A VER | Luces

O roubo das 'Cantigas'

A historia do Reino da Galiza, Galicia e da xente galega na historia é a historia dunha grande desaparición. Unha silenciosa e case imperceptíbel hecatombe histórica.

Aínda que o Reino sobreviviu xurídicamente até 1835 hoxe non fica nada diso na nosa memoria colectiva. O propio goberno autonómico debera chamarse ou Consello da Galiza, establecendo unha continuidade co Goberno autonómo republicano no exilio, ou ben Consello do Reino, xa que a democracia española dentro da que vai inserido o noso autogoberno renaceu logo do franquismo como monarquía constitucional. Na orde xurídica e simb...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

A historia do Reino da Galiza, Galicia e da xente galega na historia é a historia dunha grande desaparición. Unha silenciosa e case imperceptíbel hecatombe histórica.

Aínda que o Reino sobreviviu xurídicamente até 1835 hoxe non fica nada diso na nosa memoria colectiva. O propio goberno autonómico debera chamarse ou Consello da Galiza, establecendo unha continuidade co Goberno autonómo republicano no exilio, ou ben Consello do Reino, xa que a democracia española dentro da que vai inserido o noso autogoberno renaceu logo do franquismo como monarquía constitucional. Na orde xurídica e simbólica que se crea baixo a constitución vixente deberamos ter recuperada a denominación de reino, dentro do Reino de España. Do mesmo modo que Asturias recuperou a denominación de Principado.

Mais para o común da xente, tamén para profesores e mesmo para historiadores abondos, non fica prácticamente nada desa memoria histórica que nos dá unha perspectiva completamente distinta sobre o devir do noso país; distinta da idea establecida hoxe de que Galiza son catro provincias cunha cultura antropolóxica e unha fala típica propia. Galiza non son catro provincias, foi un reino e pode ser o que queira, e as nosas palabras non son "unha fala", senón unha lingua que falan hoxe millóns de persoas no mundo fóra do límite xurisdicional galego e que na Idade Media foi unha das primeiras literaturas europeas.

Lembro, hai uns anos, a recensión das Cantigas de Santa María na revista de libros do Times, o recensionador non sabía explicarse que o rei Afonso escribise e mandase escribilas en galego e atribuíao a que o rei "veraneaba" entre nós. Era un rei veraneante, como hai tantos. E recordei isto en lendo a recensión neste xornal dunha exposición en Murcia sobre o rei Afonso que reune os catro códices das Cantigas e celébraas xustamente como o repertorio musical europeo medieval máis importante. Mais en toda a noticia non aparece precisado en ningún momento a lingua na que están escritas as Cantigas. O rei é citado como Alfonso, rey de León e Castela, as cantigas como "obras mestras do arte medieval hispano e europeo", reflectindo "unha das etapas máis brillantes da arte e a cultura hispanos..." Quen lea a recensión en que lingua ha pensar que están escritas? Pois non aparece que Afonso foi coroado tamén como Afonso IX, rei da Galiza, o galego era a lingua da súa familia e a obra está escrita en galego e pertence por tanto á literatura en lingua galega ou galego-portuguesa. Moi probabelmente a reseña fíxose a partir do catálogo da exposición, de maneira que seguramente a orixe deste ocultamento estea en quen comisariou a exposición. Mais non é isto, non é de agora, é sempre. Sempre o ocultamento da existencia do Reino, a negación da Galiza, da súa historia e da súa cultura e literatura. As Cantigas son de quen as lea ou escoite, son lírica medieval europea, hispánica..., mais antes de nada literatura galega. Mais se non nos respetamos como non nos ha negar alguén en Murcia ou en calquera parte.

susodetoro.blogaliza.org

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Archivado En