Termodinámica e tradición

PELdeNOZ experimenta co cancioneiro popular recollido por Dorothé Schubarth

Os membros do dúo PELdeNOZ, Alberto Rodríguez (esquerda) e Alonso Caxade.

Consigna e economía política coinciden no caso de PELdeNOZ. O primeiro disco do dúo leva estampado na portada o mesmo principio activo que organiza o seu laboratorio: jazz&trad. Non era sen tempo, a verdade. Hai xa sete anos que botou a andar o proxecto coa teima elemental da termodinámica por diante: “A tradición non se crea nin se destrúe, transfórmase”, acuñan nun correo electrónico. O acordeonista Alonso Caxade (Orquestra Os Modernos, Cuarteto Caramuxo) e o contrabaixista Alberto Rodríguez (PédeBoi, Dios Ke Te Crew), xuntos tamén en CabRaret, traballan no jazz e o blues as melodías que...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Consigna e economía política coinciden no caso de PELdeNOZ. O primeiro disco do dúo leva estampado na portada o mesmo principio activo que organiza o seu laboratorio: jazz&trad. Non era sen tempo, a verdade. Hai xa sete anos que botou a andar o proxecto coa teima elemental da termodinámica por diante: “A tradición non se crea nin se destrúe, transfórmase”, acuñan nun correo electrónico. O acordeonista Alonso Caxade (Orquestra Os Modernos, Cuarteto Caramuxo) e o contrabaixista Alberto Rodríguez (PédeBoi, Dios Ke Te Crew), xuntos tamén en CabRaret, traballan no jazz e o blues as melodías que van apañar primeiro no cancioneiro tradicional galego.

Hai polos menos tres elementos singulares en jazz&trad, unha autoedición de 500 copias en CD con licenza Creative Commons que xa se pode atopar na Rede (www.reverbnation.com/peldenoz) e algunhas tendas de discos. A primeira, unha infrecuente parella de baile: contrabaixo e acordeón ao seu, acompañados nalgúns dos cortes pola voz exenta de Xandre Outeiro (Projecto Trépia). A segunda, os arranxos: Caucarraucau no Mississippi, a Carolina a dous milímetros escasos da abstracción e así sucesivamente. A terceira, as fontes: case todas as pezas saen do Cancioneiro Popular Galego reunido pola suíza Dorothé Schubarth tras unha viaxe a Galicia en 1978.

“O seu tratamento denso pero tamén divulgativo, elegante e agarimoso, metódico e profundo, abriu un camiño no ámbito da etnomusicoloxía en Galicia que descoñeciamos e que nunca antes fora experimentado", argumenta Caxade en torno ao traballo de Schubarth, unha serie de gravacións e transcricións que se conservan nos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia. “A súa investigación pechou unha etapa”, continúa, “supuxo a fin do romantismo musical e as recollidas de campo feitas por neófitos e abriu un camiño novo do que aínda no sabemos percorrido e meta".

Gravado nos estudios de Radio Galega, o debut de PELdeNOZ reúne 10 cancións. Abre a Carolina nunha apropiación instrumental e seguen Regüelhe, sobre unha muiñeira recollida en 1980 nese lugar da parroquia de Olveira, en Dumbría (A Coruña), e dúas pezas ligadas ao repertorio de Florencio López, o Cego dos Vilares: Leonor, un dos temas máis diáfanos e conmovedores do disco, e Vilares, un áspero canto de arrieiro. Uxía de Numide é unha canción de berce que o propio Caxade escoitou da boca dunha cativa de tres anos en Ordes, e Arrigar em Lobeira parte dun canto de apañar o liño que Schubarth aprendera de Xaquín Lorenzo Xocas e este, pola súa vez, recollera nos anos vinte. Pechan unha xota, O arroio; outra peza do Cego dos Vilares, Caucarraucau; e un canto de labor recollido por José Inzenga (1828-1891) en Ourense, Tróupele Tróupele.

Fragmentada —cando non anestesiada polo pasado continuo da retromanía— certa capacidade de innovación na música popular contemporánea, a dialéctica entre o rock e o folk está hoxe devaluada, tamén en Galicia. A Caxade, ademais do acordeón, dánselle ben as metáforas: “Habería que ir pasando do samba galego á bossanova, e iso require cociña de ferro e lume lento. Schubarth cartografou o samba, agora é cousa nosa chegar á bossanova”. A falta de exercicios de apropiación análogos aos de Nacho Vegas e Xel Pereda con Lucas 15 (2008) arredor da música tradicional asturiana, PELdeNOZ propón a súa química: o jazz&trad, “onde trad é seguridade, calma, orientación e equilibrio, e jazz é liberdade, variación, improvisación, diversión e xogo".

Lonxe destas coordenadas, a bisagra do verán debería traer varios discos. Na lista de espera segue, inexplicablemente, o primeiro LP de Srasrsra, que Discoteca Océano prometera publicar hai xa varios meses. Inminente é a saída do novo de Diadermin no catálogo de Enanos Gigantes, selo que abandonaron Franc3s para publicar con Limbo Starr o seu segundo disco, xa gravado e previsto para o outono. O que segue a ferver é verkami.com, a plataforma de crowdfunding. Tras os pasos de Galician Bizarre II ou o colectivo Metamovida, que xa acadaron o seu financiamento, andan agora proxectos tan dispares como o dos vigueses Cró!, os dous tributos a Zeca Afonso (Terra da fraternidade) e Magín Blanco (Doutor Apertas) ou o “disco díscolo” do dúo Os da Ría.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Archivado En