NOTAS A RODAPÉ | Luces

Desarmar os panterlos

"En mi país se usa entre niños la voz panterlo, y se aplica a un enredo para cazar pájaros", explicaba Martín Sarmiento, por volta de 1757, nunha das principais obras que dedicou ao estudo e ilustración da lingua galega, un xurdio traballo que non se atreveu a publicar, pois temía que o tomasen por un toleirán por se dedicar ao que daquela se consideraban trapalladas. O panterlo recibe en galego outras denominacións, como gaiola, ichó ou trapela. Hai quen se dedica a poñerlle panterlos aos esforzos de revitalización do galego , e de aí o título do artigo. Vexamos un par de exemplos.

- O...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

"En mi país se usa entre niños la voz panterlo, y se aplica a un enredo para cazar pájaros", explicaba Martín Sarmiento, por volta de 1757, nunha das principais obras que dedicou ao estudo e ilustración da lingua galega, un xurdio traballo que non se atreveu a publicar, pois temía que o tomasen por un toleirán por se dedicar ao que daquela se consideraban trapalladas. O panterlo recibe en galego outras denominacións, como gaiola, ichó ou trapela. Hai quen se dedica a poñerlle panterlos aos esforzos de revitalización do galego , e de aí o título do artigo. Vexamos un par de exemplos.

- O idioma galego, atranco para o investimento estranxeiro?

Baixo o titular "Veintiocho empresas auxiliares de Citröen ya se han ido a Portugal", un xornal ofrece ampla información sobre o desvío de investimentos cara ao país veciño, a custa do sur de Galicia. No artigo debúllanse os factores determinantes: solo industrial barato, salarios baixos, mellores conexións con vías de alta capacidade... Sorpréndeme non atopar ningunha referencia ao idioma. Seica a República portuguesa non dá facilidades especiais para que os directivos e técnicos forasteiros que alí se instalan escolaricen os seus fillos e fillas en linguas distintas ao portugués.

Hai fracturas que revelan a nosa anormalidade lingüística e que debemos ter interese en superar

Ignoro o que opinará de semellante atropelo o Círculo Financeiro de Vigo e compañía, que non hai moito tempo puxeron o grito no ceo pola suposta imposición do galego no ensino. Daquela afirmouse con énfase que a tal imposición era un factor gravemente disuasorio para o establecemento de empresas foráneas en Galicia. Agora vai resultar que se trataba dunha andrómena fundada exclusivamente en prexuízos contra o galego dos argallantes que a inventaron, dos medios de comunicación que a propalaron, e dos dirixentes políticos que a vampirizaron. Unha gabela de cabais sucesores históricos daqueles a quen Sarmiento recriminou: "Avergóñense os galegos que se empeñan en esquecer a súa lingua nativa, coma se fose incompatible aprender dúas linguas ao mesmo tempo, entrando a lingua do país como fundamento da outra ou doutras linguas estrañas".

Admítese sen espentenexos que en Portugal o portugués non se lle impón a ninguén, simplemente é o idioma do país. Que fará falta para que cheguemos a unha conclusión similar en Galicia? Dotala dun Estado independente monolingüe? Velaí onde acaba desembocando a absurda lóxica dos que se resisten a calquera paso cara á normalización do galego e así negan toda posibilidade dunha convivencia igualitaria entre o idioma do país e o do estado.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

- Unha consulta para esquecer?

Outro panterlo: a famosa consulta ás familias sobre o uso do galego no ensino. Esta tiña basicamente tres obxectivos: xustificar retrospectivamente a campaña contra o galego desatada nos últimos anos, espallar un conflito lingüístico artificialmente encirrado aos centos de milleiros de fogares que recibiron a enquisa, e lexitimar a derrogación do tal decreto. Supoñendo que a consulta fose necesaria, podía terse agardado ao curso seguinte: aproveitábase o proceso de matriculación, aforrábase diñeiro, garantíase unha resposta masiva, e encargábase o seu tratamento a un equipo independente e fiable, dando a oportunidade a un debate plural, sereno e informado.

Pero as esixencias de táctica electoral primaron sobre toda racionalidade, co resultado que xa se coñece: a consulta carece de representatividade no ensino medio e profesional (mínima resposta), non ofrece grande novidade no ensino infantil (unha ampla maioría das familias queren que os seus fillos e fillas aprendan a ler e escribir nas dúas linguas), e soamente pon de vulto as coñecidas resistencias contra o galego na rede privada ou concertada.

De máis a máis, ofrécense uns resultados que veñen a subliñar as vellas fracturas sociais que percorren as liñas divisorias entre o galego o castelán: de estatus (rede privada/concertada fronte a pública), de hábitat (urbano fronte a rural), e territoriais (Galicia interior fronte a atlántica). Unhas fracturas que evidencian simultaneamente a nosa anormalidade lingüística e o noso atraso social, e que por tanto o país debía ter o maior interese en superar. Será que lle interesa ao Partido Popular seguir escaravellando na ferida? Era de desexar que non (pois entre outras cousas as divisións tamén lañan internamente ese partido), e que en consecuencia a Xunta se aveña a non remexer máis no asunto. A escolla da fin de xullo para presentar os resultados da consulta fai presaxialo, pero á luz da teimosía dogmática e o afán aventureiro dalgún dirixente, calquera sabe...

Deberamos evitar os panterlos, e cara ao futuro depurar erros, afinar proxectos, renovar mensaxes, acertar a dirixirse á maioría social e gañar a súa complicidade arredor dunha causa amplamente partillada: facer un país orgulloso do seu idioma orixinal, un tesouro de todos (tamén dos que non o falan), un activo intanxible de valor imponderable para o benestar colectivo. E que cante o merlo.

Archivado En