OS GROUCHOS | Luces

Do silencio dos deuses ás faltas de ortografía

E di Ulises: "Sufre corazón que tamén outras veces adoeciches".

Agora que o Papa de Roma anda predicando contra os preservativos, talvez nos cómpre a nós falar de deuses, de heroes, de homes e de ratos.

E iso é o que fai con moita mestría José Lorenzo Tomé nun libro sentipensante que leva por título O silencio dos deuses (Baía edicións) e onde se dan a man a filosofía e a literatura. E van nun andar simultáneo, a imaxinación e reflexión, tal como definía Aristóteles a amizade: "Dous que marchan xuntos". Lorenzo Tomé, doutor en Filosofía, autor da novela ...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

E di Ulises: "Sufre corazón que tamén outras veces adoeciches".

Agora que o Papa de Roma anda predicando contra os preservativos, talvez nos cómpre a nós falar de deuses, de heroes, de homes e de ratos.

E iso é o que fai con moita mestría José Lorenzo Tomé nun libro sentipensante que leva por título O silencio dos deuses (Baía edicións) e onde se dan a man a filosofía e a literatura. E van nun andar simultáneo, a imaxinación e reflexión, tal como definía Aristóteles a amizade: "Dous que marchan xuntos". Lorenzo Tomé, doutor en Filosofía, autor da novela A cidade Branca e do ensaio Jürgen Habermas, é profesor do Instituto Miraflores de Oleiros. Non o coñezo en persoa, mais despois da viaxe por este último libro, ten un envexa dos seus alumnos. Algún día haberá que facer xustiza ao traballo dos ensinantes en Galicia, tantas veces esfolados nun medio ambiente onde se impón o boureo desaprehensivo do Pensamento Túzaro.

Xavier Seoane é un dos sabios silenciados polo Pensamento Túzaro

O silencio dos deuses é unha viaxe da que un sae con xúbilo, co mesmo pracer na ollada que estes días de luz no san Xosé. Un gozo sensorial que non se sostén na inconsciencia, senón que conecta co corazón adoecido do que falaba Ulises. Mais esa é a calidade da obra de Lorenzo Tomé: a gran literatura como espazo do contraditorio, como manifestación do "máis estraño" ser, que é como se denomina ao ser humano no canto do coro de Antígona. Este libro é unha descuberta dos clásicos, dende Homero a Cunqueiro, dende Chrétien de Troyes a Mark Twain, e onde se cumpre esa idea de que clásica é a obra que sempre nos di algo novo. Mais esa viaxe literaria é un profundar ético. E estarrece constatar a contemporaneidade de textos moi antigos, como cando o heroe Aquiles desce até o chanzo máis ruín e arrastra e maltrata o cadáver do troiano Heitor. Fronte a tantos predicadores da nada e do baleiro, velaí como ao longo da historia a gran literatura mostrou sempre o conflito, foi a voz do "máis estraño", mesmo cando nos levaba polos camiños de Quita e Pon de don Álvaro.

Veñan máis libros!

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Hoxe, cando escribo, é 19 de marzo. No seu diario ínfimo, titulado Viaxes do corazón (Editorial Galaxia), Xosé Manuel G. Trigo escribe ese día do ano 2007: "A papá falloulle hoxe o corazón. Quizais puído oír o seu derradeiro latexo coma a última nota do reloxo da vida. Mañá ímolo deixar no camposanto de Meira, e despois, na serenidade da tarde, por riba da carballeira de Bronlle, empezarán a voar os paxaros dos meus recordos máis vívidos". Tanto nesta viaxe íntima, como no seu anterior libro de relatos, Reserva especial, a lembranza zumega pingas excelentes do "máis estraño", do fermento da natureza humana. É unha literatura na que a elegancia fai máis verdadeira a verdade e opera como a punta de diamante que curta o cristal.

Contra os predicadores do baleiro escribe Lionel Lienlaf o seu poema Camiño / Rupu: "Regresei para recoller... / a expresión perdida dos meus avós. / Corrín a rescatar / o silencio do meu pobo /...para que o espírito sexa vento / entre o baleiro das palabras". Lienlaf é un dos autores que nutre a escolma de poesía mapuche Lúa de xemas frías, que traballou, e de qué xeito, Xulio Valcárcel para Espiral Maior. Unha escolma bilingüe co orixinal en mapudungún, a lingua dos mapuches, o resistente pobo indíxena de Chile, e a versión galega. Un libro de cantos que transmite información esencial sobre unha cultura, mais que tamén afonda e rabuña no "máis estraño", con poemas inesquecíbeis, sobre todo aqueles que tratan da relación coa natureza.

A natureza, unha natureza en conflito, co corazón tamén adoecido é a protagonista dun dos mellores libros da poesía en galego dos últimos tempos: Do ventre da cóbrega, de Xavier Seoane. Este Seoane, tamén do mester honorabílisimo de profesor de instituto, neste caso o de Monelos, na Coruña, é un dos nosos sabios silenciados pola maquinaria do Pensamento Túzaro, mais que vai herdando o seu saber en marabillosas obras sentipensantes como O sol de Homero. O ben que lle prestou ese sol de Homero á súa poesía! Cada poema é unha vida de seu, un proceso de elevación e derrube. Primavera, inverno... Outra primavera, talvez. Vivir, morrer... Renacer, quizais. Seoane supera a escisión absurda entre a poesía da experiencia e do coñecemento. Aquí hai poemas que ficarán como petroglifos. Eu xa fico cun deles no peto: Alguén quizais.

E de feitura radicalmente distinta, mais do mellor tamén da poesía galega última: Faltas de ortografía, de Diego Cousillas Novo, premio de poesía Johán Carballeira. O lente decisivo na ollada de Diego Cousillas (Malpica, 1980) é a ironía, da que Cesare Pavese dicía que equivale nos tempos modernos á relixión nos antigos. Certo. Non se pode concibir hoxe a boca da literatura sen o padal da ironía. Un desacougo gozoso, un perigoso xogar, que enxerga en parte coa tradición heterodoxa do gran Lois Pereiro, é o herdo de Faltas de ortografía. Por deixar tamén noticia de poemas para unha escolma do imprescindíbel, cito aquí unha das miñas preferencias: Cancionciña da casa. Velaí unha estrofa: "Déixame descubrir / O pan / Partido polas / Túas mans / Como un corazón / Que latexa / Aínda / Sobre a mesa".

Dun libro que nos presta temos a sensación de que é unha especie nova na biodiversidade, algo que antes non existía. Para Nietzsche a arte era un enxerto humano na natureza. E aquilo que sae na Ars Poetica (Streets in the Noon), de Archibald MacLeish: "Un poema debería ser papábel e mudo / como unha froita redonda". Así que para despedir esta crónica, tan incompleta, da magnífica colleita de libros no arrinque deste Ano da Crise, o que talvez procede é dar conta da publicación da Guía das árbores autóctonas e ornamentais de Galicia (en Xerais), obra de Marisa Castro, Antonio Prunell e Jaime B. Blanco-Dios, ilustrado por Jacobo Fernández Serrano. En verdade é un pracer natural adentrarse na selva de Esmelle que é este libro. E se Ulises foi recoñecido polo Laertes, o pai cego, ao dicir en voz alta o nome das árbores de Ítaca, aínda nós podemos intentar acompañar esa imaxinación da natureza que chamamos primavera, lendo en voz alta o poema taxonómico das maceiras do país: Ollo Mouro, De Pedra Doce, Tres en Cunca, Sangue de Touro, Reineta de Gardar, Príncipe de Cedo... Amén.

Archivado En