada, e comunícome coa miña obra. O que ten que facer o autor é escribir igual que o ferreiro fai utensilios de ferro. A relación con outros ferreiros é accidental.

P. Os seus libros son alleos a toda moda.

R. Pero son accesíbeis a calquera amante da lectura. Quizais non coinciden co espírito do tempo. Se hoxe aparece alguén facendo sinfonías seralle moi difícil estrealas. Vivimos un tempo minimalista, a gran parte das veces dun expresionismo rastreiro, e perdeuse o discurso medio e alto da linguaxe.

P. Adhírese ao clasicismo nunha época na que a vangarda é sinónimo de calidade.

R. As vangardas son un fetiche da arte occidental. Moitas propostas que se consideran hoxe como tales son repeticións de algo xa realizado. En arte non toda innovación é válida. O minimalismo, quitarlle materia á arte, é unha marcha atrás. Estou con Blake cando dicía que exuberancia é beleza. Sempre miras para atrás porque o futuro non existe, só como impulso vital.

Archivado En