Reportaje:Luces

Mapa e melancolía

Cunqueiro nunca utilizou as fontes literarias no seu proveito, senón no común

Pensaban os antigos que a memoria era un mapa. Non unha facultade da intelixencia humana, senón un espazo onde procurar cousas útiles e valiosas. O traballo dos escritores non consistía en reinventar o mundo. Consistía en transportar o saber común da lingua para alén do coñecemento das persoas.

Nin tan sequera a modernidade foi quen de tronzar esta cadea. Non a crebou Bernardo de Chartres, remoto inspirador do buscador do Google: "Os modernos somos ananos que subimos ao lombo dos xigantes". De aparencia humilde, a frase é un prodixio de soberbia. Somos pequenos en comparanza dos antigos...

Suscríbete para seguir leyendo

Lee sin límites

Pensaban os antigos que a memoria era un mapa. Non unha facultade da intelixencia humana, senón un espazo onde procurar cousas útiles e valiosas. O traballo dos escritores non consistía en reinventar o mundo. Consistía en transportar o saber común da lingua para alén do coñecemento das persoas.

Nin tan sequera a modernidade foi quen de tronzar esta cadea. Non a crebou Bernardo de Chartres, remoto inspirador do buscador do Google: "Os modernos somos ananos que subimos ao lombo dos xigantes". De aparencia humilde, a frase é un prodixio de soberbia. Somos pequenos en comparanza dos antigos. Pero teñen a obriga de nos levar ao lombo, por iso podemos ver mellor ca eles. Se a Álvaro Cunqueiro lle deixasen elixir, non querería ser o anano empoleirado, senón o xigante que non ve. A diferenza dos escritores pedantes, Cunqueiro nunca utilizou as fontes literarias no seu proveito, senón no común. Como dixera Borges de Quevedo, a súa obra equivale a unha literatura. De que nación? De todas.

Igual que Eliot, tratou a Dante ou a Villon como se fosen poetas da súa terra

Existe con frecuencia o prexuízo de que é imposible dedicarse con proveito a máis dun xénero literario, pero hai tres escritores galegos que foron, simultaneamente, poderosos novelistas e grandes poetas: Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. A capacidade dos tres para atravesaren as fronteiras literarias é paralela ao seu interese por atravesar as fronteiras espaciais. Un movemento intelectual que, dalgún xeito, implica un regreso á concepción antiga da memoria como unha xeografía imaxinaria.

Non houbo literatura do noso contexto cultural á que Cunqueiro non estivese atento. E estívoo tamén con frecuencia a aquelas que poderían parecer lingüistica ou culturalmente máis remotas, como a chinesa, a finesa ou a báltica. Foi mestre na tentativa de volver ler en conxunto a Romania medieval. Dende logo na prosa, moi influída pola tradición occitana e pola materia artúrica, mais tamén na tradución e na práctica da poesía. Herba aquí ou acolá constitúe, entre outras moitas cousas, un atlas da literatura universal de todos os lugares e de todos os tempos. Igual que T. S. Eliot, Cunqueiro trata a Dante, a Villon ou a Shakespeare como se fosen poetas da súa terra.

A inmensa cultura de Álvaro Cunqueiro non o prexudicou como escritor. Conservou sempre intactas dúas cualidades necesarias para que a intelixencia non afogue o talento: a capacidade emotiva e o humorismo. Compatibles, igual que en Rosalía -a quen lle dedicou o discurso que foi lido publicamente cando o enterraron- cunha intensa melancolía. Non saudade. Porque non houbo, nin na literatura dela nin na del, unha vontade explícita de caracterizar a Galicia como se fose un mapa do desacougo. Houbo, como en Walter Benjamin, a vontade de se traducir a si mesmos e de traducir a outros a unha lingua danada. De convertir a derrota -persoal ou política- en dignidade.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Na súa análise das Crónicas do Sochantre, Xoán González Millán demostrou dun xeito sólido a necesidade de ler a literatura fantástica en clave sociolóxica. Con que relacionar o imaxinario se non é co real? Fagámoslle xustiza a Don Álvaro Cunqueiro e recoñezamos que, mesmo cando falaba doutros lugares, en realidade estaba a falar de nós.

- O pasado cultural na serie Eu son... Acaso Herba aquí e acolá sexa o libro no que se amosa con máis forza a influencia e convivencia das distintas tradicións culturais europeas na obra de Cunqueiro. Este fenómeno resulta particularmente visible nunha serie de poemas encabezados pola fórmula Eu son.... O autor demostra neles unha asimilación moi persoal da tradición inglesa do monólogo dramático, que tal vez coñeceu de primeira man grazas ao célebre -e a miúdo terxiversado- libro de Robert Langbaum The Poetry of Experience.

Os poemas da serie Eu son... abren un espazo de reflexión moi vinculado á declaración xudicial. Cunqueiro converte habilmente aos lectores en xuíces chamados a condenar ou absolver vidas pasadas. Ao promover unha visión complexa sobre a responsabilidade ou sobre a culpa, Eu son Dagha, Eu son Paltiel, Eu son Edipo ou Eu son Danae sosteñen unha defensa implícita de cualidades como a imaxinación ou a capacidade de se poñer no lugar do outro, reivindicadas para a práctica xudicial pola teórica do dereito Martha Nussbaum.

Agás no caso de Dagha, misterioso nome posiblemente vinculado á mitoloxía céltica, os personaxes dos poemas son en principio recoñecibles polo lector. Pero Cunqueiro preséntaos conscientemente dislocados da súa posición tradicional. Danae non é unha rapaciña inocente, senón unha vella tola; Edipo non é un rei, senón unha "baluguiña de manteiga". E Paltiel non lle teme tanto ao Deus de Israel como a "pasar por cornudo". A lingua galega, a miúdo empregada no seu rexistro máis coloquial, non emerxe nos poemas como a lingua dun territorio, senón como o soporte dunha experiencia capaz de igualar os humanos e os deuses. En sentido inverso, poderiamos dicir tamén que o galego forma parte indisoluble da experiencia de ler estes poemas de deuses que se dirixen ás persoas, e de persoas ás que lles foi concedido o estraño don de xulgar aos deuses.

Situadas no limiar da sociedade, a medio camiño entre a extrema soidade e a íntima correspondencia, as voces desta serie convidan a pensar nas seguintes palabras de Enrique Dussel: "A única esixencia ética é a que nos ditan os excluídos da totalidade social: os orfos fóra das familias, os pobres fóra do estado do benestar, os vellos fóra dunha sociedade baseada na eficiencia, os estranxeiros fóra do seu país de orixe".

Archivado En