O meu avó é Rambo
O MEU AVÓ RECOLLÍA COUSAS do camiño, un arame, un ferriño..., cousas caídas, para o caixón dos ferranchos vellos. Sempre se lle acababa encontrando utilidade. Agora chámase "reciclar", simplemente sabía ver o valor das cousas.
UN TAMÉN RECOLLE COUSAS CAÍDAS, unha palabra, unha frase, un momento ... E mira de gardar iso como pode, con palabras escritas. O caderniño dos ferranchos vellos. Ás veces encóntrolle logo utilidade, outras veces non.
ATOPO NO CADERNO DOS FERRANCHOS UNHAS FRASES: "¿Como vivirás?", di un. "Día a día", contéstalle o outro.
Cando fi...

Cando fixen o apuntamento non anotei onde escoitara iso (só anoto cousas que oia, cousas que estean aínda vivas ou algo vivas). Teño a idea de que son dous homes a falar, máis nada. Debeu ser nun filme, polo ton sentencioso. Miro a ver no Google: foi no Rambo II!
Gustei da primeira, Rambo, e non vin ningunha outra (palabra!): mais debín ver un cacho dese filme.
TANTO TEN, esas frases brevísimas séguenme a parecer magníficas. Non se pode expresar mellor o vivir nihilista.
Os meus prexuizos sobre ese filme non me empecen a valorar esas palabras, dignas do mellor escritor.
E 'RAMBO' É TRANSPARENTE, na novela orixinal de David Morrell está a violencia íntima norteamericana, o narcisismo do macho ferido. E os filmes do Stallone contan as ansiedades norteamericanas, a ferida do Viet Nam, a agresividade imperialista...
AFGANISTÁN: alí vai o machote no Rambo III, a combater cos talibáns contra os rusos malos. Unha voz en off no filme: "Aos talibáns, heroicos loitadores pola liberdade". Si, os Estados Unidos armaron e apoiaron aos talibáns, que venceron aos soviéticos e levantaron alí o seu rexime: burka, sharia, Bin Laden, cultivo masivo de opio...
AGORA SON MALOS, hai que acabar con eles. Alguén en Washington escribe un guión para nós: todos contra os rusos, que vivan os talibáns (e os norteamericanos) Logo debemos esquecer ese guión, toca outro distinto: todos contra os talibáns, que vivan os norteamericanos.
RAMBO, ficou outside (diciamos orsai cando non eramos tan estudados). Cambiou a política exterior norteamericana e pasou a ser unha memoria incómoda, ninguén lle canta xa aos talibáns en Washington.
Polo de agora, mañá non se sabe. Depende de quen escribe o guión, todo cambia.
RAMBO É UN 'ALATRISTE' sen glamour. Entre imperialistas, escollo o máis bruto, o menos cínico. Prefiro a Rambo.