Reportaje:Luces

Licor café por 'soleás'

Músicos galegos atrévense a mesturar o flamenco coas súas raíces

Tan cantaora pode ser unha na vida chamándose Esperanza ou Estrella como Iria ou Olalla. O mesmo que a un tocaor lle puído acontecer nacer en Xerez ou en Lugo. No flamenco importa o berce -nisto os entendidos non acollen dúbidas- pero o estudo e a práctica tamén fan un labor de gran relevancia á hora de facer saír ao duende. "Eu prefiro chamarlle soniquete, paréceme máis axeitado porque no meu caso o que sinto polo flamenco ten que ver máis cun sentimento que con cuestións técnicas", explíca Iria Peña, cantaora e compostelá. Esta cantante profesional foise ar...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Tan cantaora pode ser unha na vida chamándose Esperanza ou Estrella como Iria ou Olalla. O mesmo que a un tocaor lle puído acontecer nacer en Xerez ou en Lugo. No flamenco importa o berce -nisto os entendidos non acollen dúbidas- pero o estudo e a práctica tamén fan un labor de gran relevancia á hora de facer saír ao duende. "Eu prefiro chamarlle soniquete, paréceme máis axeitado porque no meu caso o que sinto polo flamenco ten que ver máis cun sentimento que con cuestións técnicas", explíca Iria Peña, cantaora e compostelá. Esta cantante profesional foise arrimando ao flamenco de xeito autodidacta e, de feito, aspira a crear un taller no que os flamencos galegos teñan oportunidade de intercambiaren coñecementos, a falta de aulas.

"En Galicia sentíame estranxeiro, e aínda hoxe apenas toco aquí", di Pimentel

Un primeiro paso é o grupo Almáciga, formado, en inicio, por Peña, o guitarrista Miguel Flores e o coruñés Patxi Valera ao caixón. "Uns cantos estabamos dándolle voltas ao asunto ata que apareceu Flores e nos organizou", explica Valera. O periplo vital do guitarrista sintetiza o signo dos tempos. Miguel Flores criouse en Ceuta nunha familia de orixe gaditana sen raíz musical nin flamenca. Canda estudante en Madrid aprendeu a tocar a guitarra e, inevitablemente, caeu no engado de Camarón de la Isla. Aínda continúa visitando aos seus mestres nesa cidade polo menos unha vez ao mes, porque desde hai ano e medio, Flores vive en Santiago, onde segue á procura do sabor que os flamencos de tradición e de estirpe teñen de serie.

Paradoxalmente, Flores tivo que recalar en Galicia para poder montar o seu propio cadro flamenco, que alterna con outros proxectos no eido da música tradicional galega nos que exerce como enlace para o intercambio cultural. Por iso, gústalle poñer de relevo no seu galego con sotaque andaluz que "o significado de Almáciga fai referencia ao lugar onde se plantan as sementes".

En Santiago, o guitarrista ceutí decatouse de que todos os duendes atlánticos cos que el principiara contacto non se coñecían entre si. Para os que, coma el, non naceron en casa flamenca artellou os encontros Flamenco á grella, que veñen de celebrar a súa segunda edición no bar O Pemento de Rois. O pasado sábado, os chupitos de licor café baixaron a ritmo de soleás, fandangos e alegrías.

No tablao improvisado de Rois reeditouse o espírito de jam session que amenizou a primeira xuntanza. Foi en 2007 no Muíño Vello do Alvedosa, en Redondela, que rexenta o cantante Delio Domínguez, compoñente do Orfeón Treixadura e quen de arrincarse por siguiriyas. Este ourensán prendouse do flamenco na súa época de emigrante en Centroeuropa, a principios dos anos 70. Algúns levaron as mans á cabeza pola súa sacrílega interpretación do himno galego acompañando á guitarra de Cuchús Pimentel no Parlamento de Galicia, en decembro de 2007, no acto de conmemoración do 25º aniversario da Cámara autonómica. "Calquera que saiba do asunto entende que aquilo de flamenco non tiña nada; un músico pode ter pulsación flamenca nun intre determinado, que sexa flamenco é outra historia", comenta Domínguez, canso de explicar que só se trataba dun tenor cantando o himno galego.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

O gaiteiro Carlos Núñez marcou un fito aperturista con Irmandade das estrelas (1996), pero a cronoloxía da unión de galegos e música flamenca conta con antecedentes como a colaboración de Pimentel co guitarrista Marcos Teira na gravación Pimenteira (1994). Na actualidade, Cuchús Pimentel vive entre Vigo e Madrid, porque o que é traballar faino en todo o mundo. A xira que está a realizar co grupo de baile Los Vivancos traeráo de volta a Galicia nunha soa ocasión esta temporada, o vindeiro 11 de xullo na Coruña. Conta que leva 40 anos tocando a guitarra, primeiro nas coordenadas do rock e do jazz no seu Lugo natal e logo en Vigo. Todo mudou cando escoitou a Paco de Lucía e pensou que se trataba dun ser doutro planeta. "Ata que marchei a Xerez a estudar con Manolo Sanlúcar a finais dos anos 80 non me puiden dedicar ao flamenco; en Galicia non era posible, alí sentíame estranxeiro e aínda hoxe prácticamente non toco na casa", revela. Escrupuloso coas denominacións, Pimentel asegura que para ser tocaor coma el "hai que entender o cante e o baile, porque a guitarra flamenca naceu para acompañar; o feito flamenco moi poucas veces se dá en solistas".

Marcos Teira, quen foi un dos seus alumnos, segue unha traxectoria que aposta decididamente polo sincretismo co flamenco e os ritmos galegos, eido no que observa "un interese crecente nos músicos e no público". Ben sexa como membro de Marful, en clave de jazz, ben no grupo de versións U-lo trío?, ou nos seus discos en solitario, o guitarrista da Pobra do Caramiñal fai do flamenco unha linguaxe persoal. Alí, o seu segundo traballo que presentará en directo no I Festival de Jazz de Melide, resulta da concorrencia de músicos galegos, andaluces e alxerianos.

Archivado En