LUCES | EPISODIOS GALEGOS

O ‘malestar cómico’ de Galicia

A Rosalía tampouco a deixarían entrar no Salón Teatro, da Xunta, para o Día Mundial do Teatro

Dario Fo estabeleceu unha especie de lei de correspondencia entre o poder político e o humor do país. Canto máis autoritario o poder, máis triste está o país. E engadía o gran cómico e dramaturgo italiano, premio nobel de Literatura en 1977: “Rir é o trazo máis alto da nosa especie, o verdadeiro Misterio bufo da Humanidade”. En Galicia, agora, está a ocorrer algo inquietante. A guerra do Goberno contra os cómicos. O ofuscamento dun alcalde contra un pallaso. Estamos ante o avance autoritario da tristura?

Alédame que Leo Bassi encontrase por fin un lugar para actuar en Santiago. O que se...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Dario Fo estabeleceu unha especie de lei de correspondencia entre o poder político e o humor do país. Canto máis autoritario o poder, máis triste está o país. E engadía o gran cómico e dramaturgo italiano, premio nobel de Literatura en 1977: “Rir é o trazo máis alto da nosa especie, o verdadeiro Misterio bufo da Humanidade”. En Galicia, agora, está a ocorrer algo inquietante. A guerra do Goberno contra os cómicos. O ofuscamento dun alcalde contra un pallaso. Estamos ante o avance autoritario da tristura?

Alédame que Leo Bassi encontrase por fin un lugar para actuar en Santiago. O que se gastou en contedores culturais, mesmo unha Cidade da Cultura, e agora resulta que non hai sitio para un pallaso. Bassi tiña xa acordado o Teatro Principal, propiedade do Concello, pero a autoridade local, con desculpas absurdas e peor estilo, deixouno sen escenario. En realidade, un veto, unha censura, unha arroutada inquisitorial. Cómpre aclarar, porque xa roncha a leria das subvencións, que o Concello non puña un peso. E ademais vai o alcalde e solta: “A mi Leo Bassi me produce especial repugnancia”.

Está ben que a xente sexa ambiciosa no seu mester, pero ás veces pérdese por unha ambición esaxerada, desmedida, cósmica. A cousa do alcalde xa ficara en alcaldada, pero o señor Conde Roa quixo ir máis alá do Milladoiro e Lavacolla, transcender o local. Acadar unha alcaldada universal. E conseguiuno. Abofé. A estas alturas o caso debe andar xa nos informativos de Al Jazzira.

Leo Bassi é un pallaso. Un cómico. O alcalde de Santiago non é un pallaso. Nin un cómico. Podería selo, non sei, non é oficio doado. Mais é o alcalde de Santiago. Algo importante. Mesmo, se queren, moi importante. Santiago de Compostela é un lugar ben sinalado no mapamundi. Cimentado e cicelado en pedra sublime. Eu non digo que o alcalde de Santiago teña tamén de ser de pedra sublime. Será humano. Errar humano est. Pero o que non pode ser función de alcalde é dar a volta ao mundo por emendar e escornar cun cómico. O alcalde ha de ter conta do alumeado, mais non causar o irse da luz. Ha de ter conta dos sumidoiros, mais non ateigalos coa enxurrada. Ha de ter conta do Teatro Principal, mais non levarse a chave. En resume, non é cousa do alcalde quitarlle o pan a un pallaso. Competir cun cómico.

Se un alcalde de Santiago, ou calisquer político con vara de mando, non entende isto, a necesidade do pallaso, a liberdade do cómico, o santo espírito do spiritus risende, pois non entende nada. No pazo de Elsinor non daría nin para pantasma.

Mais a culpa non é toda del. A culpa é de que vivimos tempos en que non se respectan os oficios e os mesteres. Se un alcalde non se decata de que turrando contra un cómico está facendo o parvo é porque xa non hai respecto nin polos alcaldes, nin polos cómicos nin polos parvos. Cadaquén ten o seu sitio, pero Conde Roa, en vez de concentrarse na súa nobre función, que é administrar o concello, pois quere todo. Quere facer de pallaso. E acaba facendo tamén o parvo.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Cal é a primeira manifestación de intelixencia nunha crianza humana? Sen dúbida, o riso. O aceno do primeiro riso. Cando nacía ese primeiro sorriso no meniño ou meniña do berce, na mitoloxía popular atribuíano a un efecto do trasno meniñeiro. A crianza que sorría, vía o trasno, mais para os adultos era invisíbel. Así que o trasno meniñeiro era o primeiro cómico, mais tamén, por dicilo así, o anxo da intelixencia. O Espírito Santo como un spiritus ridens. O espírito do riso. Ese espírito pousou no rostro do profeta Daniel, no Pórtico da Gloria. Un riso único na arte. E quen sería o mestre canteiro, senón un trasno meniñeiro? Hai oitos séculos e pico. O mestre está alí, no Obradoiro, coa maza e co cicel mirando a pedra, e por alí que pasan os de Mofa e Befa ou os de Chévere ou Carlos Blanco ou Cándido Pazó, contando picardías, e entón o mestre olla a pedra e a pedra olla o mestre, e aí naceu o sorriso de Daniel.

O medio ambiente non é bo para os trasnos meniñeiros. Freud escribiu sobre “o malestar da cultura”. Ademais de cultural, o noso é un malestar cómico, que é unha das peores doenzas. Sabemos que o humor adoita nacer como esconxuro da dor. Canto máis fonda é a dor, mellor escancia o humor. Aínda está por facer unha historia do mester cómico en Galicia, que é unha historia de moito humor e de moita dor. Eu a esa historia poríalle de limiar un dos poemas máis felices dos Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, quen, por certo, foi cómica antes que poeta. Ese poema de esmorga e erotismo onde se fala do “rir toleirón”: “Relouca de arriba, relouca de abaixo, / iñamos, viñamos i o bombo... pon... pon”.

A Rosalía, moza ou vella, tampouco a deixarían entrar no Salón Teatro, de xestión pública, dependente da Xunta, para celebrar o Día Mundial do Teatro, como pretendeu este luns a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Tiveron que facelo na rúa, nunha manifestación. Hai quen critica os cómicos, os titiriteiros por iso. Por manifestárense de máis. Pero eu non creo que ninguén se faga actriz para logo ir de protesto. Como tampouco que ninguén queira ser alcalde para logo guerrear cun cómico. O lugar feliz do teatro é o teatro. Coñezo poucos oficios onde a xente se implique tanto no seu mester. Arrisque tanto, no persoal e no artístico. Que en Galicia teñamos tanta xente que aposta a cabeza polo teatro é un milagre do spiritus ridens, do Espírito do Riso. Facerlle a vida imposíbel, pecharlle portas, empurrala ao protesto, iso si que é esfolar un país.

Hai cousas que non teñen perdón. E unha delas é arbitrariedade do poder contra o mester dos cómicos. Pretender derrogar pola vía do feito o dereito ao riso, que é tamén a liberdade da crítica, da burla, de poñer patas arriba. Hai moitas clases de teatro, como de literatura, mais a arte ou é insubmisa e ceibe ou non é. É parte da obriga dun político demócrata, dun liberal, etcétera, é favorecer ese espazo de liberdade como un hábitat onde respirar.

Contaba Darío Fo que na Italia dominada pola censura de Andreotti “todo se facía a medias, mesmo o striptease”. E estaremos nesas? Prohibir o riso, instaurar a tristura. Facer emigrar os trasnos meniñeiros, e ese o futuro que se pretende?

Archivado En