Vinilos, soidades e viaxeiros
DISCOS DE VINILO NUN ESCAPARATE... E logo aínda se fabrican, aínda se venden, aínda hai quen os poña? Un golpe de soidade repentino.
SOA MELLOR A MÚSICA NO VINILO que no CD, por moito que digan. E hai maxia en coller un disco de plástico negro na man e pousarlle unha agulla e que empecen os músicos.
Ben sei que é unha cousa semellante cun CD metálico, ben sei. Semellante.
TAMÉN HAI MAXIA NO MP3, a música que ven pola Rede, electricidade.
E se imos ao caso, a música na radio. A radio é a verdadeira caixa milagreira.
MAIS EU QUERÍAME REFERIR Á MORRIÑA do vinilo...

MAIS EU QUERÍAME REFERIR Á MORRIÑA do vinilo. Ás morriñas todas (pois acaba de pasar por aí diante un Dous Cabalos e tamén me entra morriña).
A que un non anda atento logo lle aparecen as soidades, a calquera cousa. Tamén os rapaces teñen soidades de cando foron meniños, e apéganse aos xoguetes e non queren tirar con eles.
E os homes adultos apéganse ás cousas da mocedade. E os vellos ás cousas dos traballos que deixaron atrás.
Somos así, apegámonos ás cousas.
APEGÁMONOS AO PASADO. Dicía o Rilke que a infancia é a patria do home. E tiña a razón máis certa e plena. Agora que tamén o é a xuventude, e a madurez. En xeral, a nosa patria é o pasado. O noso pasado, claro.
A PATRIA VERDADEIRAMENTE É O PASADO. Mais con isto non quixera eu desconsiderar nada, pois qué cousa hai máis persoal, máis humana que o pasado, a memoria? Somos memoria. O pasado é o noso software, o software do humano.
Nin sequera todas as patrias son boas. Mais son.
TAMÉN HAI XENTE QUE NON TEN PATRIA, NON TEN PASADO. E daquela cando se extravía non sabe onde ten que ir. Non ten un lugar atrás ao que voltar, non hai casa de volta.
AGORA QUE PARA UN DE SANTIAGO é difícil extraviarse, pois sempre che aparece a man un camiño de Santiago calquera. É mesmiño como unha maldición, non hai maneira de perderse cando un quere.
PEQUENOS RITOS: SE UN VE PASAR O TREN hai que saudar coa man e rir ou sorrir. Dá boa sorte, pois un ponse máis contento. E os viaxeiros, aínda que non o saiban, pois esqueceron, tamén agardan a sorpresa de que alguén os saúde.
Case sempre devolven o saúdo de forma automática. Hai quen reprime o xesto, iso dá mala sorte.
SOMOS LUME, duramos mentres estamos acendidos. Ardamos.