OPINIÓN | SUSO DE TORO

Este tempo noso

É preciso militar na cultura precisamente porque estes gobernantes quéreno negar

Stefan Zweig, moi celebrado no seu tempo, posteriormente pasou a ser esquecido e nos últimos anos está a ser lido outra volta na España, grazas á edición en castelán desa excelente editorial que é Acantilado. Zweig é un escritor excelentísimo, ler nel é unha delicia. Foi quen a escribir evitando o dilema estético que plantexaban as vangardas; facía literatura culta, porén sempre soubo que quería escribir para o público; a súa vida foi a procura do suceso literario, e conseguiuno.

A súa literatura paira sobre o século XX, como se vivise nun tempo aparte dese século tráxico na Europa, com...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Stefan Zweig, moi celebrado no seu tempo, posteriormente pasou a ser esquecido e nos últimos anos está a ser lido outra volta na España, grazas á edición en castelán desa excelente editorial que é Acantilado. Zweig é un escritor excelentísimo, ler nel é unha delicia. Foi quen a escribir evitando o dilema estético que plantexaban as vangardas; facía literatura culta, porén sempre soubo que quería escribir para o público; a súa vida foi a procura do suceso literario, e conseguiuno.

A súa literatura paira sobre o século XX, como se vivise nun tempo aparte dese século tráxico na Europa, como se non chegase a el o zunido que vibraba por debaixo dunha vida civil ameazada, como se a el non o alcanzase o odio e a violencia que xa estaba para se desatar nos anos trinta e corenta. El era xudeu, era; mais era un intelectual respectado e un escritor de éxito, tiña amizade e colaboraba con Richard Strauss, un director e compositor encarnación da cultura alemana de pureza racial fóra de dúbidas. Na súa imaxinación Zweig vivía nun mundo de cultura e arte no que os homes coma el se recoñecían uns a outros formando unha irmandade humanista, etc. Hanna Arendt, tamén ela, con posterioridade analizou o drama do iluso Zweig, fuxido da Austria nazi, só, sen público, sen aquela Europa da cultura..., outro xudeu exilado e escapado de ser asasinado. Zweig vivira nun mundo aparte da xente común, no seu caso dos xudeus comúns, e acreditou ilusoriamente nun parnaso elitista. El e mais a súa compañeira matáronse nunha casa alugada en Petrópolis. Alí, lonxe do que crera o seu país e o seu tempo, guindado ao mundo dos mortais no Brasil, deixounos aínda unha avisada visión, Brasil, país de futuro. Tantos anos despois a súa profecía brasileira está para se realizar.

E que debemos facer nós neste tempo inesperado? Desde 1976 non lembro un momento comparábel a este: todo volve a estar en crise e mudanza. As institucións paridas pola Transición non só están en crise senón xa moralmente liquidadas, carecen de autoridade moral. Da Monarquía aos grandes partidos, da famosa unidade de España ao Parlamento, á política como institución mesma...: ninguén cre xa en nada. Da autonomía galega, o que debera ter sido unha etapa histórica da recuperación do autogoberno nacional, máis val non falar: chamarnos estúpidos aos galegos que lle entregamos o noso goberno aos verdugos do país é pouco. Temos o que merecemos, nin máis nin menos.

Nun tempo así, como habemos nós poder falar de cultura? A cultura entendida como música, como libros, como arte... E, malia todo o que nos rodea, malia esta crise sen cabeza e sen esperanza, deberamos tamén poder seguir a falar desas cousas. Non escapar da vida social compartida, non deixar de partillar as preocupacións e mobilizacións sociais, mais non todo ha ser amargura e logo fútbol e touros na televisión, temos que insistir na militancia das artes. Porque esta sociedade ten dereito a ter artistas e as súas obras. É preciso militar na cultura precisamente porque os gobernos máis reaccionarios e miserabeis que tivemos en moito tempo quéreno negar. Facer arte, facer cultura a pesar deles e contra eles. A semana próxima prometo falar de literatura.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Archivado En