Reportaje:Aniversario do Consello da Cultura | Luces

A música baleira

Lino Braxe presenta un libro sobre as composicións de Manuel Balboa

Na música de Manuel Balboa hai máis silencios ca notas. É unha música baleira e, secasí, chea de folgo e de sentido. Unha música literalmente minimalista na que co mínimo se tenta expresar o máximo. Niso radica a súa beleza mais tamén a súa dificultade. Para sentila, precisamos comprendela. E para comprendela, precisamos dunha educación que aínda non se dá nas nosas escolas. De aí que a música contemporánea siga a ser o único xénero artístico que vive afastado do Gran Público. A xente da rúa está afeita a entrar nun museo e a atoparse coa súa propia estrañeza. As señoritas de Avignon hai décad...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Na música de Manuel Balboa hai máis silencios ca notas. É unha música baleira e, secasí, chea de folgo e de sentido. Unha música literalmente minimalista na que co mínimo se tenta expresar o máximo. Niso radica a súa beleza mais tamén a súa dificultade. Para sentila, precisamos comprendela. E para comprendela, precisamos dunha educación que aínda non se dá nas nosas escolas. De aí que a música contemporánea siga a ser o único xénero artístico que vive afastado do Gran Público. A xente da rúa está afeita a entrar nun museo e a atoparse coa súa propia estrañeza. As señoritas de Avignon hai décadas que deixaron de ser unhas putas escandalosas. O número de persoas que poden abismarse nun cadro de Kandinsky ou de Tàpies medrou considerablemente. Mais cantas están preparadas para sentir as soidades dun clarinete e dun violonchelo que se buscan sen atoparse dende dous cuartos ensimesmados? Cantas poden meter o dedo nesa "ferida luminosa"? Pouquísimas. Aínda.

Balboa sabíase tan herdeiro de Satie e Debussy como de Berg ou Schönberg
Pola idade e pola orixe coruñesa, foi o músico dos poetas 'De amor e desamor'

En vida, Manuel Balboa padeceu esa contradicción. Acadou sona e respecto nos tres eidos prós que creou: o sinfónico, o teatral e o cinematográfico. Chegou a alzar a voz no Carnegie Hall de Nova York, no Scala de Milán e no Wigmore Hall de Londres. Pero morreu -sendo aínda moi novo, certamente- sen ter o auditorio que merecía. A meirande parte da súa obra permanece tan inédita coma inaudita. E o seu legado, á espera de que os amantes do futuro desentrañen os seus misterios.

Unha das persoas que mellor o coñeceu aquí en Galicia foi o poeta Lino Braxe, quen, fiel a súa amizade, promoveu todos os actos que están a se celebrar en honra do compositor. "Poucas veces na miña vida", afirmou diante da súa tumba, "tiven a certeza de estar camiñando a carón dun gran artista coma el. Creo que se hai algo que aínda me permite ter ilusión polas cousas que fago é a capacidade de admiración que a figura de Manuel Balboa provocará en min eternamente. Non xa coma amigo senón porque, cada vez que sinto a súa música, me estremezo ó enxergar que batín cun talento tal no meu camiño".

Chama a atención que a primeira palabra que xorde da boca de Braxe ao falar de Balboa sexa a de "emoción", pois, de entrada, a súa música -sobre todo a de cámara- dá a impresión de ser fría, calculada, cerebral. Balboa sabíase herdeiro dos grandes precursores da música contemporánea: os do impresionismo francés (Debussy, Ravel, Dukas, Satie) e os da Segunda Escola de Viena (Webern, Schöenberg e Berg). Compositores todos eles que, no seu día, deixaban xeados os seus oíntes cada vez que estreaban unha peza. E iso cando non organizaban un escándalo monumental.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

"Manuel era un home de trato exquisito e, abofé, un intelectual interesado por todos os ámbitos da cultura, coma os seus mestres. Pero entregábase con paixón a todo canto facía, incluída a pintura, que practicaba. Era iso, a emoción, o que procuraba, á marxe de que fose un creador vangardista e da pura matemática musical, digamos", afirma. E prosegue: "Non experimentaba por experimentar senón que as súas pezas nacían dunha emoción real. Só que, claro, imbuídas da súa propia estética. Se pensas na música que compuxo para a película El baile de las ánimas, de Pedro Carvajal, ou a de Canción de cuna, de José Luis Garci, decátaste de que, en efecto, buscaba, nas súa palabras, 'un equilibrio entre o habitual e o actual'. Aí vense claramente as liñas melódicas, por exemplo". Para Braxe, a de Macías "é unha música máis apegada ó que a xente oe a cotío. Manuel sabía facer iso, e facíao moi ben. Cando escoitas esa música soa, sen as imaxes, sentes que é tan potente coma a de Mahler. Pero, curiosamente, a obra da que el estaba máis orgulloso é a de cámara. A máis sinxela pero, asemade, a máis complexa. E mesmo das súas pezas de piano, que escribiu moitísimas, dende a súa xuventude, só salvaba as dez que interpretará o luns, no Teatro Rosalía, Humberto Quagliata. Pois, a medida que se ía distanciando de si mesmo, queimando etapas, destruía moito do que facía".

Pola súa idade e pola súa orixe coruñesa, ben podería dicirse que Balboa é o músico da xeración literaria De amor e desamor. De feito, non só estivo vencellado á maioría deles senón que compuxo obras dabondo a partir dos seus poemas. "Encantáballe a poesía, tanto Pound coma Novoneyra, Lorca coma Cunqueiro. Os títulos das súas obras son sempre poéticos, e as súas pezas máis breves son poemas sonoros. Manuel musicou bastantes textos de Miguel-Anxo Fernán-Vello, cos que fixo unha sorte de lieder, todos eles sen estrear, coido. Cos meus, en troques, fixo obras para recitados, coma a peza Hércules en Brigantia, cuxa partitura, manuscrita e dedicada, me regalou".

Non é de estrañar, xa que logo, que Braxe presente hoxe, na Casa Casares Quiroga, un libro inspirado en composicións de Balboa e editado por Fernán-Vello. Ese Diálogo dos mortos e a noite que constitúe o primeiro achegamento ó universo de Balboa. Un universo furado ás veces por enormes buratos negros, onde a harmonía das esferas ten un cariz desolador. "Hai que ter en conta que a derradeira etapa da súa enfermidade foi ben dura para el, pois quedou case que cego. Manuel deixou incompleto un concerto para violín e orquestra. Unicamente lle deu tempo a escribir a parte solista. A obra estreouse cunha orquestración boa, correcta, que fixo Joan Trilho a partir dos seus apuntamentos. Eu tiven a oportunidade de sentir, nun ensaio, ó violinista só, e daquela comprendín que aquilo era un canto de dor, de amargura, de adeus a esta existencia, si".

Archivado En