Reportaje:CURTAS NO FAIADO | Luces

O celuloide perdido de Carlos Casares

A familia do escritor recupera algúns filmes en Súper 8 que él mesmo guionizaba e montaba

O legado do escritor Carlos Casares parece non esgotarse nunca. O faiado da que fora a súa casa en Vilariño da Ramallosa, en Nigrán, é un almacén cheo de sorpresas, do que cada pouco tempo emerxen noticias sobre algunha das moitas facetas coñecidas deste narrador falecido hai seis anos. De Casares era coñecida a súa afección polos trens eléctricos, a habelencia para construir maquetas, ou a súa paixón pola fotografía e por coleccionar cámaras fotográficas, desde aparellos de fol ata máquinas de espías ou Leicas dos 50 e dos 60. Tamén era coñecida a súa afección ó cinema pero, polo de agora, pe...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

O legado do escritor Carlos Casares parece non esgotarse nunca. O faiado da que fora a súa casa en Vilariño da Ramallosa, en Nigrán, é un almacén cheo de sorpresas, do que cada pouco tempo emerxen noticias sobre algunha das moitas facetas coñecidas deste narrador falecido hai seis anos. De Casares era coñecida a súa afección polos trens eléctricos, a habelencia para construir maquetas, ou a súa paixón pola fotografía e por coleccionar cámaras fotográficas, desde aparellos de fol ata máquinas de espías ou Leicas dos 50 e dos 60. Tamén era coñecida a súa afección ó cinema pero, polo de agora, permanecía oculta a súa faceta como curtametraxista. "A finais dos anos 70, meu pai mercou en Suecia unha cámara de Súper 8 e empezou a facer filmes onde saiamos toda a familia. Incluso montou unha produtora imaxinaria, á que bautizou como Svega Films, algo así como Suecia-Galicia", lembra o seu fillo, Hakam Casares.

El mesmo facía o guión, o 'story board', montaba e poñía o son
Recuperáronse xa dúas das sete ou oito pezas que debeu de ter feitas
A familia busca un documental que fixo sobre o 25 de abril en Portugal
"Estaban moi ben feitos, ben montados e cunha boa fotografía"

Pero as películas de Casares non eran as típicas gravacións de aniversarios ou celebracións familiares, senón que tiñan toda a intención de seren ficcións, desde a escritura do guión ata a interpretación. "Seguía un longo proceso, preparaba o guión, creaba personaxes, debuxaba o story-board, montaba e faciamos o papel que el nos designaba", comenta Hakam, que desde hai uns meses empezou remexer no faiado da súa casa, buscando o material fílmico do seu pai. De momento xa se levan recuperadas dúas das sete ou oito curtametraxes que puido ter rodado Carlos Casares. "A armadanzas de todo foi Lara, ela é a que está empuxando para rescatar o material", confesa o fillo do escritor ourensano.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Hakam refírese a Lara Bacelo, a persoa que máis empeño está a poñer na recuperación destas curtametraxes. A historia de como esta xove realizadora coñeceu ó escritor e chegou ata estas bobinas daría tamén para un bó guión. "Coñecín a Carlos Casares dando unha conferencia no meu instituto. Eu era unha adolescente e nin siquera falaba galego, pero impresionoume o seu xeito de falar. Fun pedirlle un autógrafo, e pediume a dirección. De alí a uns días envioume á casa unha caixa de libros, empezamos a relacionarnos, e axudoume a entender cousas", explica Bacelo.

A segunda parte da historia aconteceu, anos despois, cando se celebraba o quinto aniversario do pasamento de Casares, e os blogueiros de Galicia promoveron unha homenaxe ó escritor. "Contei nun blog que vin un señor nunha gasolineira igualiño que Casares, e o seu fillo Hakam deixou un comentario. Collín o contacto, e aí empezamos a falar e saíu o tema das curtametraxes". En pouco tempo, Lara empezou a remexer no faiado da casa de Casares na procura das bobinas rodadas polo escritor coa súa cámara de Súper 8. E apareceron, polo de agora, dúas das curtas, que segundo Bacelo "están moi ben feitas, moi ben de montaxe e cunha boa fotografía".

Todas as pezas rodadas polo escritor teñen unha duración de entre cinco e dez minutos, marcada polos tamaño dos rolos de bobina. Das curtametraxes recuperadas, a realizadora destaca "unha historia estraña cunha torre de cazolas, e outra dun truco de maxia, onde as cousas aparecen e desaparecen".

Entre os actores que teñen papeis nas rodaxes están algúns amigos próximos, os dous fillos de Casares, Hakam e Christian, e a súa muller Kristina Berg. Para Kristina non era a súa primeira experiencia diante das cámaras, xa que cando casou con Casares empezaba a ser unha actriz emerxente en Suecia, o seu país de orixe.

Alí traballou nunha miniserie para a televisión pública, e incluso con pequenos papeis nun filme onde fixo de dobre da mítica Liv Ullman, ou en nalgúns capítulos da histórica serie infantil Pippi Langstrumpf, a bordo da goleta dun amigo seu. Ata que en 1971 chegou a Galicia e nunha viaxe en tren cara Coruña, coñeceu ó que sería o seu home. A partir de aí xa sería unha galega máis.

"De ningún xeito quería eu retomar a miña carreira como actriz", bromea a viúva do escritor, que lembra como a rodaxe de aqueles pequenos filmes era "algo moi laborioso, porque había que cortar, montar e logo había que sacar sons dun elepé para meterlle por enriba. Coa Súper 8 non se podía gravar con son, pero a Carlos pasar por todo ese proceso do cine artesán facíalle unha gran ilusión". Para Kristina, a influencia do cinema en Casares "pode verse perfectamente nalgún libro como Ilustrísima, que está escrito case como un guión".

Entre as curtas de Casares pendentes de recuperar está unha que o escritor titulou en sueco Barmaöv, que se pode traducir como O secuestro do neno. "Era unha curta na que meu pai secuestraba un neno, que viña sendo eu metido nun catre, e que de pequenos nos angustiaba", rememora Hakam Casares. O fillo do escritor recorda tamén como cando ían a Suecia, o país da súa nai, Casares levaba preparadas secuencias de exteriores, de xeito que saen escenas rodadas nese país.

Varias destas pezas son as que están pendientes de rescatar, e aínda non se sabe se poderán recuperarse ou están definitivamente perdidas. A familia Casares gustaríalle que se poidese recuperar todo este material, pero sobre todo unha peza especial: un documental que o escritor fixo sobre a revolución do 25 de abril. "Era unha cousa preciosa duns 20 minutos, rodada en Portugal só dous días despois da revolución dos caraveis, con opinións de xente en manifestacións, montado con recortes de xornais", explica Kristina Berg, que sospeita que a película se debeu de perder nun traslado que a familia fixo desde Cangas a Nigrán. "Estou tristísima, porque teño moito interese en recuperala. De momento non aparece por ningún lado, pero non perdo a esperanza", laiase a viuva do escritor e presidenta da Fundación que leva o seu nome.

Non foi o único proxecto de tipo documental desenvolvido por Casares, que anteriormente tamén empezou a traballar arredor da figura de Ramón Otero Pedrayo. "Eramos moi amigos de don Ramón, e empezou a gravar algunhas cousas, pero ó pouco morreu e xa non se puido continuar o proxecto", lembra Kristina Berg, á que lle gustaría ir recuperando ese material pouco a pouco, para depositalo na sede da Fundación Carlos Casares, que xa se está a quedar pequena. "No Concello de Vigo son xenerosos con nós, pero tratamos de buscar un local máis amplo, porque aínda nos falta por catalogar moito do material de Carlos", explica a viúva. Polo de agora, non se sabe o que poderá deparar no futuro o faiado de Casares, na súa casa de Vilariño da Ramallosa, en Nigrán, ese espazo onde se poden atopar desde trens eléctricos, maquetas de avións, cámaras fotográficas ou curtametraxes en Súper 8. O legado de Casares aínda está por descubrir.

Archivado En