LUCES | A VER

Míseros e baldreus

Estamos a vivir unha guerra por medios económicos, afortunadamente, e non militares. Un conflito de poderes no que se entrecruzan varias liñas de fronte e se dirimen varios combates: a supremacía da China, o dólar e mais a libra contra o euro, Alemaña contra os outros Estados europeos, a dereita contra a esquerda... A crise financeira, e tamén da economía do ladrillo española, é o instrumento para deixar completamente inermes aos traballadores fronte aos grandes patronos, descaradamente insaciábeis. E aquí entre nosoutros, endemais a dereita españolista aproveita para procurar liquidar a ident...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Estamos a vivir unha guerra por medios económicos, afortunadamente, e non militares. Un conflito de poderes no que se entrecruzan varias liñas de fronte e se dirimen varios combates: a supremacía da China, o dólar e mais a libra contra o euro, Alemaña contra os outros Estados europeos, a dereita contra a esquerda... A crise financeira, e tamén da economía do ladrillo española, é o instrumento para deixar completamente inermes aos traballadores fronte aos grandes patronos, descaradamente insaciábeis. E aquí entre nosoutros, endemais a dereita españolista aproveita para procurar liquidar a identidade e o autogoberno galegos. A desaparición da Consellería de Cultura é significativísimo e ten unha gravidade enorme, pois traizoa a reivindicación histórica do autogoberno da que naceu a autonomía e traizoa mesmo o texto do noso Estatuto.

A cultura en lingua galega viviu sempre e vive agónicamente, condenada a loitar pola supervivencia. Ben pode que sexa iso o que explique que a literatura en lingua galega teña tanto peso en proporción a un país pequeno e sen estado. A literatura galega, esa evidencia malia ter todo en contra, sustituiu ao Estado galego (desde logo que é unha literatura política toda ela, aínda que non o pretenda). No seu interior, fortes tensións. É unha literatura comisariada, vixiada ideoloxicamente, e tamén enchoupada da autoconmiseración e autoindulxencia que a fan infantil ás veces. Só iso pode explicar, por un exemplo, que haxa reaccións asombradas cando se sinala a evidencia do desatino ideolóxico de Risco ou que O porco de pé é un libro xenófobo. En sendo “un dos nosos”, perdoámoslle todo.

Mais tamén toda a literatura moderna desde a propia Rosalía está inzada de obras de gran liberdade, afouteza e risco literario. Volvo tropezar con A Esmorga (confeso que relin ese romance, entre outros, antes de escribir Land Rover). É unha novela bizarra e salvaxe como hai poucas, non acredito no lugar común de que sexa a mellor novela galega e comprendo a crítica tan intelixente e exacta que lle fai Carvalho Calero na súa exemplar Historia da Literatura. Porén, é unha análise insuficiente, pois o libro resiste o paso do tempo. Por que? Sen dúbida porque, con gran concentración literaria, toca nervos ocultos da sociedade e de cada un de nós. Blanco Amor debuxa aí unha Galiza tristísima e baixa, desconcertante para o galeguismo bempensante precisamente porque é verdade. O autor ofrécenos un aspecto do seu interior, unha turbulencia de pulsións violentas. O nihilismo dos desesperados que une ese libro coa obra de Genet, de Cèline ou de Passolini ou con filmes como Trainspotting. Corpos humillados, suxos, mutilados, asasinados. Que un romance así, tan bizarro e gay, sexa considerado a insignia da nosa narrativa demostra que somos unha sociedade interiormente moito máis complicada e violenta que esas estampas bucólicas coas que nos retratan. E que a literatura galega non pode vivir dun xeito apacíbel e só pode existir aos golpes.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Archivado En